Henrique V de Inglaterra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Henrique V de Inglaterra

Henrique V de Inglaterra foi un rei inglés nado no castelo de Monmouth o 16 de setembro de 1387, como segundo fillo -o primoxénito, Eduardo, morreu ó nacer en 1382- de Henrique, duque de Lancaster -despois Henrique IV- e de María de Bohun. Ó acceder ó trono seu pai, tras depoñer a Ricardo II (1399), converteuse en príncipe de Gales e herdeiro do trono inglés.

Henrique V foi nomeado cabaleiro en dúas oportunidades. A primeira foi ós 12 anos de idade, en medio dun campo de batalla irlandés (1399), pola espada de Ricardo II. O rei inglés levaba ó xove Henrique ó combate en calidade de refén para garantir o bo comportamento do seu pai Henrique de Lancaster, opositor político da coroa. Prisioneiro e todo, o rapaz demostrou o seu valor contra os rebeldes irlandeses, o que lle valeu este primeiro espaldarazo. A segunda oportunidade foi polo seu pai Henrique IV (que xa derrocara e fixera asasinar a Ricardo II e usurpara o trono), un día antes da coroación de aquel e da súa propia ascensión ó Principado de Gales.

Ó ano seguinte, 1400, Henrique IV mandou ó seu fillo a reprimir unha gran rebelión dun xefe galés que reclamaba para si o principado. En menos de dous anos, o xove conseguiu sufocar a rebelión, incluíndo os exércitos de dous xefes ingleses que se pregaran a ela. Dos guerreiros galeses aprendería o xove Henrique as tácticas guerrilleiras que máis tarde aplicaría en Francia.

Xuventude e reivindicacións sobre Francia[editar | editar a fonte]

Á morte de Henrique IV (20 de marzo de 1413), Henrique sobe ó trono coma Henrique V, e dende o comezo do seu reinado o seu obxectivo principal foi reivindicar para Inglaterra as posesións francesas que el consideraba coma súas: os ducados de Aquitania, Guyena, Gascuña e Normandía; o que naquela época significaba, máis ou menos, a totalidade do reino de Francia.

Baixo a análise da Historia moderna, poderíanse considerar válidos os dereitos de Henrique a tales ducados: en 1152, a última duquesa independente de Aquitania, a célebre Leonor, divorciada do rei Luís VII de Francia, casou có entón Conde de Anjou e Normandía, Henrique Plantagenet, que logo (1154) sería o rei Henrique II de Inglaterra. Como era lóxico, a duquesa Leonor leva en dote ó matrimonio tódolos seus estados -os ducados xa mencionados-.

Os ingleses perderían Aquitania baixo a reinado de Xoán Sen Terra (1199-1216, irmán de Ricardo Corazón de León e logo perderán os outros ducados baixo o reinado de Eduardo III, en plena Guerra dos Cen Anos.

Guerra dos Cen Anos e Agincourt[editar | editar a fonte]

Henrique V decide retomar a loita por recuperar ditos estados, e o conseguirá, cunha sorte inimaxinable: os ataques de tolemia que padecía o rei Carlos VI de Francia e a guerra civil en dito país entre os duques de Borgoña (Xoan Sen Medo) e de Orleans, converteron ese momento no ideal para que Henrique decidira atacar.

Henrique fixo formar unha gran flota, modernizou o sistema de recrutamento e agregou novas armas e pezas de artillería para o seu gran exército: cruzou o Canal da Mancha e en setembro de 1415 puxo sitio á estratéxica cidade de Harfleur, sita no estuario do Sena. Pese a tela tomada, o sitio causou tantas baixas ós ingleses que Henrique decide retirarse ata Calais para volver a Inglaterra. No camiño, el e o seu exército foron alcanzados polos franceses en Agincourt, onde acadou unha resoante vitoria a pesar de ser superado numericamente.

Esta foi a vitoria final de Henrique: en Agincourt (25 de outubro) capturou a importantes nobles franceses, entre eles ó mesmo duque de Orleans, primo do rei, que non será liberado do seu cativerio en Inglaterra ata 1440. Así mesmo, recuperou tres cuartas partes dos territorios que na súa teoría lle correspondían.

Matrimonio[editar | editar a fonte]

Pero, como hábil estadista que era, Henrique V decide unirse á dinastía real dos Valois por matrimonio, solicitando a man da xove princesa Catalina, a menor das seis fillas do rei Carlos VI e a raíña Isabel de Baviera.

Ó mesmo tempo que xestionaba o seu matrimonio, presionou ó soberano francés a recoñecerlle a súa vitoria e nomealo lexítimo herdeiro do trono de Francia.

Deste modo, chégase a asinar o Tratado de Troyes de 1420, mediante o cal Carlos VI recoñeceu a Henrique V coma o seu único herdeiro tras o seu matrimonio con Catalina, celebrado na catedral da mesma cidades de Troyes o 2 de xuño dese mesmo ano. No tratado estipulouse que os descendentes de Henrique V e Catalina serían os sucesores do rei Carlos VI á súa morte. Así mesmo, no Tratado desherdaba ó seu fillo o delfín Carlos, a quen a súa propia nai Isabel acusou de ser bastardo. A sinatura deste convenio, que equivalía ó falecemento da coroa francesa, produciu unha grande ola de patriotismo: moitos dos grandes nobres franceses -coma os duques de Bretaña, Alençon, Berry e outros- rexeitaron o tratado e sostiveron a lexitimidade dos dereitos do delfín como herdeiro.

Morte[editar | editar a fonte]

A finais de 1420 Henrique decide retornar a Inglaterra, levándose con el a súa esposa Catalina. Do seu matrimonio nacerá un único fillo: Henrique VI (nado no Castelo de Windsor, o 6 de decembro de 1421 - morto asasinado na Torre de Londres en 1471), sucesor do seu pai nos tronos de Inglaterra e Francia.

Como a situación en Francia era convulsa e insegura, Henrique V decide regresar ó país galo a principios de 1422, deixando á súa esposa e fillo en Inglaterra. Non volvería a velos nunca máis.

Enfermo de disentería, decide facer uns últimos esforzos por preservar os logros derivados das súas vitorias francesas. Xa tan feble que só podía ser levado en liteira, morre no bosque de Vincennes o 31 de agosto de 1422, dezaseis días antes de cumprir os 35 anos de idade. O seu corpo foi trasladado a Inglaterra e está soterrado na Abadía de Westminster.