Foo Fighters

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Foo Fighters (Logo).png
Foo Fighters acoustic.jpg
Foo Fighters nun concerto acústico en Londres
Orixe Seattle, Estado de Washington, Flag of the United States.svg
Período 1995 - actualidade
Xénero(s) rock alternativo, post-grunge, hard rock
Selo(s) discográfico(s) RCA, Capitol
Membros Dave Grohl
Taylor Hawkins
Nate Mendel
Chris Shiflett
Pat Smear
Antigos membros William Goldsmith
Franz Stahl
Web oficial http://www.foofighters.com/


Foo Fighters é unha banda de rock alternativo estadounidense fundada en Seattle (Estado de Washington) en 1995 polo que fora ata ese momento batería de Nirvana, Dave Grohl. Inicialmente foi un proxecto composto só por Grohl, e no seu primeiro traballo, Foo Fighters, foi o único membro oficial, pero este recrutaría aos antigos membros de Sunny Day Real Estate Nate Mendel (baixo) e William Goldsmith (batería), e ao seu compañeiro en Nirvana Pat Smear (guitarra) para completar a formación.

Historia[editar | editar a fonte]

A historia de Foo Fighters está centrada na figura de Dave Grohl e comeza moito antes da formación da banda, que só aconteceu despois da finalización do álbum de estrea en 1995.

Primeiras bandas de Dave Grohl[editar | editar a fonte]

Dave pasou a mocidade na escena punk de Washington D.C. En 1984 entrou na súa primeira banda, Freak Babies, tocando a guitarra. A segunda, Mission Impossible, en 1985, pode ser considerada a súa primeira banda "seria", onde el tocaba a batería. Mission Impossible non durou moito, e deu orixe a Dain Bramage. A banda comezou a gañar o respecto da comunidade punk local, a banda asinou coa discográfica independente Fartblossom e chegou a lanzar un LP. Pouco tempo despois, Dave enterouse de que Scream precisaba batería. Scream era unha das máis importantes bandas hardcore da rexión, formárase en 1979/80 e xa fixera xiras por todo o país e en Europa. Dave conseguiu entrar na banda e en 1987, lanzaron o seu cuarto álbum (No More Censorship) e comezou unha xira polos Estados Unidos e por Europa.

En 1988, nos intervalos do seu traballo con Scream, Dave comezou a compoñer algunhas cancións, coa axuda do seu amigo Barrett Jones, que tiña un equipo de gravación de 8 pistas, Dave desenvolveu un método propio de composición, creando primeiro as partes de batería, despois facendo riffs por riba da batería xa gravada para finalmente acertar as melodías e dinámicas con baixo e voz.

En 1990, ao final dunha nova xira nos Ánxeles, os integrantes de Scream estaban exhaustos e ante a inminencia do fin da banda, o baixista Skeeter foi o primeiro en tomar a decisión de saír. Buzz Osborne, vocalista da banda The Melvins, de Seattle, asistira ao concerto de Scream en San Francisco e díxolle que Nirvana precisaba dun batería. Dave chamou a Krist Novoselic, pero este díxolle que xa tiñan a Dan Peters (de Mudhoney). Inesperadamente, na mesma noite, Chris telefonou de volta, convidando a Dave a ir a Seattle e dicindo que Nirvana non traballaría con Dan Peters porque non querían que Mudhoney se separase.

Nirvana[editar | editar a fonte]

Dave Grohl entón tivo que tomar outra difícil decisión, saír de Scream para tocar cuns descoñecidos en Seattle. Era o inicio da súa historia en Nirvana, aínda en 1990 cando aprendeu todas as cancións do Bleach e a banda comezou as gravacións de Nevermind, que se estenderon ata a metade de 1991.

No pouco tempo libre que tiña, Dave seguía traballando nas súas propias cancións, sempre que viaxaba para a súa casa, en Virxinia ou no seu tempo libre en Olympia (cidade próxima a Seattle). Cando Nevermind foi gravado, Dave pasou algúns días en Washington D.C. e gravou algúns temas nun estudio local. A cinta escoitouna a súa amiga Jenny Toomey, que tiña un selo independente chamado Simple Machines, que o convenceu para lanzar ese material. A cassete foi lanzada co nome de Pocketwatch, con Dave mantendo o anonimato (segundo el, o motivo foi porque tiña vergoña de que o escoitasen cantar).

Co lanzamento de Nevermind e coa longa xira de divulgación, Dave teve moi pouco tempo para traballar nas súas cancións, pero, sempre que podía, continuaba traballando xunto com Barret Jones, que se mudou para Seattle e tiña o seu estudio caseiro sempre dispoñible para Dave. Un deses temas, "Marigold", chegou a ser usada como cara-b de Nirvana.

