Reino de Lindsey

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

O Reino de Linsdey (Lindisfaran rīce), é un dos reinos tradicionais da chamada Heptarquía Anglosaxoa, aínda que non está incluído entre o sete principais, con todo por tamaño e importancia política está ao mesmo nivel que outros como Essex ou Sussex, si incluídos nela. Tradicionalmente foi territorio en disputa entre os reinos de Northumbria e Mercia, e foi incorporado a este último a finais do século VII.

Denominación do Reino de Lindsey[editar | editar a fonte]

O nome de Lindsey provén da súa capital, a actual Lincoln, fundada polos romanos como Colonia Domitiana Lindensium (Lindum Colonia ou simplemente Lindum). Ao longo do tempo tal denominación vai derivando aos distintos idiomas presentes na illa, así en britónico tardío a cidade pasa a coñecerse como Lindon e a rexión ao redor dela como Lindēs, e os habitantes de tal territorio como Lindenses, a forma habitual latina de referirse aos pobos.

A Historia Brittonum do 829/30, escrita en cambro-latín (latín mesturado con idioma galés) en Gales do Norte faise referencia ao territorio de Lindsey do ano 500, denominándoo in regione Linnuis, é probábel que do britónico tome a denominación referida á rexión de Lindes e, coas transformacións habituais, nd- > -nn e -ē- ditonguizando en -ui-, o que dá como resultado o sufixo habitual galés para referirse a “nomes de tribo ou pobo” en -wys [Lindēs (britónico) > *Linnēs (galés arcaico) > Linnuis/Linnwys (galés antigo)].

Nas fontes anglosaxoas temos dúas formas de referirse ao reino de Lindsey que reflicten dous sufixos diferentes do inglés antigo (Ænglisc): Lindissi (tamén Lindesse, en Beda e os primeiros manuscritos de Anglo-Saxon Chronicle) e Lindesig (atopado na Life of King Alfred de Asser do século IX e manuscritos máis tardíos das ASC, que é a raíz do actual Lindsey). Do mesmo xeito o nome tribal dos anglos do reino que atopamos no Tribal Hidage, en anglo-latín Lindisfari, en inglés antigo Lindisfaran ou Lindisware, coa raíz britónica máis os sufixos anglosaxóns –faran ('os que veñen de'), e –ware ('a xente de'), que terían o mesmo significado referido a Lincoln.

A presenza de tales nomes en britónico e galés antigo, é un argumento lingüístico para presupor, que antes da chegada dos anglos ao territorio preexistía unha estrutura social-administrativa ou tribal centrada en Lincoln, da cal tomou o nome, a diferenza do resto dos reinos anglosaxóns do sur de Inglaterra (exceptuando Kent) que se coñeceron polos seus propios nomes de procedencia anglosaxoa. E non só se restrinxe a Lincoln, xa que a frase completa in regione Linnuis, fai referencia a todo o territorio que tomará importancia por ser un dos principais escenarios dos primeiros enfrontamentos entre britanos e anglosaxóns, cara ao ano 500.

Formación do reino anglosaxón de Lindsey[editar | editar a fonte]

Mapa do Reino de Lindesey. Séculos V-VII

A situación de Lindsey ao leste de Gran Bretaña e ao sur do estuario do Humber permite afirmar que foi un dos primeiros territorios aos que chegaron os anglos na súa gran migración do século VI. Así como o val do Támese foi a vía principal de entrada dos saxóns ao Inglaterra, o val do Humber-Trent-Ouse foi a homóloga dos anglos. Ao norte do esteiro atopábanse os anglos laeti de Dewyr (posteriormente Deira) que darían lugar a un dos núcleos do Reino de Northumbria, entre o Trent e o Ouse; os Iclingas serían o embrión do Reino de Mercia e ao sur do esteiro formaríase o Reino de Lindsey.

