Sonic Youth

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sonic Youth (Logo).png
Sonic Youth live 20050707.jpg
Orixe Nova York, Estados Unidos Flag of the United States.svg
Período 1981 - 2011 (en hiato indefinido)
Xénero(s) rock alternativo, noise rock, rock experimental
Selo(s) discográfico(s) Neutral Records, Ecstatic Peace!, Zensor, Blast First, Homestead, SST, Enigma, DGC, SYR, Interscope, Matador Records
Membros Kim Gordon
Thurston Moore
Lee Ranaldo
Steve Shelley
Mark Ibold
Antigos membros Jim O'Rourke
Bob Bert
Richard Edson
Jim Sclavunos
Web oficial http://www.sonicyouth.com/

Sonic Youth é unha banda de rock alternativo estadounidense formada en Nova York no ano 1981, actualmente unha das máis respectadas e influentes dentro da escena do rock alternativo. A formación actual consiste nos guitarristas Thurston Moore e Lee Ranaldo, a baixista Kim Gordon (os tres fundadores da banda) e o batería Steve Shelley, que se uniu a eles en 1985. Recentemente recrutaron ao baixista Mark Ibold, membro da banda Pavement.

Ao contrario que otros contemporáneos dos inicios do rock alternativo como R.E.M. ou Hüsker Dü, que optaron por estruturas e melodía máis convencionais, Sonic Youth comezou a súa carreira abandonando calquera pretensión de facer rock tradicional e evitando convencionalismos. Inspirándose en gran parte na experimentación noise de The Velvet Underground e The Stooges, e mesturándoa cunha estética e unha posta en escena sacada da vangarda post-punk de Nova York, a banda redefiniu a música noise dentro do rock, sendo unha das principais impulsoras do noise rock.

A finais do ano 2011, Lee Ranaldo anunciou que a banda pararía por un tempo tras a separación matrimonial dos seus compañeiros Thurston Moore e Kim Gordon.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Sonic Youth pode ser considerado como un fenómeno musical, xa que o éxito e o recoñecemento que a banda ten é bastante improbable entre grupos que non teñen compromiso cos patróns musicais que actualmente imperan no mercado, e moito menos coa postura mainstream[1] que gran parte dos grupos de éxito comercial ostentan hoxe en día. Todo o contrario. E talvez sexa por esa aversión a patróns e convencións reinantes, pola honestidade artística e coraxe de facer música pola música, sen medo a experimentar, e tamén pola actitude do "faino ti mesmo" que a banda sempre pregou, talvez sexa por eses motivos que Sonic Youth posúe unha lexión fiel de fans e o recoñecemento por parte dos medios, converténdose así nunha icona da música e cultura alternativa estadounidense dos anos 80 e 90.

O nacemento da banda[editar | editar a fonte]

Thurston Moore

A historia da banda comezou a finais da década dos 70, cando os movementos underground de Nova York proliferaban e chamaban a atención de moitos mozos artistas e músicos. Entre eses mozos estaban os guitarristas Lee Ranaldo e Thurston Moore, que se mudaran á cidade interesados nalgunhas manifestacións musicais que se movían por alí, como o "No Wave" e o propio punk rock. Xuntos, tocaron na "guitar-opera" de Glenn Branca, que era un músico que organizaba presentacións onde había sempre moitas guitarras, chegando ás veces a ter seis tocando ao mesmo tempo. Tanto Ranaldo como Moore xa participaran en pequenas bandas alternativas anteriormente (a última de Ranaldo fora The Pluks e a de Moore The Coachmen).

No principio da década dos 80, Moore estaba saíndo coa baixista Kim Gordon, que tamén estaba interesada no rock alternativo e participara tamén nalgunhas bandas como CKM. Así non pasou moito tempo para que Moore e Gordon decidisen formar un novo grupo, influenciados polo escenario underground no que vivían e entusiasmados cos resultados que Glenn Branca acadaba coa súa "guitar-opera". A principios de 1981, Moore atopouse de novo con Lee Ranaldo nun evento chamado Noise Festival, e alí convidouno a ingresar na banda que el e Kim Gordon estaban montando. Ranaldo aceptou de imediato a invitación, e coa entrada do batería Richard Edson naceu Sonic Youth.

