Pearl Jam

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pearl Jam
PearlJampic.jpg
Pearl Jam en directo
Orixe Seattle, Washington, Estados Unidos Flag of the United States.svg
Período 1990 - actualidade
Xénero(s) grunge, rock alternativo
Selo(s) discográfico(s) Monkeywrench, Universal, Epic, J Records
Membros Jeff Ament
Eddie Vedder
Stone Gossard
Matt Cameron
Mike McCready
Antigos membros Dave Krusen
Matt Chamberlain
Dave Abbruzzese
Jack Irons
Web oficial http://www.pearljam.com/


Pearl Jam é una banda de grunge formada en Seattle durante o ano 1990 das cinzas do grupo Mother Love Bone. É unha das máis importantes bandas do movemento xurdido en Seattle a principios dos anos 90 e das poucas que permanecen aínda en actividade.

Biografía[editar | editar a fonte]

O embrión da banda[editar | editar a fonte]

O embrión de Pearl Jam podemos atopalo noutras bandas de Seattle de mediados dos anos 80. Na época a cidade non era aínda o grande foco de atención no mundo do rock que foi a principios da década dos 90.

Nese tempo, o guitarrista Stone Gossard e o baixista Jeff Ament eran amigos e formaron unha banda de hard rock chamada Green River a mediados dos 80, xunto co guitarrista Steve Turner e o vocalista Mark Arm. Con Green River chegou a gravar e a lanzar un disco, chamado Rehad Doll, á parte dun EP, polo selo local Sub Pop. Porén, en 1988 a banda decidiu separarse. Arm e Turner formarían despois Mudhoney, un dos grupos pioneiros do grunge. Pola súa banda, Jeff e Stone continuaron xuntos, e co batería Jeff Turner e o vocalista Andrew Wood, formarían unha nova banda, chamada Mother Love Bone. Asinaron un contrato con Geffen Records e lanzaron en 1989 o EP Shine e, en 1990, un álbum chamado Apple. A banda comezaba a ter éxito nos Estados Unidos, cando, despois do lanzamento de Apple, o 16 de marzo de 1990, o vocalista Andrew Wood morreu dunha sobredose de heroína.

Despois diso, Stone e Jeff separánronse, pero continuaron compoñendo cancións. Despois dalgún tempo, xuntánronse de novo coa intención de formar un novo grupo. Incorporaron ao guitarrista Mike McCready (ex-Shadow), pero faltaba aínda un vocalista e un batería. Por medio do amigo e batería Jack Irons (ex-Red Hot Chili Peppers), coñeceron a Eddie Vedder, que estaba naquel momento traballando en San Diego, California, pero que acostumaba a tocar con algúns amigos en bares de Seattle. Vedder recibiu unha cinta demo do trío de Seattle e gustoulle o que escoitou. Decidiu escribir as letras que lle faltaban a esas cancións e el mesmo as gravou na cinta e a enviou de volta para Seattle. O trío ficou impresionado co resulatado e decidiu convidar a Eddie para ser a voz da futura nova banda. Así, Vedder marchou cara Seattle e gravou coa banda durante tres semanas. Despois das mesmas xa estaban tocando para o público local.

Ao mesmo tempo que iso acontecía, Chris Cornell, vocalista de Soundgarden e ex-compañeiro de cuarto do falecido vocalista de Mother Love Bone, decide formar unha banda para facer un disco en homenaxe ao antigo compañeiro. El contacta con Jeff Ament e Stone Gossard que aceptan formar parte dese proxecto. Estes levan a Mike McCready e Eddie Vedder, e xunto co batería Matt Cameron, tamén de Soundgarden, forman Temple of the Dog. Gravan un excelente álbum auto-titulado, que saíu pola A&M Records en 1991. Despois da fin desa banda (que dende o início era só un proxecto temporal para homenaxear ao carismático Andrew Wood), Jeff, Stone, Mike e Eddie deciden formar definitivamente unha nova banda, e para iso refórzanse co batería Dave Krusen.