A Historia Brittonum afirma que, nalgún momento ao redor de 500, Artur librou catro batallas contra os anglos en Linnuis regio nun río chamado Dubglas, "(auga) negro-azul" (non identificábeis, pero talvez un nome alternativo para o Witham), en si mesmo, non é inverosímil, sabemos pola arqueoloxía da rexión que Lincolnshire viu unha importante inmigración anglosaxoa neste período. O problema clave é que, aínda que non hai razón ningunha para dubidar da autenticidade da Linnuis regio como nome e por tanto, as implicacións que leva para a existencia dun territorio británico de Lindes, hai razóns para dubidar da historicidade da narración[1][2]. Na Historia Brittonum algunhas das batallas non teñen lugar obvio no mundo real e parecen ser inventadas, outras pertencen á tradición mítica artúrica e por último outras parecen ser conflitos reais que se libraron por outros líderes e que puideron ser libremente utilizadas e reatribuídas a Artur. As batallas desenvolvidas en Lindsey poden ser colocadas dentro da última categoría, que á súa vez suxire que se basean no vago recordo de batallas reais en Linnuis Regione cuxos vencedores orixinais e probabelmente tamén os detalles estaban escurecidos ou se perderon xa no século IX. Aínda que non hai ningunha constatación histórica, non hai ningunha razón para crer que as batallas en Linnuis foron invencións espontáneas, nin para considerar que se prestaron da mitoloxía artúrica á historia

En Lincolnshire, hai evidencias arqueolóxicas sobre o asentamento dun número significativo de inmigrantes anglosaxóns desde a segunda metade do século V en diante e concéntrase inicialmente nunha serie de grandes necrópoles, como a de Cleatham que contén 1528 incineracións[3]. Con todo, estas necrópoles de incineración non se atopan en Lincoln mesmo e de feito forman un “anel” que encerra un vasto territorio ao redor da cidade, coa necrópole máis próxima en Loveden Hill a dezasete millas ao sur e a de Cleatham a dezanove millas ao norte[4]. Como Leahy argumentou a única hipótese plausible é que tal situación reflicte a existencia dunha autoridade britana de Lincoln, que seguiu controlando a cidade e unha importante superficie ao redor do longo de todo o século V e na de principios do século VI, e que foi ademais capaz de controlar o asentamento de inmigrantes xermanos nos bordos deste territorio. Por outra banda, se temos en conta a distribución dos cemiterios de inhumación parecen apoiar a idea de que o equilibrio de poder no Lindes britano cambiou a mans xermanas durante o curso do século VI. Non hai tales indicacións de evasión deliberada na zona de Lincoln dos cemiterios con inhumacións que posteriormente substitúen a estas necrópoles de incineración. Isto certamente podería ser tomado como indicativo de que o control do país se desprazou, aínda que hai que lembrar que estes cemiterios de inhumación son a miúdo moi pequenos e as probas dunha presenza anglosaxoa dentro da propia cidade ou na súa zona de influencia inmediata segue sendo moi escasas ao longo de todo o período pagán.

Por tanto tras a retirada dos romanos da Flavia Caesarensis, unha das catro provincias de Britania da cal Lindum era a capital, o país foi gobernado por líderes britanos locais, e parece ser especialmente próspera a finais do século IV. Nalgún momento a mediados ou final do século V as partes periféricas do país foron colonizadas por inmigrantes anglosaxóns, moi posibelmente como parte dunha estratexia deliberada de defensa. Calquera que sexa o caso, parece verosímil que os dirixentes británicos con base no Lincoln neste período foron quen de exercer un certo grao de control político non só na proximidade inmediata de Lincoln, senón tamén nas rexións periféricas onde se estableceron estes anglosaxóns. O poder e a influencia dos britanos parece haberse deteriorado a partir do século VI, de feito, o achado de xacementos con penannular brooches de tipo anglosaxón indica que nalgún momento no século VI estas elites britanas poderían adoptar a cultura dos inmigrantes ou que o poder en Lindsey pasara a mans dos anglos. Beda na súa Historia Eclesiástica indica que houbo un anglosaxón (Blæcca) no control de Lincoln a principios do século VII.