Morre Kurt Cobain[editar | editar a fonte]

Despois da morte de Kurt Cobain, en abril de 1994, Dave quedou completamente desorientado e sen saber que facer. Segundo el, o que o salvou foi unha carta recibida pola banda 7 Year Bitch, tamén de Seattle, que, ao igual que Nirvana, perdera un integrante recentemente. A carta dicía: "Nós sabemos o que estás pasando. A vontade de tocar foise por agora pero volverá. Non te preocupes."

A gravación de Foo Fighters e o nacemento da banda[editar | editar a fonte]

Xa recuperado, en 1995 Dave decide gravar o seu material nun estudio profesional. Alugou un estudio en Seattle e regravou as súas cancións, novamente con Barrett Jones que era a única persoa que entendía os seus métodos de gravación e composición, e co cal Dave se sentía a gusto para cantar. As gravacións duraron só unha semana e acabarían por dar orixe ao primeiro álbum de Foo Fighters aínda naquel ano. Dave tocou, practicamente en vivo (nunha soa toma), todos os instrumentos coa excepción dunha guitarra, onde contou coa participación de Greg Dulli, de Afghan Whigs.

A intención de Dave non era a de seguir unha carreira en solitario, senón a de crear unha nova banda. Na mesma época, a banda Sunny Day Real Estate, tamén de Seattle (que era moi coñecida na cidade e tiña un álbum lanzado pola Sub Pop) acababa de separarse. Dave convidou a dous ex-integrantes para formar Foo Fighters, o batería William Goldsmith e o baixista Nate Mendel. Aínda faltaba un segundo guitarrista, e entón Dave chamou ao seu ex-colega de Nirvana, Pat Smear, que tocara na xira de In Utero.

Co material listo, foi moi doado para Foo Fighters lanzar o seu primeiro álbum, Foo Fighters, editado en xullo de 1995. A banda asinou un contrato coa Capitol e o disco foi lanzado en conxunto co selo Roswell, de propiedade da banda. Ao lanzamento seguiulle unha xira por pequenos clubs, e finalmente unha grande xira polos Estados Unidos, Europa e Asia ata a metade de 1996. O álbum vendeu máis de un millón e medio de copias e conseguiu o premio de vídeo do ano da MTV para o clip de "Big Me".

A xira rematou en xullo e Dave tivo só unha semana de descanso antes de compoñer toda a música da película Touch de Paul Schrader, onde novamente tocou todos os instrumentos coa excepción dalgunhas participacións especiais. A principios de outubro a banda xa estaba reunida novamente para iniciar a preprodución do segundo disco, no estudio de 24 canles de Barrett Jones.

Desta vez, Foo Fighters era unha verdadeira banda no estudio, con cada un dos integrantes tendo igual importancia na composición e arranxos. En catro semanas compuxeron 13 temas e Dave escribiu todas as letras.

The Colour & the Shape[editar | editar a fonte]

Despois da preprodución comezaron as gravacións do segundo álbum. A banda chamou ao produtor Gil Norton, que xa traballara anteriormente cos Pixies, coa intención de conseguir un son un pouco máis traballado, que non soase como unha banda de garaxe. Dave explicou que quería un son ben producido, pero non unha superprodución coma uns Guns N' Roses. Gil Norton utilizou métodos moi perfeccionistas e a banda víuse obrigada e repetir 20 ou 30 veces as mesmas partes. Con iso, a gravación acabou demorándose varios meses. Nese medio tempo, William Goldsmith anunciou a súa saída da banda, e Dave acabou facendo practicamente todas as partes de batería do álbum.

O disco The Colour & the Shape foi lanzado en maio de 1997, e a banda inmediatamente recrutou a un novo batería, Taylor Hawkins, que estaba tocando na xira de Alanis Morrisette dende facía 18 meses. The Colour & the Shape tamén tivo bastante éxito, con tres hits, "Monkey Wrench" (que tivo un videoclip dirixido polo propio Dave Grohl), "Everlong" e "My Hero".

Durante o MTV Video Music Awards de 1997, o guitarrista Pat Smear anunciou a súa saída da banda. O seu substituto foi Franz Stahl, que tocara xunto con Dave en Scream. A banda finalizou a xira de The Colour & the Shape a principios de 1999 e gravou a canción "A320" para a película Godzilla. Pouco despois foi lanzada unha versión remix de "Walking After You", producida por Jarry Harrison, para a serie Expediente X.

There Is Nothing Left to Lose[editar | editar a fonte]

Na metade de 1999 dúas importantes noticias: Franz Stahl anuncia a súa saída; e a banda rompe o seu contrato coa Capitol. De seguido inícianse as gravacións do terceiro álbum na casa de Dave no Estado de Virxinia. A produción é da propia banda, coa supervisión do produtor/enxeñeiro Adam Kasper (que produciu entre outros álbums, Down on the Upside de Soundgarden). O clima das gravacións foi de total tranquilidade, sen presións de discográficas nin prazo de lanzamento. Despois do fin das mesmas, a banda asina coa RCA e o álbum There Is Nothing Left to Lose é lanzado en novembro de 1999 e recibe boas críticas e boas vendas. Na xira de divulgación de There Is Nothing Left to Lose, o guitarrista Chris Shiflett, ex-No Use For A Name, pasa a formar parte de Foo Fighters.