Así, nace Pearl Jam. Nun princípio, o nome da banda sería Mookie Blaylock, que era o nome dun xogador de baloncesto. Pero tiveron que mudalo por problemas burocráticos, e Vedder suxeriu o nome de Pearl Jam, que sería unha homenaxe a unha marmelada con poderes alucinóxenos que a súa avoa (chamada Pearl) facía. Despois dalgún tempo gravando material para o álbum de debut asinan un contrato coa Epic Records, lanzando o resultado desas gravacións en agosto de 1991.

A estrea, Ten[editar | editar a fonte]

Ese resultado é o disco Ten (número da camiseta de Blaylock nos New Jersey Nets), certamente un dos mellores álbums de grunge, e do rock en xeral nos últimos tempos (de feito, no mes de febreiro do 2011 foi elexido polos lectores da revista Rolling Stone o terceiro mellor álbum dos anos 90[1]). Posúe cancións belas e inesquecibles como "Alive" (o grande éxito radiofónico do disco, e que levou a Pearl Jam a ser coñecido en todo o mundo), "Oceans", "Black" e "Release", outras pesadas e rabiosas típicas do grunge, como "Once" e "Why Go", aparte de outras excelentes por si soas, como "Jeremy" (outro grande éxito radiofónico), "Porch" e "Even Flow". Coa excesiva difusión dese disco na radio e na televisión, a banda fíxose moi coñecida e o álbum chegou así ao Top Ten estadounidense. A banda gañou o premio de vídeo do ano da MTV, co clip de "Jeremy", á parte doutros premios.

Pearl Jam actuando en Toronto

Así, a banda iniciou unha gran xira de divulgación ao redor do mundo, pero sen o batería Dave Krusen, que saíu no final das gravacións dese primeiro disco por problemas persoais. Matt Chamberlain tocou coa banda nesa xira. Pearl Jam tamén se fixo coñecida polos seus directos, cheos de enerxía e co carisma de Vedder desbordando en cada un deles.

En 1992, a banda participou na película Singles, do director Cameron Crowe. Nesa película, faise un retrato da xeración grunge de Seattle, e varias bandas da cidade aparecen tocando, como por exemplo, Alice in Chains. Algúns dos membros de Pearl Jam forman parte da banda de Matt Dillon, chamada "Citizen Dick", sendo Vedder o batería.

A banda realizou tamén un acústico para a MTV, onde tocaron algunhas cancións do primeiro disco, aparte dunha canción que aparecía na película Singles (chamada "State of Love and Trust") e unha versión de Neil Young, chamada "Rockin’ in the Free World".

Pearl Jam actuou en varios concertos como teloneiros de artista coñecidos, como Red Hot Chili Peppers, U2 ou Neil Young, e foi cabeza de cartel da segunda edición do festival alternativo Lollapalooza, organizado anualmente por Perry Farrell. Despois dese intenso ano, a banda entraría no estudio para comezar as gravación do seu segundo traballo.

Vs[editar | editar a fonte]

O segundo traballo da banda foi lanzado en outubro de 1993 baixo o nome de Vs. (aínda que o título non aparece en ningún lugar do disco). O grupo cambiou outra vez de batería, Matt Chamberlain sairía para tocar na banda do programa de televisión Saturday Night Live, e no seu lugar entraría Dave Abbruzzese. O disco foi moi ben recibido e o seu primeiro día vendería 350.000 copias.

Nese período a banda comeza a amosarse insatisfeita coa política comercial da Ticketmaster, a empresa estadounidense que controla a venda e distribuición das entradas dos concertos feitos nese país. O principal motivo era o prezo desas entradas, que a banda sempre loitou para manter baixo, ao contrario do que efectivamente acontecía. En maio, reclaman oficialmente á xustiza para unha investigación, acusándoos de monopolio, xa que non había outras empresas para así promover unha competencia, e, consecuentemente, baixar os prezos e forzar a mellora dos servizos. Rompen coa empresa e pasan a promover e organizar os seus propios concertos, obtendo apoio doutros artistas, como R.E.M., Aerosmith e Neil Young. Isto dificulta bastante a vida da banda, xa que a Ticketmaster facilitaba bastante ese proceso e eles acaban entrando nun baixón, que culmina con algúns problemas internos, ao mesmo tempo no que o Departamento de Xustiza desiste de investigar a Ticketmaster.