Varios nomes das xenealoxías reais teñen orixe britónica, o que suxire matrimonios mixtos entre os británicos e anglosaxóns mesmo nas clases gobernantes, estes matrimonios poden indicar que o acceso ao poder dos anglos foi relativamente pacífico, ou polo menos non do todo violento[5]. Esta interpretación vese corroborada polo propio nome do reino Lindissi / Lindesig, continuación da denominación britónica anterior. Tamén é moi posíbel que o cristianismo celta fose tolerado polos novos gobernantes. Por outra banda, as elites locais británicas na periferia ben podería terse aculturado e "convertido en" anglosaxóns co fin de protexer a súa propia situación[6].

Xeografía e Poboación[editar | editar a fonte]

Aínda que os límites do antigo reino non se coñecen con exactitude, polo menos controlaba os actuais cinco distritos do norte de Lincolnshire: Lincoln, East e West Lindsey, North e North East Lincolnshire, e probabelmente se estendese ao de Boston e a North Kesteven. Dos antigas parts do condado (Lindsey, Kesteven e Holland), o reino legou o nome a unha delas, a máis setentrional.

O sufijo -ey provén do anglosaxón "illa", Lindsey tería o significado de "a illa de Lindum", porque o territorio estaba rodeado completamente por auga. A fachada oeste daba directamente ao Mar do Norte (Mare Germanicum), mentres o norte chegaba até o estuario do Humber e o sur ao Wash (Metaris Æstuarium). A fronteira leste que miraba cara a Inglaterra, estaba separada dela polo río Witham que nace nos outeiros ao sur de Lincoln preto de Grantham e desemboca no Wash, desde Lincoln a Torksey (na ribeira do Trent) os romanos construíron a canle do Foss Dyke de 18 km a principios do século II, que ao unir o Witham co Trent pechaba o anel na confluencia deste último co río Ouse para formar o Humber. Ademais destes ríos, as marismas que os rodeaban (actualmente na súa maior parte drenadas) facían de barreira natural co que illaban e defendían o reino, así ao norte entre o Trent e o Ouse e os seus afluentes o Idle e o Don atopábanse a marisma da Illa de Axholme e a de Hartfield Level. Ao sur en torno ao río Witham estendíanse toda unha serie de marismas que chegaban até o Wash: Wildmore Fen, East Fen, West Fen, Holland Fen, Wyberton Fen, etc. e máis ao sur uníndose a The Fens de Anglia Oriental, estaban o Lindsey Level e o Deeping Level[7]. Este conxunto de humidais e terras baldías son os que deron o seu carácter illado ao reino e seguramente o que permitiu que Lindsey gozase por máis tempo da súa independencia fronte aos seus veciños máis potentes como Mercia e Northumbria.

O relevo de Lindsey é suave, só como unha columna vertebral percorre de norte a sur unha serie de outeiros calcarios de entre 100 e 150 metros de altura, son os Lincolnshire Wolds ou simplemente The Wolds, nos que o país alcanza a súa maior altura, no Wolds Top de 168 metros[8]. A partir desta baixa cadea de outeiros o terreo descende ao leste cara á costa do Mar do Norte e ao suroeste cara ás marismas do val de Witham. Os Wolds eran unha zona boscosa ideal para o asentamento dos anglos, que preferían vivir en granxas familiares, con construcións en madeira e dedicadas á gandaría, silvicultura e pequenas explotacións agrícolas, por iso nesta zona é lugar onde se atopan maior número de pequenos cemiterios da época anglosaxoa temperá.

O asentamento dos anglos en Lindsey foi moi temperán, cara a mediados do século V ou mesmo antes, con todo non ocuparon as cidades que seguían gobernadas por autoridades locais britanorromanas, o que suxire unha convivencia pacífica entre ambos os pobos chegando posteriormente ao establecemento de matrimonios mixtos. Dúas localidades de Lincolnshire, Winteringham e Winterton, situadas na ribeira sur do Humber, chamadas probabelmente así polo epónimo dos reis de Lindsey, o rei Winta, indica o lugar inicial de asentamento anglo na zona. Winteringham, que parece estar formado por dous asentamentos, localizábase exactamente na Ermine Street, no lugar onde a vía romana cruzaba o Humber cun transbordador até Brough na beira norte do esteiro.

