Fonema

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

O fonema é a unidade mínima, desprovista de significado, da fala, consistente nunha emisión sonora identificábel e distinguíbel conceptualmente do resto. Constitúe a unidade lingüística da primeira articulación da linguaxe. É como a imaxe mental do son e serve para diferenciar palabras. Para a súa identificación utilízase a proba da conmutación.

Definición de fonema[editar | editar a fonte]

Conmutación de fonemas.

Cada lingua presenta un número limitado de fonemas, usualmente entre vinte e cincuenta, que se combinan sucesivamente, ao longo da cadea da fala para constituír os significantes das mensaxes. Os fonemas defínense con referencia á súa substancia sonora por certas características que se atopan nos diferentes niveis de transmisión da mensaxe (nivel motor, nivel acústico, nivel perceptivo etc).

Estes trazos fónicos chámanse trazos distintivos ou "pertinentes", que non se presentan xamais illados. Os falantes de cada lingua aprenden a producir os movementos dos órganos da fala dunha maneira determinada, co que as ondas sonoras producidas portan eses trazos e se distinguen dos demais da mesma lingua e con frecuencia dos semellantes noutras linguas.

Porén, a definición de fonema faise por contraste, é dicir, por conmutación: un fonema é diferente doutro cando existe unha parella de palabras consideradas distintas nas que a oposición se dá porque apareza un fonema e non outro. Por exemplo, os dous fonemas iniciais de coma e goma son diferentes porque os significados das secuencias sonoras son diferentes ("signo ortográfico" e "material elástico"). Debido a que son entidades fonolóxicas, os fonemas represéntanse entre barras, e estipúlase que os símbolos que representan os fonemas do exemplo son /k/ e /g/. En galego, utilízanse os símbolos do AFI para representar os fonemas.

Un mesmo fonema pode realizarse, polo tanto, a través de sons diferentes (e o máis habitual e esperable é que así sexa), mais que posúen todos eles en común os trazos que opoñen ese fonema a todos os outros fonemas da mesma lingua. Estes sons diferentes chámanse alófonos.

Dous fonemas que pertenzan a dúas linguas diferentes non poden xamais ser semellantes estritamente, xa que cada un se define en relación aos outros fonemas da lingua á que pertence.

Tanto os fonemas, concepto pertencente á fonoloxía, coma as realizacións, relativas á fonética, poden definirse articulatoria ou acusticamente, aínda que o máis habitual é que se determinen por estas disciplinas respectivamente: é dicir, os fonemas pola fonoloxía dende unha perspectiva articulatoria e as realizacións directamente pola fonética acústica.

Características[editar | editar a fonte]

Podemos dicir que fonema é unha unidade fonolóxica diferenciadora, indivisible linealmente e abstracta.

  • Diferenciadora: porque cada fonema se delimita dentro do sistema polas cualidades que o distinguen dos demás e ademais leva unha intención significativa especial.
por exemplo: /p-o-t-a/ e /b-o-t-a/ son dúas palabras que se distinguen semanticamente debido a que /b/ se opón a /p/ pola sonoridade.
  • Indivisible: non se pode descompoñer en unidades menores.
por exemplo: a sílaba ou o grupo fónico si poden dividirse. Unha análise máis detallada do fonema revela que está composto por un conxunto de deferentes elementos fónicos chamados trazos distintivos, dos que a súa combinación forma o inventario de fonemas. O inventario destes trazos tamén é limitado e vén constituír unha especie de terceira articulación da linguaxe.
  • Abstracta: non son sons, senón modelos ou tipos ideais de sons. A distinción entre son e fonema foi un gran achado dos últimos tempos.

Definición formal de fonema[editar | editar a fonte]

Dada a distinción entre fonema e fono, existe outra forma de concibir un fonema como unha especificación incompleta de trazos fonéticos. Esta relación é equivalente á do fonema como conxunto de fonos: o fonema sería o conxunto de trazos fonéticos comúns a todos os fonos que forman a clase de equivalencia do fonema.

