Grunge

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Grunge
Orixe musicalrock alternativo, hardcore punk, indie rock, heavy metal, punk rock.
Orixe culturalA principios dos 80 na costa noroeste dos Estados Unidos, principalmente en Seattle.
Instrumentos típicosGuitarra, baixo e batería.
Subxéneros
post-grunge

O grunge é un tipo de música dos primeiros anos noventa. É unha mestura do rock máis duro dos sesenta coa forza da música punk aderezado con guitarras marcadamente distorsionadas, e caracterízase polo rexeitamento de estilo de metal que marcou os últimos oitenta, con grupos coma Bon Jovi, Whitesnake ou Van Halen. Naceu coa chamada escena de Seattle e o selo discográfico Sub Pop.

O desaparecido grupo Nirvana foi o máximo representante deste estilo. Outras formacións sobranceiras foron Pearl Jam, Soundgarden, Alice in Chains, Mudhoney -considerados os fundadores do movemento- e Dinosaur Jr. Entre as bandas que marcaron o grunge poden citarse a bandas dos setenta coma Iggy Pop & the Stooges ou Neil Young coa súa banda Crazy Horse, así como os Beatles, que influenciaron notablemente nas melodías características de Nirvana.

Kurt Cobain foi un dos creadores do grunge. Integrante de Nirvana, morreu no 1994 dun tiro na cabeza. Tras a súa morte a forza vital do movemento foise esvaecendo ata ser substituída como movemento musical destacado polo britpop na segunda metade dos noventa.

Orixe do termo[editar | editar a fonte]

Aínda que o escritor Paul Ramball usou a palabra "grunge" nun artigo de 1978 da revista NME para describir o rock mainstream, Mark Arm, o vocalista da banda de Seattle Green River (e posteriormente en Mudhoney) adoita ser considerado o primeiro en usar o termo grunge para describir este xénero musical. Arm usouno por vez primeira en 1981, cando escribiu unha carta co seu nome de pila Mark McLaughlin ao fanzine de Seattle Desperate Times, criticando á súa banda Mr. Epp and the Calculations como "Pure grunge! Pure noise! Pure shit!" (Puro grunge! Puro ruído! Pura merda!). Clark Humphrey, editor de Desperate Times, cita este feito como o primeiro uso do termo para referirse a unha banda da cidade, e menciona que Bruce Pavitt de Sub Pop popularizou a palabra como etiqueta musical en 1987–88, usándoa en varias ocasións para describir a Green River.

Arm dixo anos despois, "Obviamente, eu non inventei o grunge. Collino doutra persoa. O termo xa estaba sendo usado por toda Australia a mediados dos 80 para describir a bandas como King Snake Roost, The Scientists, Salamander Jim e Beasts of Bourbon". Arm usou grunge como un termo descritivo en vez de como un termo para o xénero, pero este finalmente acabaría por describir o son híbrido punk/metal da escena musical de Seattle.

Características[editar | editar a fonte]

A música grunge está xeralmente caracterizada por guitarras "sucias", fortes riffs e percusión pesada. O son "sucio" é resultado tanto polo uso común de pesada distorsión e de guitarra, como dun cambio estilístico á hora de tocar punk rock. O grunge implica tempos máis lentos e harmonías disonantes que xeralmente non se atopan no punk.

As letras falan de temas semellantes como illamento social, apatía ou un desexo de liberdade. Están normalmente cheas de angustia e temas como a cólera, frustración, medo, depresión e adición a drogas son acotío explorados nas cancións grunge. O lirismo ten semellanza ao do punk e a percepción da xeración X. Un gran número de factores poden influenciar a estas letras. Moitos músicos do grunge e fans amosaban un xeral desencanto co estado da sociedade e desconformidade cos prexuízos sociais. Eles foron a miúdo identificados como slackers (a tradución literal podería ser calaceiro, e refírese a un mozo con falta de motivación) e o uso das drogas estaba estendido entre eles. Tamén moitos músicos grunge comezaron as súas carreiras na súa adolescencia ou mocidade, entón os sentimentos de angustia eran comúns. Porén, non todas as cancións grunge trataron eses temas: o tema satírico de Nirvana "In Bloom" é un claro exemplo dunha composición en clave humorística. De feito, moitos temas grunge están cheos dun escuro ou divertido sentido do humor tamén (por exemplo, os temas de Mudhoney Touch Me, I'm Sick ou de Tad Stumblin' Man), aínda que a miúdo pasaba inadvertido polo gran público. O humor no grunge adoitaba satirizar ao glam metal (por exemplo, "Big Dumb Sex" de Soundgarden) e outras formas do rock que eran populares durante os anos 80.

Os concertos grunge eran coñecidos por seren actuacións moi enérxicas. As bandas evitaban as presentacións complexas, que grupos doutros xéneros, como o heavy metal, adoitaban facer, con espectáculo de luces, pirotecnia e outros efectos visuais. Polo contrario, as bandas actuaban como calquera banda local, usando só os seus instrumentos e voces e a súa propia presenza como efectos visuais. No entanto, os concertos tiñan un certo nivel de interactividade. Os fans e músicos participaban por igual na actuación, ao estar o público moi preto do escenario, permitindo tal interacción.

Bandas importantes[editar | editar a fonte]

Da área de Seattle[editar | editar a fonte]

De fóra de Seattle[editar | editar a fonte]