Desde o período romano, Lindsey gozara dunha situación privilexiada, era un territorio pechado polas marismas e o mar, polo que gozaba dunha doada defensa e á vez estaba ben comunicado. Lindum estaba situada na confluencia de dúas importantes vías romanas, a Ermine Street de Londinium a Eboracum (Londres-York) e a Fosse Way proveniente de Isca Dumnoniorum (Exeter). Por vía fluvial, Lindum localizábase na metade do traxecto entre Erboracum (York) e Duroliponte (Cambridge), a través dos ríos Ouse, Trent, Whitam, Gran Ouse e Cam, en Lindsey estaban os dous principais canles, o Foss Dyke que comunicaba Trent e Witham; e o Car Dyke que unía o Witham cos Fens. Por esta dobre situación de ben defendida e comunicada, Lindum fora elixida polos romanos como capital da provincia da Flavia Caesarensis, e no baixo Imperio converteuse no centro administrativo do lituus saxonicus, a pesar de non ser un porto. Desde Lindum controlábanse e adestraban as guarnicións dos portos fortificados de Britania, o que explica a abundante presenza de fortes romanos ao redor da cidade, estes fortes converteríanse posteriormente en fortificacións dos anglosaxóns de Lindsey: Castrum (Caistor), Benovallum (Hyrnecaestre, Horncastle), Causennis (Annacaester, Ancaster), Luda (Ludes, Louth), Sidnacaester (Stow), Drurobrivis (Tattershall), Vainona (Wemflet, Wainfleet), etc...

Historia[editar | editar a fonte]

Existen moi poucos datos históricos sobre o Reino de Lindsey, o período pagán da Heptarquía está pobremente documentado en todos os reinos anglosaxóns e Lindsey ten o problema que case toda a súa historia independente se circunscribe a este período, doutra banda en Lindsey os viquingos estableceron unha das súas bases principais na Gran Bretaña, polo que o estrato danés se superpón en moitos casos ao anglosaxón. Con todo son destacábeis dous feitos sobre a importancia de Lindsey na primeira fase do período anglosaxón: a metade do territorio de Lindsey eran terras inhabitábeis, pero o resto estaba densamente poboada, no Tribal Hidage do reino de Mercia atribúenselle 7000 hides, os mesmos que a territorios moito máis grandes como Essex ou Sussex e os restos arqueolóxicos mostran unha densa poboación asentada no reino, nalgunhas zonas como os Wolds, maior que na actualidade. O segundo feito é a transmisión dunha lista real do mesmo rango dos seus veciños Anglia Oriental, Mercia, Deira e Bernicia. Segundo a mitoloxía anglosaxoa, Wōden (identificado con Odín) rei dos anglos foi o predecesor de todas as dinastías reinantes na Inglaterra xermánica, Winta sería un deles, desde Winta en diante temos os nomes dos reis de Lindsey que supostamente son descendentes directos (pai-fillo): Cretta, Cuelgils, Caedbaed, Bubba, Beda, Biscop, Eanferð, Eatta e Aldfrið[9]. Non podemos datar con seguridade os seus reinados nin tan sequera podemos corroborar historicamente a existencia de ningún destes gobernantes, aínda que arqueoloxicamente podemos avalar a presenza e dominio dos anglosaxóns en Lindsey. O historiador Frank Stenton explica que esta falta de datos sobre Lindsey se debe ao seu illamento, os seus veciños anglos de Mercia e Northumbria son coñecidos naquela época polos seus feitos bélicos contra os britanos e galeses do oeste ou contra os pictos do norte, con todo Lindsey atopábase rodeada de reinos anglos sen posibilidade de expansión polo que a súa historia transcorre escura, tranquila e por tanto sen referencias históricas.

