The White Stripes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
The White Stripes
Whitestripes.jpg
Jack e Meg White
Orixe Detroit, Estados Unidos Flag of the United States.svg
Período 1997 - 2011
Xénero(s) rock alternativo, garage rock, punk blues
Selo(s) discográfico(s) Sympathy For The Record Industry
V2/BMG
Membros Jack White
Meg White
Web oficial http://www.whitestripes.com


The White Stripes foi un dúo procedente de Detroit, formado en 1997 por Jack White (guitarra, piano e voz) e Meg White (batería). Despois de editar varios sinxelos e tres álbums na escena independente de Detroit, a banda acadou a fama no ano 2002, como parte de escena do garage rock revival. Os seus exitosos álbums White Blood Cells e Elephant chamaron a atención dunha grande cantidade de medios dos Estados Unidos e o Reino Unido.

Despois dun longo tempo de hiato, o día 2 de febreiro de 2011 os membros da banda anunciaron oficialmente a súa disolución[1].

Historia[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

A historia da banda comezou no estado de Míchigan, concretamente en Detroit, cidade natal de John Anthony Gillis e Megan Martha White. A banda creou as personaxes de Jack White e Meg White, únicos membros de The White Stripes, vocalista/guitarrista e batería respectivamente.

The White Stripes naceu en 1997, e nese mesmo ano lanzou un sinxelo chamado "Let's Shake Hands", a través do selo Italy Records. No ano seguinte fixeron un novo lanzamento con Italy, o sinxelo "Lafayette Blues", antes de que a banda se mudase para a discográfica Sympathy For The Record Industry.

Primeiros álbums[editar | editar a fonte]

Polo novo selo estreáronse co sinxelo "The Big Three Killed My Baby" e co primeiro LP en 1999, The White Stripes. En xiras ao lado de nomes como Pavement e Sleater-Kinney, a banda comezou a construír a súa reputación.

No ano 2000 dous sinxelos precederon o lanzamento do segundo álbum: "Hello Operator" e "Lord, Send Me An Angel". O novo disco, De Stijl, foi editado en xuño de 2000, traendo un conxunto de cancións sinxelas e cheas de referencias á música popular estadounidense, incluíndo unha versión de "Your Southern Can Is Mine", de Blind Willie McTell. O título do álbum ("o estilo", en holandés), é unha referencia ao movemento artístico liderado polo arquitecto Gerrit Rietveld.

Foi con ese disco co cal a banda gañou a Europa, e John Peel chegou a colocalos á mesma altura de Jimi Hendrix e os Sex Pistols. Jack e Meg pasaron tamén por Xapón e Australia. Aínda en 2000, participaron do tradicional Singles Club do selo Sub Pop e lanzaron un split con The Dirtbombs.

En 2001 a banda aproveitou o seu bo momento para facer moitos concertos e, nos intervalos, lanzar EPs, sempre fieis ao vinilo. Jack White sacou tempo para manterse en contato coa escena de Detroit, onde produxo algunhas bandas noveis. Nos concertos, o seu estilo, que fluía entre o blues, o country e o punk, e a súa habilidade na guitarra, facían que a falta de outro guitarrista e de baixista non fose notada polo público.

Chegada á fama[editar | editar a fonte]

White Blood Cells, o terceiro traballo, foi lanzado nese ano, catapultando á banda definitivamente ao estrelato, co apoio case incondicional dos medios (outro factor bastante relevante na argumentación dos detractores da banda). No ano seguinte a banda continuou facendo concertos e lanzando sinxelos do seu último disco.

En 2003, a banda preparou o lanzamento dun novo álbum, o primeiro en ser lanzado pola V2/BMG (que contratou ao dúo en xaneiro de 2002, e relanzou os seus tres primeiros discos en xuño dese ano). As sesións de gravación do disco aconteceron nos Toe Rag Studios, en Londres, coa banda utilizando só equipo analóxico.

Meg White no Primavera Sound 2007 de Barcelona

Elephant lanzouse no mes de abril, anticipándose á data prevista debido a filtracións en Internet das súas cancións. O cuarto álbum de The White Stripes foi ben recibido, talvez non co mesmo entusiasmo do seu antecesor, pero mantiña o seu nivel. Unha versión de Burt Bacharach, "I Just Don't Know What To Do With Myself", gañou un videoclip dirixido por Sofia Coppola, e na canción que pecha o disco, "It's True That We Love One Another", Meg e Jack cantan coa vocalista Miss Holly Golightly, pouco coñecida entre o público, pero bastante admirada entre músicos como Mark Arm (líder de Mudhoney).

2003 marcou tamén o inicio da incursión de Jack White no cine, participando nas películas Cold Mountain de Anthony Minghella e de Coffee & Cigarettes de Jim Jarmusch, ao lado de Meg White. En xullo, un accidente de coche baixou a Jack dos escenarios durante dous meses. En 2004, a banda pasou boa parte do tempo facendo concertos e despois entrou no estudio para gravar seu quinto álbum.

No ano seguinte foi lanzado o sucesor de Elephant, chamado Get Behind Me Satan. O disco sorprendeu pola variedade de instrumentos utilizados pola banda, coa guitarra de Jack White menos presente.

O sexto álbum de The White Stripes, Icky Thump, editouse no ano 2007 a través do selo Warner Bros. Records. Icky Thump estreouse na lista británica de álbums no número 1[2], e no 2 na Billboard 200 estadounidense despois de vender 223.000 copias na súa primeira semana. A finais de xullo o ñalbum foi certificado ouro nos Estados Unidos e o 8 de marzo do 2008 levaba vendidas 725.125 copias nese país. O 10 de febreiro do 2008 gañou o premio Grammy ao mellor álbum de música alternativa.

Fin da banda[editar | editar a fonte]

O 11 de setembro do 2007 a banda cancelou 18 datas da súa xira debido a problemas de ansiedade de Meg. Despois destas cancelacións suspenderon o resto das datas para ese ano, incluída a súa xira polo Reino Unido.

The White Stripes non volverían a actuar ata o 20 de febreiro do 2009, cando apareceron no programa Late Night with Conan O'Brien, onde interpretaron unha versión alternativa de "We're Going to Be Friends". Esta actuación resultou ser a última, xa que ata a ruptura do grupo a principios do 2011 non volverían a subirse a un escenario.

Membros[editar | editar a fonte]

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums[editar | editar a fonte]

EPs[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]