No verán de 1981, a banda comezou a participar en varios festivais no circuíto alternativo local, contando coa teclista Anne DeMarinis. Anne non estivo moito tempo con eles, e non chegou a participar nas gravacións do primeiro traballo da banda, un EP autotitulado lanzado en marzo de 1982. O disco saíu pola discográfica de Glenn Branca, a Neutral Records, e é unha pequena mostra do que viría ser o son característico de Sonic Youth: unha sonoridade bastante alternativa, con boas doses de experimentación e melodía.

Definindo o seu son[editar | editar a fonte]

Sonic Youth no Roskilde Festival 2005

A principios do ano 1983, o batería Richard Edson deixou Sonic Youth para seguir a súa carreira de actor no cine, chegando incluso a participar nalgunhas producións de éxito como Stranger Than Paradise (de Jim Jarmusch), Do The Right Thing (de Spike Lee), Platoon (de Oliver Stone) e Good Morning, Vietnam (de Barry Levinson). No seu lugar foi chamado Bob Bert, e foi con esa formación coa que Sonic Youth gravou o seu primeiro LP, chamado Confusion is Sex, aínda en 1983. A banda continuou cun son bastante alternativo e libre de calquera rótulo específico, pero notábase unha influencia hardcore nos temas, con riffs e bases de guitarras máis pesadas e agresivas. Incluso atopamos no disco unha versión dunha das bandas seminais do punk rock, "I Wanna be your Dog" de The Stooges. E foi así, agregando influencias do punk rock e do underground en xeral, aliadas ás experimentacións e sonoridades alternativas, como Sonic Youth comezou a delinear o seu estilo peculiar e creativo. As letras escritas por Moore e Gordon falan de morte, caos urbano, anarquía, relacións ou preconceptos. Aínda no ano 1983, despois de que Moore e Gordon casasen, a banda excursionou por Europa e alí, através do selo alemán Zensor, lanzaron o EP Kill Yr. Idols.

Buscando un contrato[editar | editar a fonte]

Durante 1984, mentres a banda continuaba a facer pequenos concertos, Moore esforzábase por atopar algún selo con mellor distribución e maior alcance que aceptase traballar con Sonic Youth. A banda estaba aos poucos gañando notoriedade e nese ano lanzou polo selo Ecstatic Peace!, propiedade de Moore, un casete chamado Sonic Death: Sonic Youth Live, con cancións en directo. En 1985 Sonic Youth asinou un contrato con Blast First, un selo creado por Paul Smith, un dos donos de Doublevision Records. A esta última non lle gustaran moito as demos e os traballos de Sonic Youth e por iso non os contratou, pero Smith viu potencial na banda, e creou Blast First para lanzar os discos do grupo.

O primeiro traballo polo novo selo saíu no mes de marzo de 1985, tratábase do álbum Bad Moon Rising. A banda continuaba incorporando no seu son influencias do hardcore e do punk rock, xunto coas súas características harmonías e arranxos non convencionais. Aínda así, a banda non soaba totalmente inaccesible e dirixida só cara un público restrinxido, sendo as estruturas musicais e melodías máis accesibles e elaboradas. O seu bo traballo nesa mestura de tendencias facía de Sonic Youth unha banda prometedora, non só no circuíto alternativo, senón tamén con potencial para chegar a un público maior e menos específico.