Æthelfrith de Bernicia obtivo o control do reino veciño de Deira, polo que Edwin de Deira tivo que exiliarse e foi acollido na corte de Redwald de Anglia Oriental. O rei de Northumbria (Bernicia e Deira unidas) ofreceu ao rei de Anglia Oriental unha gran suma de diñeiro pola morte de Edwin, pero Redwald negouse. A negativa de Anglia Oriental de entregar ao hóspede provocou a guerra entre ambos os reinos no 616, que se enfrontaron no territorio intermedio, en Lindsey, na batalla do río Idle e terminou coa derrota e morte de Æthelfrith e a restauración de Edwin non só en Deira senón tamén en Bernicia. Redwald de Anglia Oriental convertíase no rei máis poderoso, en Bretwalda e por tanto Lindsey pasaba á súa esfera de influencia. Á morte de Redwald no 625, sucédeo no dominio o seu protexido Edwin de Deira, e Lindsey cae, polo menos nominalmente, baixo a hexemonía do reino do norte. Pódese ver certa relación dos nomes da lista real de Lindsey con algúns reis de Deira: Eðelfrið, Eanferð, Eatta e Aldfrið son nomes claramente anglos e parecidos aos da dinastía deirana, por iso algúns autores sitúanos cara a comezos do século VII, cando os asentamentos anglos se terían suoperposto xa ás elites locais britanas.

No 628 Lindsey convértese ao cristianismo, o máis probábel pola influencia do rei de Northumbria, ou polo menos a nova relixión introdúcese no reino, xa que a existencia dunha diocese en Lincoln non chegaría até 60 anos máis tarde. Beda recolle a conversión de Lindsey na súa Historia Ecclesiastica:

Stenton suxire que o Blecca (ou Blæcca), que cita Beda, podería tratarse de Biscop que adopta o título de bishop (bispo) e por tanto datar o seu reinado na misión de Paulino en Lindsey do 628. Con todo, como Sarah Foot apunta, Biscop é un nome perfectamente normal, e non ten por que buscarse unha orixe externa, e a pesar de que en Lincoln nomeouse Bispo de Canterbury a Honorio, non era unha sede episcopal.

Cara á década dos 620 e os 630 Mercia ía xurdir como a rival de Northumbria pola hexemonia dos reinos anglosaxóns. Durante este período Lindsey, que era un dos territorios en disputa entre ambos os reinos, foi cambiando de amos dependendo das vitorias duns e outros. Penda de Mercia, aliado dos galeses de Gwynedd, o 12 de outubro do 633 en Hatfield Chase preto de Doncaster (Yorkshire), derrotou aos northumbrios dirixidos polo seu rei Edwin que morre na batalla (tamén morren os seus dous fillos Osfrith e Eadfrith). Northumbria divídese de novo en Bernicia e Deira, e perde o dominio dos reinos ao sur do Humber. O novo rei de Bernicia, Oswald, consegue deter aos galeses na batalla de Heavenfield e volve cara ao sur, reconquistando Deira e posibelmente Lindsey. Penda unha vez consolidado o seu poder na propia Mercia e nos reinos anglos do sur, enfróntase no 642 a Oswald. Na batalla de Maserfield os northumbrios son de novo derrotados, o reino dividido e os territorios do sur (Lindsey entre eles) volven a Mercia. Oswiu de Bernicia (irmán de Oswald) mantívose baixo o dominio de Mercia, ata que no 655, aliado co propio fillo de Penda, Peada, o derrotou e matou na batalla de Winwaed e devolveu ao reino de Northumbria a hexemonía sobre os reinos anglos. Dividiu Mercia en dous territorios, incorporando a zona norte (Lindsey incluído) ao seu propio reino e deixando o sur para Peada. O control de Mercia non durou moito, segundo Beda no 658, tres nobres mercianos: Immin, Eafa e Eadbert, rebeláronse contra os northumbrios e elevaron ao trono a Wulfhere (fillo de Penda) ao cal esconderan[10]. Higham suxire que a revolta merciana deuse cando Oswiu estaba ocupado loitando contra os pictos no norte[11].

O máis probabel é que Lindsey tamén estivese entre os territorios desligados de Northumbria e unidos a Mercia, porque no 669 cando Chad de Mercia inaugura a sede episcopal de Lichfield adopta o título de "Bispo Mercia e Lindsey" e Wulfhere doou 5 hides de terra nalgún lugar de Lindsey, referido por Beda como Ad Barwae, probabelmente Barrow upon Humber, localidade en cuxas escavacións de St Peter's Church se atoparon restos dun mosteiro anglosaxón de idade tardía[12][13]. Tamén por Beda sabemos que no 678 se instaurou o Bispado de Lindsey[14].

