Novacaixagalicia foi o nome comercial dunha caixa de aforrosgalega, nacida o 29 de novembro de 2010 como resultado da fusión das entidades Caixa Galicia e Caixanova. O nome co que rexistrou a súa inscrición foi Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense e Pontevedra.
Dada a crise financeira que afectaba as dúas principais caixas de aforrosgalegas como consecuencia da súa excesiva exposición[1] á burbulla inmobiliaria que detonou en 2008, Caixa Galicia e Caixanova víronse abocadas a un proceso de fusión. A aquela altura chegaban as dúas entidades, Caixa Galicia e Caixanova con 46.000 e 32.000 millóns de euros en activos[2]. As outras alternativas baralladas no momento pasaban pola compra por outras entidades bancarias españolas[3][4][5], que finalmente non se produciu.
Para afrontar ese proceso de fusión, as dúas caixas solicitaron do FROB un empréstito de 1.162 millóns de euros[6]. Tan só uns meses despois, o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, por boca da súa ministra de Economía a ourensá Elena Salgado, elevou a porcentaxe de capital en depósito que tiñan que ter as entidades bancarias e, en concreto, as caixas de aforro, para a súa continuidade como operadores financeiros[7]. A recente fusión aumentaba as dificultades para conseguir esa porcentaxe e os directores da entidade optaron por un proceso de bancarización, é dicir, de transformación da caixa de aforros nun banco tradicional. Para convertérense en bancos, as caixas tiñan que reestruturar os seus órganos directivos, mudar os seus órganos de goberno para atraer o capital privado, e presentar un plan de viabilidade que contemplase a entrada de investidores privados[7]. Este proceso foi seguido tamén por outras entidades en España naquela época.
A porcentaxe de capital en depósito esixida polo goberno de España fixouse nun 8% —que tiña que acadarse en setembro de 2011 para evitar a nacionalización—, e Nova Caixa Galicia tiña en xaneiro de 2011 un 6%[8]. A entidade resultante do proceso de bancarización recibiu o nome de NCG Banco e a súa data de creación anunciada para agosto de 2011.