Bad Moon Rising tivo bastante éxito, e a banda acabou recibindo varias propostas de discográficas que querían ter ao grupo no seu plantel. Sonic Youth finalmente asinou co selo SST Records, o mesma que levaba a algunhas bandas xa consagradas do escenario alternativo como Hüsker Dü, Minutemen ou Black Flag. O primeiro disco pola SST foi lanzado en maio de 1986 e titulouse Evol, xa contando na súa formación co que se convetiría no seu batería definitivo, Steve Shelley. Nel, as influencias punk rock máis agresivas foron deixadas un pouco de lado, e a banda utilizou melodías e arranxos máis convencionais, pero sen apartarse das experimentacións e distorsións que xa eran a marca rexistrada de Sonic Youth. Para pechar o ano de 1986, o grupo gravou a banda sonora da película Made in USA, aínda que esta non sería editada ata febreiro de 1995.

A madurez[editar | editar a fonte]

A maduración musical e o recoñecemento por parte dos medios continuou co disco Sister, lanzado en 1987. Sonic Youth foi gañando aos poucos o rótulo de grande nome do escenario underground estadounidense, e comezou a aparecer con máis frecuencia nos medios. A revista Rolling Stone converteuse nun dos grandes seareiros da banda, publicando reseñas bastante positivas dos seus álbums. Pero Sonic Youth non se deixou levar por todo iso, e continuou coa mesma postura fronte ao éxito inesperado. Sen abandonar as sonoridades alternativas e experimentacións en xeral, a banda seguiu realizando concertos incendiarios polos Estados Unidos e noutros países, e en 1988 lanzou o seu quinto álbum de estudio, o aclamado Daydream Nation. Para moitos este é o mellor disco de Sonic Youth, onde a banda encontrou o equilibrio perfecto entre o experimentalismo e a melodía, entre as distorsións de guitarra coas harmonías marcantes. Cancións como "Silver Rocket" e "Teen Age Riot" fixeron que a banda fose finalmente recoñecida como unha das mellores do escenario alternativo estadounidense. Obviamente este non foi un éxito radiofónico e comercial estrondoso, pero dado o estilo e a postura da banda, o éxito era relativamente significativo. Xunto co EP Master-Dik, o disco Daydream Nation foi lanzado polo selo Enigma Records.

Aínda no ano 1988, Sonic Youth participou dun proxecto paralelo chamado Ciccone Youth (que contaba co baixista Mike Watt, ex-Minutemen e Firehouse) e lanzou o disco The Whitey Album, unha especie de álbum conceptual-irónico sobre a cultura musical, que vai do pop (con versións de Madonna e de Robert Palmer), á música contemporánea erudita (facendo referencia á composición 4:22 de John Cage a través do tema "Silence"), e pasando polas influencias experimentais de Sonic Youth, que veñen do krautrock alemán (con bandas como Neu! e Can).

Os anos 90[editar | editar a fonte]

Kim Gordon camiñando sobre o seu baixo nun concerto en 1991

En 1990, despois de cambiar de selo novamente (a nova casa era a DGC Records, propiedade de David Geffen), a banda lanzou o disco Goo, que confirmaba o bo momento do grupo. O álbum, que a banda produciu con total liberdade (garantida polo propio David Geffen), tamén tivo bastante éxito e tivo unha gran distribución ao redor do mundo, levando o nome de Sonic Youth a lugares que nunca antes tiñan escoitado falar da banda. O álbum contiña o exitoso sinxelo "Kool Thing", no cal aparecía de invitado Chuck D, do grupo de rap Public Enemy.

Para a divulgación de Goo, a banda participou dunha xira ao lado de Neil Young, que estaba promocionando o seu último disco, chamado Ragged Glory. Noutros concertos, Sonic Youth aproveitou para axudar a bandas novas do underground estadounidense, como por exemplo, os aínda descoñecidos Mudhoney, Pavement e Nirvana (que serían contratados por David Geffen no ano seguinte, por indicación de Thurston Moore).

A principios de 1992, a banda volveu aos estudios para a gravación dun novo disco, desa vez contando coa axuda dun famoso produtor, Butch Vig. O resultado foi Dirty, e con cancións como "Sugar Kane" e a politizada "Youth Against Fascism", Sonic Youth continuou o seu ascenso voltándose máis admirada, contando incluso coa exhibición exhaustiva dos seus clips na MTV. A identidade musical do grupo continuaba nas mesmas, é dicir, excelentes cancións con melodías creativas en perfecta convivencia coa experimentación.

