Kurt Cobain

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Kurt Cobain
Nirvana around 1992.jpg
Kurt Cobain con Nirvana en 1992
Nome completo Kurt Donald Cobain
Naceu 20 de febreiro de 1967
Orixe Aberdeen, Washington Flag of the United States.svg
Morreu c. 5 de abril de 1994 (27 anos)
Xénero grunge, rock alternativo
Instrumento(s) guitarra, voz
Relacionado con Nirvana, Fecal Matter
Tempo en activo 1987 - 1994
Firma de Kurt Cobain.svg


Kurt Donald Cobain, nado o 20 de febreiro de 1967 e suicidado dun disparo na cabeza após dunha sobredose de heroína o 5 de abril de 1994, na súa casa de Seattle, (Washington), foi o líder do grupo de música Nirvana.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia[editar | editar a fonte]

Cobain, fillo de Donald e Wendy Cobain, naceu no hospital comunitario de Grays Harbor en Aberdeen, Washington, e pasou seis meses vivindo en Hoquiam, no mesmo estado, antes de que a familia se mudara a Aberdeen. O seu pai traballou como mecánico na estación Chevron de Derrell Thompson, mentres que a súa nai era camareira. Cobain empezou a estudar na escola primaria Robert Gray en 1972. Segundo varias fontes, a súa primeira infancia foi feliz, e viviu como parte dunha "típica familia estadounidense", xunto cos seus pais e a súa irmá Kimberly, nacida en abril de 1970. Dende ese tempo, Cobain empezou a amosar interese pola música.

A vida de Cobain cambiou radicalmente en 1975, cando os seus pais se divorciaron tendo el sete anos. Este feito fixo a Kurt un neno moito máis reservado. Durante un ano viviu coa súa nai e despois dese tempo mudouse a Montesano, Washington para vivir co seu pai, pero, despois duns poucos anos, o seu comportamento rebelde comezou a darlle problemas entre a familia e os amigos.

Na escola Cobain amosou pouco interese polos deportes, pero por insistencia dos seus pais formou parte do equipo de loita. Kurt estaba máis interesado nas súas clases de arte e debuxaba continuamente, especialmente detalles de anatomía humana.

Durante o seu segundo ano de instituto, Cobain comezou a vivir coa súa nai en Aberdeen. Dúas semanas antes da graduación abandonou o Aberdeen High School ao decatarse de que non tiña os créditos necesarios para graduarse. A súa nai deulle a opción de buscar un emprego ou deixar a casa, e despois dunha semana Kurt atopou as súas cousas metidas en caixas.

A finais de 1986 Cobain trasladouse a un apartamento, pagando o alugueiro traballando nun centro turístico a 20 millas ao norte de Aberdeen. Durante este período viaxou con frecuencia a Olympia, Washington para ir a concertos, e nesas visitas estableceu unha relación con Tracy Marander. Pouco despois de que Marander o deixase, Cobain comezou a saír con Tobi Vail, da banda Bikini Kill.

Nirvana[editar | editar a fonte]

Polo seu 14 aniversario o seu tío deulle a elixir entre unha guitarra e unha bicicleta como regalo, e Cobain elexiu a guitarra. Comezou aprendendo unhas poucas versións e cedo comezou a traballar nos seus propios temas. Mentres pasaba o rato no local de ensaio dos Melvins coñeceu a Krist Novoselic e de cando en vez ían tocar á parte de arriba do salón de peiteados da nai de Novoselic. Poucos anos despois Cobain tratou de convencer a Novoselic para formar unha banda con el prestándolle unha demo caseira do seu primeiro grupo, Fecal Matter. Despois de meses preguntándolle, Novoselic finalmente accedeu a unirse a Kurt, sendo este o principio de Nirvana.

Cobain estaba desencantado despois das primeiras actuacións, debido á incapacidade da banda de atraer un público considerable e a aparente dificultade de continuar. Durante os seus primeiros anos xuntos pasaron varios baterías polo grupo. Por un tempo a banda contou con Chad Channing, co cal Nirvana gravou o seu álbum Bleach, editado polo selo Sub Pop Records en 1989. Cobain, porén, non estaba satisfeito co estilo de Channing, facendo que a banda buscase un novo batería, que finalmente sería Dave Grohl. Con Grohl o grupo acadaría o seu mellor momento grazas ao seu álbum de 1991 Nevermind.

Co seu sinxelo "Smells Like Teen Spirit" Nirvana chegou ao grande público, popularizando o grunge.

O éxito de Nevermind levou a outras bandas de Seattle, como Alice in Chains, Pearl Jam e Soundgarden, a maiores audiencia, e como resultado o rock alternativo convertese nun xénero predominante na radio e na televisión musical dos Estados Unidos durante os primeiros anos dos 90. Nirvana foi considerada a banda estandarte da Xeración X, e Cobain foi coroado, moi ao seu pesar, polos medios de comunicación como o seu portavoz. A desconformidade de Cobain coa atención que lle prestaban os medios levouno a centrarse na música, crendo que a súa mensaxe e a súa visión artística fora mal interpretada polo público, desafiándoo co seu terceiro álbum de estudio, In Utero, aparecido en 1993.

Cobain loitou por reconciliar o éxito masivo de Nirvana coas súas raíces underground. Tamén se sentía perseguido polos medios e comezou a sentir resentimento pola xente que se declaraba seguidora de Nirvana pero negábase a recoñecer ou malinterpretaba os puntos de vista sociais e políticos da banda.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]