Sílaba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Os caracteres katakana son un exemplo de escritura silábica.

Unha sílaba é un conxunto de realizacións que se pronuncian nun mesmo golpe de voz.

Concepto[editar | editar a fonte]

Se partimos desde o trazo ideal máis pequeno ata a unidade superior da lingua encontrarémonos cunha serie de graos na análise. O punto de partida son os trazos distintivos, que se integran no fonema. A unidade superior ó fonema, en que se agrupan estes, é a sílaba. Non existe unha definición de sílaba aplicable a tódalas linguas, como tampouco a temos de palabra. A palabra e a sílaba son unidades que o individuo recoñece grazas á súa competencia linguística.

A sílaba é unha agrupación de fonemas que obedece a unha determinada regulamentación. Do mesmo modo que a combinación de trazos distintivos con suxeición a determinadas esixencias xera a totalidade de fonemas e arquifonemas da lingua, así tamén a combinación de fonemas e arquifonemas con suxeición a determinadas leis xera as unidades de orde superior, as sílabas; e da mesma maneira que coñecendo os trazos distintivos e as leis que regulan as súas combinacións podemos saber o número de fonemas, así tamén coñecendo o número de fonemas e as leis que regulan as súas combinacións podemos coñecer o número de sílabas.

Agora ben, mentres o fonema ten como función específica a distintiva, a función da sílaba parece estar constituída exclusivamente polo agrupamento de fonemas e o contraste no seu seo duns segmentos con outros. Podería logo definirse a sílaba como unha unidade de contrastes (Veiga, 1976). Mais non é este o único aspecto que opón fonemas a sílabas, pois mentres que a existencia dos primeiros parece ser unha esixencia da linealidade do texto e da necesidade de poder cun pequeno número de elementos compoñer un número infinito de textos, é dicir, unha esixencia da natureza funcional da linguaxe; as segundas parecen estar determinadas por causas fisiolóxicas, polos movementos dos músculos torácicos, o cal non exclúe a posibilidade do seu emprego con finalidades puramente lingüísticas

Transcrición[editar | editar a fonte]

No Alfabeto Fonético Internacional (AFI, en inglés IPA), o punto (.) marca a ruptura da sílaba, como na palabra "astronomical" (/æs.trə.nɑ.mɪ.kəl/). Non obstante, na práctica a transcrición do AFI adoita dividir as palabras por espazos e ás veces estes espazos tamén se entenden como separación das sílabas. Ademais, o símbolo ˈ colócase inmediatamente antes da sílaba acentuada e se esta sílaba está no medio dunha palabra este símbolo serve para sinalar a separación da sílaba, como na palabra inglesa "understood" (/ʌndə'stʊd/).

Cando un espazo aparece no medio dunha sílaba, pode empregarse un arco () para marcar a liaison en francés, como en les amis (/le.z‿a.mi/).

A sílaba en fonoloxía[editar | editar a fonte]

Fonoloxicamente, as sílabas poden clasificarse segundo varios criterios:

  • Sílabas átonas/tónicas. As sílabas poden recibir ou non máis forza segundo se faga fincapé na súa pronuncia. Atópanse entón sílabas átonas ou tónicas (pronunciadas lixeiramente máis forte cás anteriores).
  • Sílabas abertas/pechadas. Outra distinción importante nalgunhas linguas é se a sílaba posúe ou carece de coda silábica. As sílabas sen coda denomínanse abertas e as que teñen coda denomínanse pechadas. Na maioría das linguas indoeuropeas modernas, o núcleo silábico só pode ser unha vogal ou ditongo e polo tanto as sílabas rematadas en vogal denomínanse abertas e as rematadas en consoante denomínanse pechadas.
  • Sílabas curtas/longas. Nalgunhas linguas —como o latín, o grego clásico, o xaponés ou o sánscrito— existen estruturas intermedias entre o fonema e a sílaba. Tipicamente as unidades intermedias denomínanse moras. Xeralmente, nestas linguas cada sílaba pode dividirse nun certo número de moras. As sílabas dunha soa mora denomínanse curtas ou lixeiras e as sílabas de máis dunha mora son longas ou pesadas. Nas linguas mencionadas o número de moras, é dicir, que unha sílaba sexa curta ou longa ten repercusións na posición do acento.