Tamén no 1992 estreouse o ducumental dirixido por Dave Markey 1991: The Year Punk Broke, onde se amosaba á banda na súa xira europea do ano anterior. No filme tamén aparecen grupos como Nirvana, Dinosaur Jr., Ramones, Babes in Toyland e Gumball.

Sonic Youth volveu a a traballar con Butch Vig no disco Experimental Jet Set, Trash and No Star, lanzado en 1994. O álbum chegou a alcanzar a posición 34 na lista dos máis vendidos nos Estados Unidos, e a 10 en Inglaterra. Pero o traballo non tivo a mesma aceptación que Daydream Nation e Dirty, e desapareceu rapidamente das listas citadas, non chegando a ter o relativo éxito comercial dos últimos álbums. No novo disco a banda abusa das experimentacións e arranxos pouco convencionais, deixando un pouco de lado a fórmula equilibrada e de bastante éxito dos discos anteriores. Aínda en 1994, o grupo decidiu tomarse un descanso polo embarazo de Gordon, e mentres esperaba o nacemento do seu primeiro fillo, Coco Hayley Gordon Moore, Moore gravou un disco en solitario que foi lanzado en 1995 pola propia DGC, baixo o título de Psychic Hearts.

De volta aos escenarios en 1995, a banda foi a cabeza de cartel do festival alternativo Lollapalooza, e posteriormente lanzou un novo disco de estudio, Washing Machine. O disco recibíu boas críticas por parte da prensa e tivo máis éxito comercial que o seu antecesor.

En 1997, Sonic Youth inaugurou en Nova York un selo propio chamado Smells Like Records (ou SYR). Através dese selo, a banda atopou unha canle máis axeitada para lanzar discos unicamente experimentais e instrumentais, sen preocuparse pola aceptación deles por parte do público e dos medios, cousa que non podían facer na Geffen ou en calquera outro selo grande por motivos óbvios.

Aínda en 1997, a banda comezou a producir un novo disco para a Geffen, que saiu a finais de ano co título A Thousand Leaves. As guitarras de Moore e Lee e as voces de Gordon continúan sendo bastante creativas e espontáneas, e xunto a iso a banda volta a crear boas melodías e arranxos máis accesibles, facendo do disco un novo éxito comercial e consolidando máis aínda o estilo de Sonic Youth de facer rock alternativo.

2000s[editar | editar a fonte]

O 4 de xullo de 1999, un camión da banda con instrumentos, amplificadores e equipo foi roubado pola noite mentres estaban de xira en Orange, California[2]. Moitos dos instrumentos eran vellas guitarras que Lee e Thurston tiñan personalizadas ao seu gusto, polo que a perda foi un duro golpe para Sonic Youth.

Na metade de 1999 o grupo volveu aos estudios ao lado do produtor Jim O'Rourke para a gravación dun novo traballo, que foi unha especie de reacción creativa ao roubo do seu equipo. En febreiro de 2000 o disco estaba listo, sendo lanzado en maio baixo o título NYC Ghosts and Flowers a través do selo Geffen Records o día 16 de maio[3]. O disco tamén ten o equilibrio alcanzado pola banda en A Thousand Leaves, con boas melodías convivindo harmoniosamente con distorsións e experimentacións en xeral. Destaca tamén a arte gráfica do libreto, que ten fotos de Nova York sacadas por Lee Ranaldo, debuxos feitos por Kim Gordon e ilustracións do poeta beat William S. Burroughs. Parte do público e crítica consideraron o disco un pouco irregular, pero sen dúbida trátase dunha nova obra co selo da banda.

