Aspecto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O aspecto gramatical, en lingüística, é unha propiedade que posúen os verbos e as perífrases verbais para sinalar o tempo interior da acción ou resaltar unha fase do seu desenvolvemento interior por enriba das demais, caracterizando así o transcurso do tempo dos acontecementos descritos.

Cabo resaltar que o aspecto lingüístico diferénciase do tempo, en que mentres o tempo sinala o momento en que algo ocorre respecto de todo o demais, o aspecto especifica o tempo interior da acción ou a fase de desenvolvemento ou modificación da mesma que destaca sobre todas as demais, tanto na conxugación regular en que se reflicte o 'grao de terminación' do acontecemento, isto é, se posúe un aspecto perfectivo ou perfecto, que sinala a acción acabada no tempo de que se trate, como o aspecto imperfectivo ou imperfecto, que sinala acción inacabada no tempo exterior de que se trate. A chamada conxugación perifrástica ou por perífrase expresa os outros matices de aspecto, menos importantes ca estes .

En galego, así como en moitas outras linguas, os distintos aspectos constrúense combinando verbos auxiliares e formas non persoais e coa escolla de verbos cunha carga semántica determinada. A continuación, expóñense distintos aspectos que se empregan en distintas linguas do mundo:

  • Habitual: 'Eu paseo ata a miña casa dende o traballo' (no presente). 'Eu adoitaba pasear ata a miña casa dende o traballo' (no pasado)
  • Perfecto: 'Fun ao cinema' (acción terminada no presente). 'Xa vira a película que me recomendou' (alúdese ao resultado dunha acción anterior incluso a outra xa terminada).
  • Imperfecto: 'Ía ao instituto'
  • Imperfectivo: 'Está indo ao instituto' (aínda non chegou). 'Vai no instituto' (foi ao instituto e aínda está alí).
  • Perfectivo: 'Estiven nesa casa.' (A acción xa terminou)
  • Progresivo: 'Estou a comer'
  • Prospectivo: 'Está para chover' (acción pode ocorrer en calquera momento a partir de agora)
  • Inceptivo: 'Estou empezando a comer.' 'Anoitece'. 'Branquéxalle o pelo' (No primeiro exemplo recórrese explicitamente ao verbo empezar. Nas dúas frases seguintes, os verbos empregados conteñen a noción de comezo: 'estase a facer de noite' e 'está empezando a botar canas')
  • Continuativo: 'Seguen a vivir xuntos/Seguen vivindo xuntos' (uso das perífrases 'seguir a + inf.' e 'seguir + xer.', que son sinónimas)
  • Terminativo: 'Estou terminando de comer.' (final en transcurso, aspecto imperfectivo) 'Deu cima á tese'. 'Puxeron o ramo á casa' (final alcanzado, aspecto perfectivo).
  • Incoativo: 'Botouse a chorar'
  • Cesativo: 'Estou deixando de fumar.'
  • Pausativo: 'Parei de traballar un intre.'
  • Resumptivo: 'Volvín prender o sono'
  • Puntual: 'Durmín dúas noites no albergue'
  • Durativo: 'Durmín durante todo o voo.'
  • Delimitativo: 'Durmín un intre.'
  • Protractivo: 'A discusión seguía e seguía'
  • Iterativo: 'Gusta de reler os clásicos'
  • Frecuentativo: 'Vou moito a esa misa.'
  • Experiencial: 'Ía adoito ás súas clases.' 'Teño ido a Lisboa en coche'
  • Intencional: 'Buscárono pola rúa e encontrárono' 'Escoitei coidadosamente as indicacións'
  • Accidental: 'Atopei isto na rúa'. 'Ouvín que falaban inglés'
  • Xenérico: 'As eirugas tornan bolboretas'. 'Os carballos dan landras e as cerdeiras, cereixas'
  • Intensivo: 'Encandeouno coa lanterna' (o verbo expresa unha acción momentánea e adoita construírse con pretérito perfecto)
  • Moderativo: 'O faro esfachareaba ao lonxe'
  • Atenuativo: 'A lanterna tremelucía xa e non tiñamos pilas de sobexo'

Moi poucas linguas diferencian os aspectos intencional e accidental. Bats (glotónimo en inglés) é unha delas e aplica esta diferenza aspectual só en 6 verbos. Compara «xo wodze» («Caínme accidentalmente») e «as wodze» («caínme intencionadamente ou por algo que eu fixen»). Nalgunhas linguas, como o ruso, o aspecto está aínda máis marcado có tempo. O ruso emprega unha morfoloxía verbal en lugar de crear formas perifrásticas como o inglés. No árabe apréciase un contraste entre o aspecto dinámico e o estático.