Decepcionados co mercado artístico e a industria cultural vixente nos Estados Unidos, a banda adopta unha postura anticomercial: deixan de producir clips, non tocam para grandes audiencias, non aparecen en programas de televisión, non dan entrevistas a revistas, non usan máis as caixas de CDs normais para comercializar os seus traballos e, claro, non usan máis a Ticketmaster para promover os seus concertos. Aparentemente, a idea da banda é non exporse de máis e fuxir dos "fans de momento", aqueles que só os coñecen pola excesiva exposición da banda polos medios de comunicación comúns.

Aínda en 1994 ocorre un feito que non só afecta a Pearl Jam, senón a grande parte do escenario musical mundial: Kurt Cobain suicídase a comezos de abril. A banda decide cancelar algúns concertos marcados para o verán amosándose bastante afectada polo feito, e, nunha aparición no programa Saturday Night Live, Vedder usa unha camiseta cun K debuxado. Nesa presentación, el canta un anaco dunha canción de Neil Young, chamada "Hey Hey My My (Out of the Blues)". Kurt usara unha frase dese tema na súa carta de despedida ("It’s better to burn out than to fade away").

Vitalogy[editar | editar a fonte]

A banda entrou no estudio ese ano para gravar o seu terceiro álbum e en decembro de 1994 lanzaríase Vitalogy. Este disco non vende tanto como os anteriores debido en gran parte ao boicot dos medios debido á postura anti-comercial que adoptara a banda. Dave Abbruzzese foi despedido antes de rematadas as gravacións do disco e o seu lugar ocuparíao Jack Irons (ex-batería de Red Hot Chili Peppers e amigo da banda).

En 1995, despois de que Vedder se centrase en Hovercraft, o seu proxecto paralelo, a banda reúnese de novo para a gravación doutro traballo. Non se trata dun disco de Pearl Jam, Neil Young convidáraos para tocar no seu novo álbum, Mirrorball, e eles aceptaron o convite, aínda que o nome da banda non aparece en ningún sitio do disco. Aproveitando algunhas das composicións editan un sinxelo titulado "Merkinball". Nesa mesma época nace o proxecto Mad Season, formado polo guitarrista da banda Mike McCready, Layne Staley (de Alice in Chains), Barret Martin (de Screaming Trees) e Baker Saunders (de Lamont Cranston). O primeiro disco da banda chamaríase Above, e foi lanzado no mes de marzo de 1995.

Na metade de 1995, a situación entre os membros da banda é delicada. Despois dun concerto en San Francisco, no cal Vedder deixa o escenario despois da séptima canción alegando atoparse mal e que remataría Neil Young no seu lugar, a banda decide separarse durante algún tempo para descansar e cancelan os seus seguintes concertos. Pero finalmente, unha semana despois de anunciar a separación, reúnense novamente, trazan novos obxectivos e retoman a xira.

No Code[editar | editar a fonte]

O guitarrista Stone Gossard

No ano 1996 volven a entrar no estudio e no mes de agosto lánzase No Code. É un disco máis ecléctico e cun son máis variado que os tres discos anteriores. Con No Code Pearl Jam continúa coa súa política de non divulgar o álbum comercialmente polos medios habituais. Non lanzaron videos pola MTV, deron entrevistas ou presentacións en televisión. A prensa en xeral continúa boicoteándoos, pero a banda continua coa súa actitude. Mentres os medios critican ao quinteto, e especialmente a Eddie Vedder, varios artistas saen na súa defensa, entre eles Michael Stipe de R.E.M. e Courtney Love de Hole, dando así máis credibilidade á banda.

No Code non foi un éxito comercial, pero aínda así tivo boas vendas e a banda comezou unha nova xira, que duraría preto de dous anos.

