Interpol (grupo musical)
- Non se debe confundir con Interpol. A policía internacional.
| Interpol | |
|---|---|
Interpol en concerto |
|
| Información | |
| Orixe | Nova York, Estados Unidos |
| Período | 1998 - actualidade |
| Xénero(s) | indie rock, post-punk revival |
| Selo(s) discográfico(s) | Matador, Capitol Records, Parlophone Records |
| Membros | Paul Banks Sam Fogarino Daniel Kessler |
| Antigos membros | Greg Drudy Carlos Dengler |
| Web oficial | http://www.interpolny.com |
Interpol é unha banda estadounidense de indie rock procedente de Nova York fundada no ano 1998. A súa formación orixinal estaba composta por Paul Banks (voz, guitarra), Carlos Dengler (baixo, teclados), Greg Drudy (batería, percusión) e Daniel Kessler (voz, guitarra). Drudy deixou a banda no ano 2000 e foi reemprazado por Sam Fogarino. No 2010, pouco despois de gravar o seu cuarto álbum, Interpol, Dengler abandonou o grupo para adicarse a proxectos persoais. Na actualidade a banda é oficialmente un trío, contando con David Pajo como baixista e con Brandon Curtis como teclista e corista na súa actual xira.
Índice |
Historia[editar]
O embrión de Interpol naceu cando Daniel Kessler e un amigo chamado Greg Drudy resolveron xuntarse para tocar algunhas cancións, con Daniel na guitarra e Greg na batería. Máis tarde, Daniel coñeceu ao baixista e teclista Carlos "D" Dengler nunha clase de filosofía na universidade, e este entrou no grupo tamén. Para finalizar, Daniel convidou a Paul Banks, que coñecera nunha tempada en París, para se xuntar ao grupo. Unha única visita de Paul ao estudio onde Daniel, Greg e Carlos tocaban foi suficiente para que se interesase e integrase na banda. Nacía así Interpol, en 1998.
A banda pasou algún tempo traballando duro, tocando en estudios, ensaiando e desenvolvendo pouco a pouco o seu son. En 2000, despois de editar o EP Fukd I.D. #3, Greg Drudy deixou o grupo para centarse na banda Hot Cross e no seu selo Level Plane Records, sendo reemprazado por Sam Fogarino, ao que contratou Kessler. Despois de auto-editar unha serie de EPs entre os anos 1998 e 2001, a banda asinaría un contrato co selo Matador Records a principios do 2002.
No ano seguinte, a banda xa tiña conseguido un certo grao de recoñecemento, o que lles permitiu ser elixidos como banda de apertura de xente como Trail of Dead, The Delgados e Arab Strap. No ano de 2001 continuou a ascensión do grupo, cando participaron nas famosas John Peel Sessions e pasaron a ter unha certa difusión nas radios europeas.
En novembro de 2001, ao lado dos produtores Peter Katis e Gareth Jones, a banda entrou no estudio Tarquin (un antigo manicomio infantil), en Connecticut, para comezar a gravar aquilo que sería un dos máis antolóxicos disco de estrea dos últimos tempos.
Turn on the Bright Lights, o álbum de estrea de Interpol, saiu en agosto do ano seguinte e conquistou de maneira case unánime a crítica e o público ao redor do mundo. A pesares das frecuentes comparacións con Joy Division e o post-punk británico en xeral, a banda traballa a súa atmosfera sombría e sonoridade densa de maneira orixinal e ben apoiada na competencia técnica dos seus membros. Interpol xa destacou o suficiente para ser apreciado e respectado pola súa música. O presente de Interpol é brillante e seu futuro, altamente prometedor.
Despois de moitos directos chegou a hora da importante proba do segundo disco. Antics foi lanzado no 2004, novamente ben recibido por crítica e público, pero sen o entusiasmo do debut de dous anos atrás. Con Antics, Interpol garantíu a súa reputación dunha das máis competentes bandas actuais. A banda xirou despois da edición do álbum, con máis datas e en lugares máis grandes. A xira alongouse durante 18 meses, e a banda chegou a tocar de teloneira de U2 e The Cure.
A finais de marzo do 2006 o batería Sam Fogarino confirmou que a banda estaba de volta no estudio traballando en material novo. Fogarino tamén insinuou que Interpol podería ter asinado co selo Interscope Records, confirmando que deixaría Matador, o seu selo nese momento. O 14 de agosto coñeceuse que Interpol asinara un contrato con Capitol Records.
O seu novo traballo, Our Love to Admire, editouse en xullo do 2007. A banda realizou unha extensa xira de promoción, comezando polo circuito de festivais de verán dos Estados Unidos e Europa. En agosto foi cabeza de cartel un dos días do festival Lollapalooza celebrado en Chicago.
O 6 de marzo do 2009 Interpol anunciou na súa páxina que estaban traballando en cancións para o seu cuarto álbum. O disco foi gravado nos Electric Lady Studios durante a primavera dese ano. Non houbo máis novas sobre o novo álbum ata finais de abril, cando a banda envoiu un correo electrónico enlazando á descarga gratuíta de "Lights", a primeira canción editada oficialmente.
O cuarto traballo da banda, Interpol, foi lanzado o 7 de setembro do 2010 e foi o último traballo do baixista Carlos Dengler co grupo. Dengler anunciou a súa saída, pouco despois de rematar o álbum, na súa páxina o 9 de maio. Cando o resto dos membros saíron de xira para promocionar o disco foi substituído por varios baixistas. A principios de xuño anunciouse que os músicos que acompañarían á banda serían David Pajo no baixo e Brandon Curtis nos teclados e nos coros.
Durante a xira de presentación de Interpol, a banda achegouse por vez primeira a Galiza o día 1 de outubro, realizando un concerto na sala Capitol de Santiago de Compostela enmarcado no ciclo Xacobeo Importa.
Discografía[editar]
Álbums[editar]
- Turn on the Bright Lights - 2002 (Matador)
- Antics - 2004 (Matador)
- Our Love to Admire - 2007 (Capitol Records, Parlophone)
- Interpol - 2010 (Matador)
EPs[editar]
- Fukd I.D. #3 - 2000 (Chemikal Underground)
- Precipitate EP - 2001 (autoeditado)
- Interpol EP - 2002 (Matador)
- The Black EP - 2003 (EMI)
- Interpol Remix EP - 2005 (Matador)
Véxase tamén[editar]
Ligazóns externas[editar]
|
||||||||||||||