Indie rock

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Indie rock
Orixes do estilo: rock alternativo, post-punk, New Wave
Orixes culturais: principios dos 80 no Reino Unido, Estados Unidos e Canadá
Instrumentos típicos: guitarra, baixo, batería, teclados, voces
Popularidade: alta en Norteamérica e no Reino Unido dende finais dos 2000
Subxéneros
garage punk, riot grrrl, twee pop, emo, grindie, post-punk revival, noise pop, dance-punk, New Weird América, baroque pop, garage rock revival, lo-fi, sadcore, C86, math rock

O indie rock é un subxénero do rock alternativo aparecido no Reino Unido e nos Estados Unidos non anos 80. O significado do termo "indie rock" é discutido aínda hoxe en día por moitos músicos, siareiros e xornalistas. Principalmente o termo úsase para describir calquera tipo de rock producido por artistas que traballan con selos discográficos independentes e salas underground, que apareceron nos Estados Unidos e noutros lugares nos anos 80 e 90. Outros ven ao indie rock como un xénero propio dentro do rock cunha estética específica, e danlle menos importancia ao contexto no que apareceu. Moitos adoptan os dous significados do termo, crendo que a estética do xénero e a súa filosofía de produción están profundamente entrelazados.

Os artistas do indie rock son coñecidos por procurar manter o control completo da súa música e as súas carreiras, editando álbums en discográficas independentes e confiando nas xiras, no boca a boca, na emisións dos seus temas en radios universitarias ou independentes e, en anos máis recentes, na promoción a través da internet. Porén, nos anos 2000 moitos artistas cun estilo musical definido como "indie" asinaron con grandes discográficas ou as súas subsidiarias, e comezaron a promocionarse a través de medios de comunicación máis tradicionais. Isto deu lugar a unha nova confusión no significado do termo.