Yield[editar | editar a fonte]

Despois da extensa xira de divulgación Pearl Jam volveu ao estudio, no que pasaría gran parte do final de 1997 traballando co seu novo material. O resultado deses meses de traballo foi lanzado en febreiro de 1998 baixo o nome de Yield.

Yield tivo boas vendas e boas críticas. Era un disco máis maduro que os seus primeiros traballos e asemellábase máis a No Code que a estes, que tiñan un son máis grunge. No disco destacan os temas "Brain of JFK", "Faithfull", "Given to Fly", "MFC" ou "Do the Evolution". En Yield a banda volve a rodar un videoclip, para o tema "Do the Evolution", feito con debuxos animados polo creador de Spawn.

Despois do lanzamento do álbum Jack Irons abandona Pearl Jam e Matt Cameron (que estaba sen banda despois da separación de Soundgarden) asume o seu posto.

Ese mesmo ano a banda ten dous novos lanzamentos: o video Single Video Theory, onde a banda aparece tocando cancións do último álbum, e o primeiro disco en directo do grupo: Live on Two Legs. Nese álbum, a banda aparece tocando temas dos seus cinco discos, e péchao cunha versión do tema "Fuckin’ Up" de Neil Young.

En 1999 Pearl Jam participou nun disco en beneficio das vítimas da guerra de Kosovo, chamado No Boundaries. O grupo aparece coas cancións "Last Kiss" e "Soldier of Love".

Binaural[editar | editar a fonte]

Aínda en 1999, Pearl Jam comeza a traballar na gravación do seu sexto disco de estudio. O resultado é lanzado en maio de 2000 co nome de Binaural. Producido por Tchad Blake e mesturado por Brendan O 'Brian, Binaural pode compararse a Yield e No Code ao ser un disco non tan agresivo como os primeiros, aínda que non soa con tanta frescura.

A banda tamén comeza a lanzar unha serie de bootlegs oficiais: discos dos concertos da banda ao redor do mundo a prezos máis accesibles.

Riot Act[editar | editar a fonte]

Entrada dun concerto de maio do 2003

En 2002 a banda volta ao estudio para gravar o seu sétimo disco ao lado do produtor de Adam Kasper. En outubro saíu o primeiro sinxelo, da canción "I am Mine", e no mes seguinte é lanzado Riot Act. O novo álbum é bastante maduro e agrada máis aos fans e críticos que Binaural. A banda volve a rodar un novo video, para a canción "I am Mine" (o último fora o de "Do the Evolution" do disco Yield), e anuncia que editará máis bootlegs como os da xira do disco anterior.

En 2003 lánzase o recompilatorio de caras-b Lost Dogs e o DVD Pearl Jam at the Garden, unha actuación da banda en Nova York co teclista Boom Gaspar e con participacións especiais de Ben Harper, Steve Diggle e Tony Barber. Este era o seu terceiro video que editaba a banda, despois de Touring Band, con imaxes da xira de Binaural e o citado Video Single Theory. Ese mesmo ano rematou o seu contrato coa Epic, que lanzara todos os discos da banda ata o momento.

En 2004 a banda lanzou o disco dobre Live at the Benaroya Hall, unha actuación acústica realizada en outubro de 2003 a favor da asociación benéfica Youth Care. E como último lanzamento a través da Epic, sae o recompilatorio Rearviewmirror (Greatest Hits 1991-2003).

Pearl Jam fixo un concerto na Easy Street Records en Seattle en abril do 2005 e da súa gravación saíu o disco en directo Live at Easy Street, editado exclusivamente para tendas de discos independentes en xuño do 2006.

Contrato con J Records[editar | editar a fonte]

Ao vivo no 2006

En febreiro 2005 a banda asinou un contrato co selo J Records e comezou a preparar un novo disco de estudio, despois do lanzamento dos dous recompilatorios e do directo. O novo disco, titulado Pearl Jam, foi lanzado en maio de 2006 e marcou un regreso ao son máis cru dos seus primeiros traballos.