Partes da sílaba[editar | editar a fonte]

Na sílaba hai que considerar tres fases que interveñen na súa formación:

  • Unha fase inicial que tende desde apechazón dos órganos articulatorios ata unha maior abertura. É a explosión.
  • Unha fase culminante ou central que é o eixo ou sotén da sílaba. É a parte da sílaba capaz de ser portadora de propiedades prosódicas: o acento.
  • Unha fase final que tende desde a abertura ata a pechazón. Recibe o nome de implosión.

O primeiro grande contraste, a primeira grande distribución dos fonemas do galego prodúcese a nivel da sílaba: é o contraste vogal / consoante. O contraste entre aqueles fonemas que ocupan un lugar central e os que ocupan un lugar marxinal. O lugar central denomínase punto silábico, núcleo, ápice ou centro da sílaba, e pode constituír sílaba por si só, mais non é permisible que falte nunca: é unha constante; pode ir precedido, seguindo a terminoloxía máis frecuente desde Saussure, dunha marxe consonántica, que chamaremos marxe explosiva, e seguido dunha outra marxe, tamén consonántica, implosiva. As marxes explosiva e implosiva son variables, pois a súa presenza conxunta ou por separado non é necesaria para a existencia da sílaba.

Sílabas no galego[editar | editar a fonte]

O galego ten unha ampla maioría de sílabas libres fronte a unha reducida cantidade de sílabas trabadas. O galego ten 22 tipos de combinacións de vogal (V) e consoante (C) para formar sílabas:

  • V: A-no;
  • CV: PA-sa;
  • VV: ma-IO;
  • VC: AN-dei;
  • VV: OU-ro;

  • CCV: PRA-ta;
  • CVV: QUIE-to e BEI-zo;
  • CVC: CAR-tos;
  • VVC: IAN-que e AUS-cul-tar;
  • VCC: EX-pi-rar;

  • CVCC: CONS-ter-nar;
  • CVVC: bru-TAIS;
  • CCVC: CRIS-ta;
  • CCVV: en-TREI;
  • CVVV: a-ve-ri-güei;

  • CCVCC: TRANS-por-te;
  • CVVCC: ca-MIÓNS;
  • CCVVC: tri-mes-TRAIS;
  • CCVVVC: mens-TRUAIS;

Como se pode ver, as sílabas galegas teñen entre un e seis fonemas e sempre contan cunha vogal. As vogais da sílaba poden ser núcleo ou marxe nos ditongos e tritongos. Os principais grupos consonánticos que aparecen depende da súa distribución: en posición explosiva (prenuclear) adoitan ser unha oclusiva ou /f/ e mais unha líquida (/l/ ou /r/) mentres que en posición implosiva (posnuclear) adoita ser a segunda consoante un /s/.

A sílaba na escrita[editar | editar a fonte]

Silabarios[editar | editar a fonte]

Nalgúns idiomas o sistema de escritura é silábico, é dicir, un carácter representa unha sílaba. O exemplo máis coñecido é a escrita kana do xaponés, pero en realidade cada carácter representa o que se coñece como mora, unidade fónica que en ocasións equivale á sílaba, mais que en ocasións é unha subdivisión da mesma.

Convencións ortográficas[editar | editar a fonte]

A división silábica ten especial importancia na escrita xa que en galego permítese dividir as sílabas dunha palabra cando non colle na liña en uso. A división silábica das palabras adoita anotarse con guións ( - ) e dependendo do número de sílabas as palabras poden ser:

  • Monosílabas: Son palabras dunha soa sílaba: , que, si...
  • Bisílabas ou disílabas:[1] Son palabras de dúas sílabas: ca-lor, vi-vir, u-nha, li-bro...
  • Trisílabas: Son palabras de tres sílabas: re-pe-tir, or-ques-tra, re-co-ller...
  • Tetrasílabas ou cuadrisílabas:[2] Son palabras de catro sílabas: xe-ne-ro-so, la-pi-sei-ro, po-li-cí-a...
  • Pentasílabas: Son palabras de cinco sílabas: com-pu-ta-do-ra, con-me-mo-ra-ción, he-li-cóp-te-ro...

As palabras con varias sílabas denomínanse polisílabas.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para disílabo.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cuadrisílabo.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para polisílabo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]