Precisamente apoiándose nesta cita, algúns autores datan o reinado do último rei da lista de Lindsey, no caso de que o Alfrith da lista fose o mesmo Egfrid de Beda, aínda que algúns autores pensan que este último podería ser tamén Alchfrith, irmán de Oswiu e sub-rei en Deira. Tampouco se sabe ben onde se situaba a sede, xa que era simplemente coñecido como Bispo de Lindsey, primeiramente pensouse que estaba en Sidnacester/Syddensis (Stow) pero outras fontes sitúana en Caistor, Louth ou Horncastle, con todo recentes estudos afirman que a sede foi establecida na propia Lincoln[15]. A expulsión do primeiro bispo podería deberse ás súas simpatías con Northumbria, de feito é trasladado a Ripon no reino do norte nunha sede creada expresamente para el.

A partir do 680, Lindsey convértese nunha provincia máis de Mercia, e non é nomeada xa máis polas fontes antigas até a chegada dos viquingos daneses. A situación de Lindsey na costa do Mar do Norte facíana moi vulnerabel aos raids viquingos, e de feito foi un dos lugares con maior número de asentamentos daneses de Inglaterra, como demostra a abundancia de topónimos nórdicos que legaron. Lincoln converteuse nun do cinco burgos de Danelaw e controlaba ademais do antigo Reino de Lindsey, os distritos de Kesteven e Holland, que xuntos constitúen actualmente o condado de Lincolnshire. Ethelfleda, señora de Mercia e filla de Alfredo o Grande de Wessex reconquistou para o reino anglosaxón no 918, Lincoln e o seu territorio[16].

Reis e Bispos de Lindsey[editar | editar a fonte]

Rei Datación Notas
Dinastía dos Wintaringas
Winta h. 500 Epónimo da dinastía
Cretta h.520
Cuelgils h.530
Caedbaed h.560
Bubba h.580
Beda h.590
Æthelfrith h.600
Biscop h.620 Blæcca?
Eanferth h. 640
Eatta h.650
Alfrith h.670 Egfrid?
Bispos de Lindsey [17]
Período Bispo Notas
678-h.679 Eadhæd Expulsado. Pasa a ser Bispo de Ripon. Eadhedus, Eadheath, Eadhaed
'h. 680 - 692? Æthelwine Ethelwine, Elwin
693?- h.716/731 Edgar Eadgar
c.716/731-731 Cyneberht Embercus, Kinebertus
733-750 Alwig Alwigh
750-765 Ealdwulf Aldwulf ou Eadulphus
c.765/767-796 Ceolwulf Ceolulfus
796-h.836/839 Eadwulf
h.836/839-h.862/866 Beorhtred
c.862/866-h.869 Eadbald
c.866/869-875 Burgheard or Eadberht
875-953 Sen bispos durante as invasións dos viquingos daneses
before 953-h.c.971/975 Leofwine Tamén Bispos de Dorchester en 971
996-1004 Sigeferth
1009-1001 (? Ælfstan)
a principios do século XI a sede de Lindsey únese á de Dorchester

Notas[editar | editar a fonte]