Máis formalmente se é un fonema que pode ser articulado como todo un conxunto de fonos entón podemos definir unha relación de pertenza de cada un deses alófonos ao fonema se definimos a función que asigna a cada fono ou fonema o conxunto de trazos relevantes. Un alófono é unha realización posible dun fonema se pertence á clase de equivalencia de sons asociada ao fonema, que en termos de trazos equivale a que:


Polo contrario a partir do conxunto de fonos do mesmo fonema pódese definir o conxunto de trazos relevantes para definir o fonema:


Podemos aplicar as ideas anteriores á análise dos fonemas obstruíntes /b, d, g/. Entre estes podemos distinguir unha realización oclusiva e outra aproximante, polo que podemos escribir:


E se introducimos un conxunto de trazos fonéticos relevantes como [+obstruínte], [+oclusivo], [+ aproximante], [+ labial], [+alveolar], [+velar], [-fricativo], [+sonoro], ... tense que:

fonema trazos relación

Sistemas fonolóxicos[editar | editar a fonte]

Fixado un conxunto de trazos fonéticos pódense definir os sons da lingua. En principio non hai límite para o fina que poida ser a distinción que establecen estes trazos; potencialmente a listaxe de sons pode facerse tan grande como se queira se se inclúen máis trazos. Non obstanto, o número de fonemas é unha cuestión diferente, xa que moitos dos anteriores sons serán equivalentes dende o punto de vista lingüístico. Un sistema fonolóxico é un par onde é un inventario de fonemas abstractos definidos por uns poucos trazos do conxunto total (as linguas naturais polo xeral oscilan entre 10 e 30 fonemas, aínda que se describiron linguas con preto de cen fonemas), e é o conxunto de regras que en función do contexto relativo de aparición dos fonemas definen totalmente os trazos fonéticos. Así, este conxunto de regras pode pensarse como unha aplicación do conxunto de secuencias admisibles de fonemas no conxunto de secuencias admisibles de sons:


Onde e <matha>\Sigma_0(S) \,</math> representan o conxunto de secuencias finitas de fonemas e o conxunto de secuencias finitas de sons ou alófonos.

Fonemas en galego[editar | editar a fonte]

Consonantismo galego.
Vocalismo tónico galego.

A lingua galega ten 28 fonemas:

7 fonemas vocálicos, sempre orais (nunca nasais como en francés ou portugués): /a/, /e/ (e fechado), /ɛ/ (e aberto), /i/, /o/ (o fechado), /ɔ/ (o aberto) e /u/;

18 consonánticos:

Na escrita non existe unha correspondencia biunívoca entre fonemas e a súa representación, os grafemas. Por exemplo, os grafemas B e o V correspóndense co mesmo fonema en galego, mais non en portugués. Para evitar esta ambigüidade no valor dos grafemas inventouse o Alfabeto Fonético Internacional ou AFI (IPA en inglés), se ben aínda existen transcricións que usan o Alfabeto da Revista de Filoloxía Española (RFE). No AFI, usado nos parágrafos anteriores, os fonemas deben ir transcritos entre barras e márcase o volume acentual cun apóstrofo: así verquer transcribirase /beɾ'keɾ/. Dado que hai moitas menos letras que fonemas (que se transcriben como a súa realización central ou máis prototípica), bótase man de certos signos de todas as linguas do mundo: por exemplo, /x/ representa o fonema fricativo velar xordo que en castelán se escribe "J" e en alemán "CH".

Nalgunhas zonas occidentais de Galicia, o fonema oclusivo velar sonoro (/g/) realízase aspirado e fricativo: é a chamada gheada. Nalgunhas localidades maiormente costeiras desta zona de gheada, o fonema fricativo interdental xordo (/θ/) non existe e no seu lugar aparece o fricativo alveolar xordo (/s/): é o chamado seseo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fonema Modificar a ligazón no Wikidata

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ladefoged, Peter (2005). Vowels and Consonants (en inglés). Wiley-Blackwell. ISBN 978-1405124591. Consultado o 5-11-2008. 
  • Martínez Celdrán, Eugenio: El sonido en la comunicación humana. Barcelona, Octaedro. 2003, 2ª ed.
  • Martínez Celdrán, Eugenio (2004). "Problems in the classification of approximants". Journal of the International Phonetic Association (en inglés) 34 (2): 201–210. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]