Linguas nórdicas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Linguas nórdicas

Coñécese co nome de linguas nórdicas[1] ás linguas xermánicas setentrionais[2] ou linguas escandinavas.[3] Constitúen unha das tres pólas das linguas xermánicas, unha sub-familia das linguas indoeuropeas, xunto coas linguas xermánicas occidentais e mailas linguas xermánicas orientais.

Derivan do protonórdico e do nórdico antigo, e son faladas en Dinamarca, Noruega, Suecia, as Illas Feroe, Islandia e Groenlandia, así como por unha significativa minoría sueca en Finlandia e por grupos de inmigrantes en América do Norte e Australia.

Aproximadamente 20 millóns de persoas dos países nórdicos teñen unha lingua escandinava como lingua nai,[4] incluíndo unha significativa minoría sueca en Finlandia.

Historia[editar | editar a fonte]

Ao redor do ano 200, os falantes do xermánico setentrional fixéronse perceptiblemente distinguibles doutros falantes xermánicos. Entre o 750 e o 1100, os falantes do xermánico setentrional falaban dialectos que correspondíanse cunha lingua coñecida como dinamarquesa, nome usado para esa lingua ata o século XIII en Suecia.[5] Unha inscrición en escritura rúnica documenta os primeiros desenvolvementos desta lingua.

Os colonos escandinavos levaron a lingua dinamarquesa a Islandia e ás Illas Feroe cara ao 800. Das modernas linguas escandinavas, o islandés escrito é o máis próximo a esta lingua antiga.[5] Esta lingua dinamarquesa estaba moi vencellada co inglés antigo, lingua sobre a que os viquingos dinamarqueses exerceron unha gran influencia durante a súa idade viquinga.

Tralos períodos do protonórdico e do nórdico antigo, as linguas xermánicas setentrionais desenvolvéronse en dúas pólas: unha póla escandinava oriental, que se compoñía do dinamarqués e sueco; e unha póla occidental, composta polo noruegués, feroés e islandés.[6] Unha lingua máis, coñecida como Norn, desenvolveuse nas Órcadas e nas Illas Shetland despois de que os viquingos se establecesen alí cara ao ano 800; no entanto, a lingua extinguiuse cara ao 1700.[4]

Na época medieval, os falantes de todas as linguas escandinavas podían entenderse entre eles. Cara o ano 1600, as pólas oriental e occidental reconfiguráronse dende un punto de vista sintáctico[4] nun grupo insular (islandés e feroés) e un grupo continental (dinamarqués, noruegués e sueco). A división entre escandinavo insular (ö-nordisk/ø-nordisk)[7] e escandinavo continental (Skandinavisk)[8] desenvolveuse, principalmente, debido á distancia xeográfica entre as dúas rexións e está baseada no grao de mutua comprensibilidade entre as linguas dos dous grupos.[9]

Clasificación[editar | editar a fonte]

As linguas xermánicas de Europa están divididas en linguas xermánicas setentrionales e occidentais      Neerlandés (Xermánico occidental)      Alto alemán (Xermánico occidental)      Anglo-frisón insular (Xermánico occidental)      Anglo-frisón continental (Xermánico occidental)      Escandinavo oriental (Xermánico setentrional)      Escandinavo occidental (Xermánico setentrional)      Liña que sinala a división entre as linguas xermánicas setentrionales e occidentais

A lingüística histórica diferenza entre dúas pólas principais: linguas escandinavas occidentais (noruegués, feroés e islandés) e linguas escandinavas orientais (dinamarqués e sueco), todas elas cos seus respectivos dialectos e variedades. As dúas pólas derivan, respectivamente, dos dialectos occidental e oriental do Nórdico antigo. Houbo tamén unha póla denominada Gútnico antigo falada na illa de Gotland. As linguas escandinavas orientais (e o noruegués moderno a través do dinamarqués) foron moi influídas polo medio-baixo alemán durante o período da expansión Hanseática.