  1. como Dumville e outros fixeron notar, a Historia Brittonum é unha historia pseudo-sintética escrita con obxectivos específicos, en lugar dun 'feixe' de fontes anteriores non elaboradas como se cría.
  2. Só hai unha batalla das doce atribuídas a Arturo na Historia que poida ser respaldada de forma independente, a de Badon Hill, da cal fala Xildas no seu De excidio Britanniae, aínda que o líder dos britanos foi Aurelio Ambrosio, o que pode significar que a historización de Artur foi baseada nun marco de feitos tomados da verdadeira historia
  3. Estes cemiterios masivos moi separados entre sí suxire que funcionasen como un cemiterio central dun territorio e que parecen terse convertido máis tarde en unidades políticas e administrativas Así, por exemplo, o cemiterio Cleatham situado no límite da parroquia de Kirton en Lindsey foi o centro administrativo anglosaxón do West Riding de Lindsey.
  4. Esta ausencia de enterramentos en torno á suposta capital é máis infrecuente cando se compara coa situación que se atopa noutras cidades romanas da rexión - como York, Caistor de Norwich, Leicester, Ancaster e Caistor - todas as cales teñen necrópoles de incineración próximas
  5. Cuelgils, Cædbæd, Bubba…
  6. Por exemplo o nome de Washingborough, próxima a Lincoln, derívase do inglés antigo Wassingaburh, “o lugar fortificado dos Wassingas, a familia de Wassa”.
  7. South Lincolnshire Fenlands
  8. Lincolnshire Wolds Area of Outstanding Natural Beauty
  9. Na Edda de Snorri menciónanse moitos fillos de Odin/Woden que gobernaron aos anglos e saxóns continentais e fala dos seus descendentes de forma parecida ás tradicións recollidas nas crónicas anglosaxoas.
  10. Beda, HE, III, 25; p. 183.
  11. Higham, N. J. (1997).
  12. Bishop of the Mercians and Lindsey People
  13. "St Peter's Church Project Barton-upon-Humber". Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2013. Consultado o 07 de decembro de 2015. 
  14. Tamén se recolle este feito na Anglo-Saxon Chronicle: A.D. 678.
  15. Fryde, Greenway, Porter, Roy.
  16. Myrcna hlæfdige
  17. "Episcopal Succession" (en inglés). 2002-06-28. Arquivado dende o orixinal o 28 de xuño de 2002. Consultado o 2018-07-04. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Basett, Steven. Lincoln and the Anglo-Saxon See of Lindsey, Anglo-Saxon England, 18 (1989), 1-31.
  • Cameron, Kenneth. Dictionary of Lincolnshire Place-Names (Nottingham, 1998)
  • Cox, Barrie Cox. The Pattern of Old English burh in Early Lindsey, Anglo-Saxon England, 23 (1994), 35-56 at pp. 55–6.
  • Fryde, E. B.; Greenway, D. E.; Porter, S.; Roy, I. Handbook of British Chronology, Third revised. Cambridge University Press, Cambridge-1996 ISBN0-521-56350-X
  • Gelling, Margaret. The Name Lindsey, Anglo-Saxon England, 18 (1989), 31-32.
  • Hart, Cyril The Tribal Hidage, Transaction of the Royal Historical Society(1971), 133-157 at pp. 136, 152
  • Hayes, P. Roman to Saxon in the South Lincolnshire Fens, Antiquity, 62 (1988)
  • Higham, N. J. The Convert Kings: Power and religious affiliation in early Anglo-Saxon England. Manchester University Press. Manchester-1997. ISBN 0-7190-4828-1.
  • Jones, Michael J. e Stocker, David. Settlement in the Lincoln Area
  • Leahy, Kevin The Anglo Saxon Kingdom of Lindsey: the archaeology of an Anglo-Saxon kingdom(2008); pp. 98–99.
  • May, Jeffrey. Dragonby: A report on Excavation at an Iron Age and Romano-British Settlement in North Lincolnshire, 2 volumes (Oxford, 1996)
  • May, Jeffrey. An Historical Atlas of Lincolnshire, ed. Stewart & Nicholas Bennett (Chichester, 2001)
  • Stenton, Frank. The Lincolnshire Domesday and the Lindsey Survey, ed. C. W. Foster e Thomas Longley (Lincoln, 1924).
  • Stenton, Frank M. Preparatory to Anglo-Saxon England: the collected papers of Frank Merry Stenton; ed. by D. M. Stenton. Oxford: Clarendon Press (1970)
  • Welch, Martin. The Archaeological Evidence for Federate Settlement in Britain Within the V Century en L'Armée Romaine et les Barbares du IIIe au VIIe Siècle, Ed. Françoise Vallet e Michel Kazanski (Rouen, 1993), pp. 269–277
  • Yorke, Barbara Anglo-Saxon xentes and regna, British Archaeology, 87 (2006).

Outros artigos[editar | editar a fonte]