Lingua eslovena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Esloveno
Slovenščina
Falado en: Eslovenia
Total de falantes: 2,2 millóns
Familia: Indoeuropea
 Balto-eslava
  Eslava
   Eslava do sur
    Eslava occidental
     Esloveno
Estatuto oficial
Lingua oficial de: Flag of Slovenia.svg Eslovenia
Flag of Europe.svg Unión Europea
Regulado por: Academia Eslovena de Ciencias e Artes
Códigos de lingua
ISO 639-1: sl
ISO 639-2: slv
ISO 639-3: slv
SIL: SLV
Idioma esloveno.png

O esloveno[1] é unha lingua eslava meridional falada principalmente na República de Eslovenia, así como en zonas adxacentes de Italia, Austria e Hungría nas que viven minorías históricas de eslovenos.

Clasificación[editar | editar a fonte]

O esloveno (slovenščina, slovenski jezik) pertence á rama de linguas eslavas da familia indoeuropea. Dentro da rama eslava, atópase no grupo de linguas eslavas do sur ou meridionais, e dentro destas, no subgrupo occidental.

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

É falado na República de Eslovenia, en Italia fálano unhas 100.000 persoas[2] nas provincias de Trieste, Gorizia e Udine da rexión de Friuli-Venezia-Giulia. En Austria os eslovenos concéntranse sobre todo en Carintia, onde hai entre 12 e 20.000 falantes, e tamén en Estiria, onde hai entre 2 e 5.000 falantes[3], en Hungría fálano entre 3 e 5.000 persoas en nove lugares [4].

Status oficial[editar | editar a fonte]

O esloveno é o idioma oficial da República de Eslovenia, é unha das linguas oficiais da Unión Europea. En Italia o esloveno está recoñecido legalmente na rexión de Friuli-Venezia-Giulia[5] e en Austria en Carintia [6]

Historia[editar | editar a fonte]

Os asentamentos eslovenos máis antigos na rexión actual datan do século VI. No principio a lingua eslovena compartiu o seu desenvolvemento cos dialectos kajkaviano e cakaviano, ambos serbocroatas, mais do século XII en diante os eslovenos estiveron controlados politicamente por países falantes de romance e sobre todo de xermánico, o que fixo que o uso do esloveno se restrinxise a formas dialectais bastante localizadas, resultando nun bilingüismo extensivo mais esporádico. Existen poucos textos do período anterior á Reforma, de entre eles os Fragmentos Freisin (arredor do ano 1000) son notábeis.

No século XVI a lingua eslovena se desenvolve grazas a obra de Trubar, Dalmatin, Krelj, Bohoric e outros, sendo impresos uns 50 libros entre 1550 e 1598. A Contrarreforma detivo a expansión e codificación da lingua escrita, mais no século XIX implantáronse formas literarias que foron adoptadas polos intelectuais eslovenos.

No século XX, os planificadores da lingua tiveron de enfrontar varios problemas, incluíndo o bilingüismo, a heteroxeneidade das variantes dialectais e o contraste entre as aproximacións teóricas e as consideracións prácticas. Froito desa complexidade é a coexistencia de dous sistemas fonolóxicos autorizados: un con distincións tonais e outro sen distincións tonais; o primeiro é típico en determinados dialectos e o segundo noutros.

Datos[editar | editar a fonte]

O esloveno literario normativo é a lingua oficial da Eslovenia, sendo a lingua nativa de preto de 2,2 millóns de persoas nese país e rexións fronteirizas da Italia, Austria e Hungría. Hai cerca de 400.000 falantes en comunidades emigradas na Arxentina, Canadá, Croacia, Estados Unidos, Serbia e Montenegro. A palabra "esloveno" (slovenščina) úsase para definir a lingua desde o principio do século XIX.

Dialectos[editar | editar a fonte]

Mapa dos dialectos eslovenos

O esloveno salienta de entre as linguas eslavas pola heteroxeneidade dos seus dialectos, especialmente considerando o tamaño reducido da rexión de fala eslovena. Esta diversidade chega ata unha falta de intelixibilidade mutua entre algúns dialectos. Algúns estudosos falan de 36 e ata 46 dialectos e subdialectos. Os principais dialectos son:

  • Carintio, no extremo norte da Eslovenia, sur da Austria, pequena rexión no nordeste da Italia.
  • Litoral, oeste da Eslovenia, rexión fronteiriza da Italia coa Eslovenia, incluíndo Trieste.
  • Rovtarsko, rexión central da Eslovenia.
  • Alto Carniolo, rexión centro-norte da Eslovenia, incluíndo a capital Ljubiljana.
  • Carniolo interior, rexión suroeste da Eslovenia, próxima ao golfo de Venecia.
  • Baixo Carniolo, rexión sueste da Eslovenia.
  • Kocevje, rexión de Kocevje, no sueste da Eslovenia.
  • Estirio, rexión nordeste da Eslovenia.
  • Estirio-Panonio, extremo nordeste da Eslovenia, rexións fronteirizas de Austria e Hungría (prekmurio).

Escrita[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Alfabeto esloveno.

O esloveno utiliza o alfabeto latino, con excepción das letras Q, X, W e Y, que se usan soamente para grafar nomes e fórmulas estranxeiras, e incrementado coas letras Č, Š e Ž.

Gramática[editar | editar a fonte]

A lingua eslovena posúe tres xéneros: masculino, feminino e neutro; e tres números: singular, plural e dual, sendo este último restrinxido a pronomes, adxectivos e verbos.

Os números 1 e 2 posúen xéneros: 1 ed/en (masc.), ena (fem.); 2 dva (masc.), dve (fem./neutro); 3 a 10: tri, štiri, pet, šest, seden, osen, devet, deset; 11 enajst, 12 dvanajst, 13 trinajst, 20 dvajset, 30 trideset, 40 štirideset, 100 sto.

Os pronomes persoais son:

  • Singular 1ª pers. jaz, 2ª pers. ti, 3ª pers. on/ona/ono
  • Dual 1ª pers. midva, 2ª pers. vidva, 3ª pers. onadva
  • Plural 1ª pers. mi, 2ª pers. vi, 3ª pers. oni/one/ona

A orde da frase é suxeito, verbo e obxecto.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para esloveno.
  2. Xosé Henrique Costas Guía das linguas de Europa. Positivas, 2002, páxina 61
  3. "Slovenes of Carinthia and Styria. Minority Rights". Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2014. Consultado o 02 de novembro de 2009. 
  4. "Euromosaic". Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2009. Consultado o 02 de novembro de 2009. 
  5. "Lei do 23 de febreiro de 2001". Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2009. Consultado o 02 de novembro de 2009. 
  6. "Euromosaic". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2009. Consultado o 02 de novembro de 2009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]