O día 15 de xullo do ano 2000 Sonic Youth realizou a súa primeira actuación (e única ata o de agora) en Galiza, encadrada dentro do festival Santirock, onde compartíu escenario con bandas como Yo La Tengo, Teenage Fanclub ou Ocean Colour Scene[4].

Con Jim O'Rourke oficialmente integrado na banda, Sonic Youth lanzou en 2002 o álbum Murray Street, que se considera a volta de Sonic Youth á sonoridade que consagrou á banda. O'Rourke, convertido no terceiro guitarrista do grupo, e Thurston Moore admitiron en entrevistas que Murray Street reflicte influencias de rock máis clásico no son do grupo. O resultado son melodías máis convencionais en comparación coas do disco anterior o que lle reportou á banda os eloxios máis entusiastas da crítica dende Dirty, de 1992. O álbum posúe algúns trazos que fan lembrar a traxedia ocorrida en Nova York o día 11 de setembro de 2001, cos atentados terroristas que derrubaron o World Trade Center. A banda tivo que suspender a gravación do álbum debido este acontecemento, ocorrido a pouca distancia do seu estudio.

En 2003, o grupo comezou a planexar o lanzamento de edicións especiais dos LPs dos seus catálogos. O primeiro en ser relanzado foi Dirty, que estivo acompañado dun disco extra de 16 temas.

En 2004, a banda lanzou Sonic Nurse, pechando unha triloxía iniciada cos dous álbums anteriores. O disco foi ben recibido polos seareiros e pola crítica, funcionando case como unha continuación natural de Murray Street.

Mentres tanto os relanzamentos de discos non pararon, e despois da xira de divulgación de Sonic Nurse a banda volveu ao estudio para retomar os traballos do seguinte álbum. Neste xa non contarían con Jim O'Rourke, que decidiu concentrarse noutras actividades. O novo disco lanzouse en xuño de 2006 baixo o nome Rather Ripped. Desta vez a banda fixo un álbum de cancións máis directas e melodiosas, obtendo unha moi boa recepción por parte da crítica e dos fans. No mesmo ano, foron lanzadas edicións especiais para os álbums Psychic Hearts (disco en solitario de Thurston), The Whitey Album (do proxecto paralelo Ciccone Youth) e o EP de estrea da banda, de 1982.

A banda editou o recompilatorio The Destroyed Room: B-Sides and Rarities en decembro do 2006. O disco conta con temas só dispoñibles en vinilo anteriormente, en recomplilacións con edicións limitadas, caras-b de sinxelos internacionais e material que nunca antes vira a luz. Este álbum marcou o seu fin co selo Geffen.

Independencia e contrato con Matador[editar | editar a fonte]

No ano 2008 a banda editou independentemente Master-Dik só dispoñible nun principio através da súa tenda online. Tamén editaron máis gravacións da serie SYR, SYR7: J'Accuse Ted Hughes e SYR8: Andre Sider Af Sonic Youth. SYR7 apareceu o 22 de abril e SYR8 o 28 de xullo. O 10 de xuño lanzaron un recompilatorio através de Starbucks Music, titulado Hits Are for Squares. Os primeiros 15 temas deste disco foron seleccionados por outros artistas, e o tema 16, "Slow Revolution", é unha nova gravación da banda.

Tamén en xuño, a banda foi obxecto dunha biografía, Goodbye 20th Century: A Biography of Sonic Youth, escrita polo xornalista musical David Browne. O libro conta con novas entrevistas coa banda así coma cuns 100 amigos, familiares e compañeiros. Foi publicado por Da Capo e inclue unhas 60 fotos inéditas.