One by One[editar | editar a fonte]

En 2002 Dave Grohl participa das gravacións do terceiro disco de Queens of the Stone Age como batería. Participa tamén nalgúns concertos coa banda de Josh Homme e Nick Oliveri, e despois entra no estudio para gravar o cuarto de Foo Fighters. One by One sae a finais de ano avalado polo éxito do sinxelo "All My Life", e o disco é ben recibido por crítica e público. Trátase dun traballo máis pesado e directo que o álbum anterior, e nótase bastante o paso de Dave por Queens of the Stone Age.

In Your Honor[editar | editar a fonte]

2004 marca principalmente a volta de Foo Fighters ao estudio para a gravación dun novo álbum. Dende o inicio as noticias son que a banda pretende gravar o seu disco definitivo. Coa produción de Nick Raskulinee e participacións de Norah Jones e Josh Homme, In Your Honor é lanzado en xuño de 2005, con boa acollida por parte dos fans, e críticas mornas nos medios.

Este é un álbum dobre. O primeiro disco salienta pola clara influencia de heavy metal, en cancións coma Free me, aínda que as demais están dentro dos parámetros do hard rock. Neste disco salientan cancións coma Best of you, No way back ou DOA.

O segundo disco ten influencias do rock alternativo, ademais de ter un formato acústico, é máis melancólico e relaxante ca o primeiro. Algunhas das cancións máis salientables son: Miracle, Over and out, Friend of a friend, ou Virginia Moon, que conta coa colaboración de Norah Jones.

A banda ao vivo no ano 2007

Skin and Bones (2006)[editar | editar a fonte]

No ano 2006, Foo Fighters publicou Skin and Bones, en formato CD e DVD, onde se editaron en vivo 15 das súas cancións máis coñecidas en formato acústico, gravadas en agosto do 2006 no Pantages Theatre de Los Angeles. Para este concerto contaron coa colaboración de Pat Smear á guitarra, antigo membro da banda.

Echoes, Silence, Patience & Grace (2007)[editar | editar a fonte]

O último disco de Foo Fighters, Echoes, Silence, Patience & Grace, foi lanzado o 25 de setembro de 2007, coa produción do mesmo produtor de The Colour and the Shape. O primeiro sinxelo, "The Pretender", tivo una gran acollida xa un mes antes de saír o disco á venda.

O disco conta con doce temas, o coa colaboración da guitarrista Kaki King no tema "The Ballad of the Beaconsfield Miners", canción dedicada a dous mineiros atrapados na cidade estadounidense dese nome, que pediron un mp3 con música dos Foo Fighters, o cal fixo que Dave Grohl quixera dedicarlles esta canción. Outra das novidades é que, ao contrario do habitual, os coros foron realizados polo batería Taylor Hawkins, en lugar de Dave Grohl.

Os outros dous sinxelos deste disco foron "Long Road to Ruin" e "Let it Die", canción inspirada na caótica relación mantida por Kurt Cobain e Courtney Love.

A banda editou Live at Wembley Stadium, un DVD en vivo dos Foo Fighters. Foi gravado durante os dous concertos realizados no Wembley Stadium de Londres os días 6 e 7 de xuño de 2008. O DVD ten unha combinación de cancións das dúas noites, onde salientan as colaboracións de John Paul Jones e Jimmy Page, ámbos os dous de Led Zeppelin, para os temas "Ramble on" e "Rock and Roll".

O día 3 de novembro do 2009 a banda editou un álbum recompilatorio titulado Greatest Hits, que conta con dúas cancións novas, "Word Forward" e o sinxelo "Wheels".

Wasting Light (2011)[editar | editar a fonte]

A banda comezou a gravar o seu sétimo álbum de estudio o 16 de agosto do 2010, segundo a conta de Twitter de Dave Grohl. Durante o proceso de gravación foron postando fotografías do progreso das sesións en Facebook e Twitter. Butch Vig foi o elexido para producir o novo disco, despois de que este produxese os dous temas novos do seu recompilatorio.

O álbum, bautizado como Wasting Light, foi gravado no garaxe de Dave Grohl usando unicamente equipamento analóxico. Par Smear estaba presente en moitas das fotos posteadas por Grohl no Twitter, e nunha rolda de prensa realizada en decembro confirmou que Smear tocara en todas as cancións do álbum e era considerado novamente un membro da banda.

O primeiro sinxelo do traballo, "Rope", foi editado o día 23 de febreiro do 2011, e o seu video foi emitido en primicia a través da páxima da MTV o día 10 de marzo. O álbum está previsto para ser lanzado o día 12 de abril.

Membros[editar | editar a fonte]

Actuais[editar | editar a fonte]

Antigos[editar | editar a fonte]

Membros en directo[editar | editar a fonte]

Antigos membros en directo[editar | editar a fonte]

Discografía[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]