Na actualidade, os empréstamos do inglés están influíndo nestas linguas. Un informe do ano 2005 sobre palabras usadas por falantes das linguas escandinavas amosou que o número de empréstamos do inglés empregados nas linguas escandinavas duplicouse nos derradeiros 30 anos e que agora constitúe o 1'2% do seu léxico. O islandés importou un menor número de palabras inglesas que outras linguas escandinavas, malia ser o país no que máis se emprega o inglés.[10]

Existe outro xeito de clasificar as linguas, centrado máis na mutua intelixibilidade cá no modelo arbóreo, que sitúa ao noruegués, dinamarqués e sueco como membros do escandinavo continental e ao feroés e islandés como escandinavo insular.[9] Como resultado, o dinamarqués e mailo noruegués resultan máis intelixibles entre sí que cada un respecto do sueco. Debido á longa unión política entre Noruega e Dinamarca, o noruegués estándar Bokmål contén moito vocabulario dinamarqués. Porén, debido a que o dinamarqués desenvolveu unha grande diferenza entre as súas versións oral e escrita, os falantes do sueco e do noruegués adoitan consideran ao dinamarqués difícil de entender. O menor grao de intelixibilidade dase entre o dinamarqués oral e mailo sueco. Amais, por mor da pronunciación do dinamarqués, aos suecos resúltalles máis doado entender o noruegués có dinamarqués. Un aserto humorístico sobre o noruegués, que vén sintetizar as semellanzas e diferenzas entre linguas, di que o "noruegués é dinamarqués dito en sueco". Na lingua escrita, o dinamarqués é relativamente próximo a outras linguas escandinavas continentais, mais o desenvolvemento fonético do dinamarqués falado implica redución e asimilación de consoantes e vogais, así como os trazos prosódicos chamados stød en dinamarqués (lit. "push; thrust"), desenvolvementos que non se deron noutras linguas. Os vencellos entre as tres linguas quedan resumidos no diagrama adxunto.

Relación entre o noruegués o sueco e mailo dinamarqués

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Esta expresión é a tradución directa de "nordiske sprog/nordiska språk", que é a máis empregada polos especialistas e xuristas nos países nórdicos.
  2. Expresión empregada na xenética lingüística (Gordon, Raymond G., Jr. (ed.), 2005. Language Family Trees Indo-European, Germanic, North. Ethnologue: Languages of the World, Fifteenth edition. Dallas, Tex.: SIL International).
  3. Termo que aparece en estudos lingüísticos sobre Escandinavia (Traballo sobre a sintaxe do dialecto escandinavo. Consultado o 18 de setembro de 2009), e que, en ocasións, só atinxe ao eido continental, i.e., dinamarqués, sueco e noruegués
  4. 4,0 4,1 4,2 Holmberg, Anders and Christer Platzack (2005). "The Scandinavian languages". En The Comparative Syntax Handbook, eds Guglielmo Cinque and Richard S. Kayne. Oxford and New York: Oxford University Press. Excerpt at Durham University Arquivado 03 de decembro de 2007 en Wayback Machine..
  5. 5,0 5,1 Lund, Jørn. Language. Publicación online do Real Ministerio Dinamarqués de Asuntos Exteriores, versión do 1 de novembro de 2003, consultada o 18 de setembro de 2009.
  6. Bandle, Oskar (ed.)(2005). The Nordic Languages: An International Handbook of the History of the North Germanic Languages. Walter de Gruyter, 2005, ISBN 3-11-017149-X.
  7. Jónsson, Jóhannes Gísli and Thórhallur Eythórsson (2004). "Variation in subject case marking in Insular Scandinavian". Nordic Journal of Linguistics (2005), 28: 223-245 Cambridge University Press. Consultado o 18 de setembro de 2009.
  8. Heine, Bernd and Tania Kuteva (2006). The Changing Languages of Europe. Oxford University Press, 2006, ISBN 0-19-929734-7.
  9. 9,0 9,1 Torp, Arne (2004). Nordiske sprog i fortid og nutid. Sproglighed og sprogforskelle, sprogfamilier og sprogslægtskab Arquivado 18 de setembro de 2008 en Wayback Machine.. Moderne nordiske sprog. In Nordens sprog - med rødder og fødder. Nord 2004:010, ISBN 92-893-1041-3, Nordic Council of Ministers' Secretariat, Copenhagen 2004. (In Danish).
  10. "Urban misunderstandings". In Norden this week - Monday 01.17.2005.The Nordic Council and the Nordic Council of Ministers. Consultado o 18 de setembro de 2009.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]