Para promocionar Pearl Jam, a banda comezou unha xira mundial no ano 2006. Tocaron en Norteamérica, Australia e Europa, por onde a banda non xirara dende había seis anos. A banda foi cabeza de cartel dos festivais de Leeds e Reading, a pesar de prometer non tocar nunca máis nun festival despois do acontecido en Roskilde. Vedder comezou os dous concertos cunha emotiva petición á multitude para que coidasen uns dos outros.

No 2007 Pearl Jam gravou unha versión de "Love, Reign o'er Me" da banda The Who para apelícula de Mike Binder Reign Over Me. O grupo comezou unha xira con 13 datas en Europa e foi cabeza de cartel no festival Lollapalooza o 5 de agosto. No mes de xuño editou o álbum en directo Live at the Gorge 05/06, que documenta a súa actuación no The Gorge Amphitheatre, e no mes de setembro lanzou o DVD Immagine in Cornice, sobre os seus concertos en Italia no ano 2006.

En xuño do 2008 a banda actuaou como cabeza de cartel no Bonnaroo Music Festival, no medio dunha xira de doce datas polo leste dos Estados Unidos. No mes de xullo actuaron no tributo da VH1 a The Who, xunto con Foo Fighters, Incubus e The Flaming Lips. Nos días anteriores ás elección estadounidenses do 2008, Pearl Jam lanzou dixitalmente a través da súa páxina web un documental titulado Vote for Change? 2004, que fala sobre a xira do ano 2004 Vote for Change.

Reedicións e Backspacer[editar | editar a fonte]

O 24 de marzo do 2009, o álbum de estrea da banda, Ten, foi relanzado en catro edicións distintas, contando con extras como a remesturas e a resmasterización de todo o álbum por parte de Brendan O'Brien, un DVD da aparición da banda en 1992 no programa MTV Unplugged, e dous LPs do seu concerto do 20 de setembro de 1992 no Magnuson Park en Seattle[2]. Esta foi a primeira das reedición que planexou Pearl Jam, e que incluía todo o seu catálogo, para o seu 20 aniversario no 2011. Un película retrospectiva dirixida por Cameron Crowe tamén está prevista para o aniversario.

Pearl Jam comezou a traballar no seu seguinte traballo a principios do ano 2008. No 2009 comezou a construir temas instrumentais e demos compostas nos meses anteriores. O seu noveno álbum de estudio, Backspacer, producido por Brendan O'Brien, editouse o 20 de setembro do 2009, estreándose no número 1 das listas da Billboard, sendo o primeiro álbum da banda que o facía dende o No Code en 1996.

"The Fixer" foi escollido como primeiro sinxelo. Realizouse un video dirixido por Cameron Crowe, usando imaxes do seu concerto segredo celebrado no mes de maio en Seattle. Pearl Jam non renovara o seu contrato con J Records, e a banda editou o álbum através do seu propio selo, Monkeywrench Records, nos Estados Unidos e atravé de Universal Music Group internacionalmente. Pearl Jam conseguíu un contrato coa corporación Target para ser distribuidor exclusivo nos Estados Unidos. O álbum tamén foi distribuído através da páxina oficial da banda, en tendas independentes, por vendedores online e iTunes.

En agosto do 2009 a banda foi cabeza de cartel do Virgin Festival, o Outside Lands Music and Arts Festival e realizou cinco concertos en Europa e tres en Norteamérica. No mes de outubro foi a principal atracción do Austin City Limits Music Festival, unha aparición que tivo lugar no medio da parte norteamericana da súa xira de promoción do novo disco, á que lle seguíu a parte por Oceanía. No mes de maio do 2010 a banda comezou unha xira dun mes polos Estados Unidos, e en xuño comezaron a súa xira europea.

Membros[editar | editar a fonte]

Membros actuais[editar | editar a fonte]

Antigos membros[editar | editar a fonte]

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums de estudio[editar | editar a fonte]

Recompilatorios e directos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]