O 30 de agosto do 2008 a banda avanzou dúas novas cancións ao final dun concerto no McCarren Park Pool, en Nova York. Thurston Moore dixo en novembro dese ano que o grupo comezaría a gravar un novo álbum de estudio. Sonic Youth non renovou o seu contrato con Geffen, ao estar descontentos polo xeito que o selo manexou os seus últimos traballos. O 3 de setembro do 2008 confirmouse que Matador Records lanzaría o seguinte traballo da banda na primavera do ano 2009. No mes de decembro anunciouse tamén que o grupo colaborara con John Paul Jones (baixista de Led Zeppelin) nun tema para a nova compañía de danza de Merce Cunningham. Este traballo representouno a compañía en abril do 2009 na Brooklyn Academy of Music para celebrar o 90 aniversario de Cunningham. O 12 de febreiro a banda revelou a portada para o seu novo álbum, The Eternal, através da súa páxina en internet e o seu blogue. O álbum, producido por John Agnello, editouse o 9 de xuño. Co lanzamento de The Eternal, Matador Records tamén ofreceu un LP en directo en exclusiva para os clientes que pre-ordearan o disco.

Dende a edición de The Eternal a banda compuxo a banda sonora para a película francesa Simon Werner a Disparu, estreada en maio do 2010 como parte do Festival Internacional de Cine de Cannes. Esta será editada no ano 2011 como seguinte lanzamento das series SYR, SYR9: Simon Werner a Disparu.

O 14 de outubro do 2011 Kim Gordon e Thurston Moore anunciaban a súa separación despois de 27 anos de matrimonio a través de Matador[5]. O anuncio xerou dúbidas sobre o futuro de banda e o selo declarou que este é "incerto", a pesares de que o grupo tiña intención de rexistrar novo material cara finais de anos e de manterse as súas datas en varias cidades de América do Sur.

Estilo e influencias[editar | editar a fonte]

Afinacións alternativas[editar | editar a fonte]

Guitarras de Sonic Youth usadas en directo

O son de Sonic Youth basease fortemente no uso de afinacións alternativas. A scordatura en instrumentos de corda leva usándose dende hai séculos, e as afinacións alternativas nas guitarras dende décadas na música blues, e dun xeito limitado no rock, pero Sonic Youth comezou a usar unha grande variedade de afinacións máis radicais, un feito nunca visto na historia do rock.

Estas afinacións foron desenvolvidas por Moore e Ranaldo durante os ensaios da banda. Na vez de volver a afinar en cada nova canción, Sonic Youth xeralmente usa unha determinada guitarra para un ou dous temas, e poden chegar a utilizar dúcias de instrumentos en cada xira.

Influencias[editar | editar a fonte]

Ademais de Glenn Branca, as súas principais influencias son o vangardista francés Brigitte Fontaine, Patti Smith, Public Image Ltd e The Stooges. Outra foi o hardcore punk dos anos 80; despois de ver unha actuación de Minor Threat en 1982, Moore dixo deles que eran "a mellor banda en directo que vira". Se ben recoñecen que a súa propia música é moi diferente do hardcore, Moore e Gordon, especialmente, quedaron impresionados pola súa intensidade e velocidade, e pola rede de músicos e fans tecida en toda a nación.

Thurston Moore e Lee Ranaldo expresaron en numerosas ocasións a súa admiración pola música de Joni Mitchell. Ademais, Mitchell sempre usou un bo número de afinacións alternativas, ao igual que fai Sonic Youth. A banda púxolle o nome a unha canción en homenaxe a ela, "Hey Joni".

Os membros da banda tamén mantiveron relación con outros artistas vangardistas doutros xéneros e doutras disciplinas, collendo influencias do traballo de John Cage e Henry Cowell. Para unha Peel Session realizada en 1988, Sonic Youth versionou tres temas de The Fall e "Victoria" de The Kinks, tamén versionada por The Fall. Sonic Youth contou con coñecidos artistas visuais para a realización das súas portadas, como Mike Kelley (Dirty) e Gerhard Richter (Daydream Nation).

Membros[editar | editar a fonte]

Membros actuais[editar | editar a fonte]

Antigos membros[editar | editar a fonte]

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums[editar | editar a fonte]

EPs[editar | editar a fonte]

Serie SYR[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Sonic Youth Recordings.

Recompilatorios[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Sonic Youth