Beira, Portugal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Beira foi unha das seis divisións -comarcas, despois provincias- nas que se dividía Portugal até o século XIX. É a área que corresponde, aproximadamente, aos posteriores distritos de Castelo Branco, Viseu, Guarda, Coímbra e Aveiro.

Inicialmente, correspondía á faixa interior do territorio portugués, limitada ao norte polo río Douro e ao sur polo río Texo. Máis tarde, pasou tamén a incluír unha faixa litoral de territorio -entre o Douro e o Mondego- que, antes, pertencía á Estremadura, tornándose a maior provincia portuguesa.

Historia[editar | editar a fonte]

Talvez por ser a maior provincia de Portugal, no século XVII foi transformada nun principado honorífico, outorgado primeiro á filla máis vella do monarca e, despois, ao primoxénito home do Príncipe herdeiro de Portugal (que á súa vez ten o título de Príncipe Real).

Até o século XVII, a Beira constituía unha corrixidoría, ao mando dun corrixidos que representaba o rei e exercía as funcións de maxistrado administrativo e xudicial. A partir de aí, foi subdividida en varias corrixidorías ou comarcas, cada unha co seu corrixidor. No inicio do século XIX incluía as seguintes comarcas: Coímbra, Feira, Aveiro, Arganil, Viseu, Lamego, Trancoso, Pinhel, Linhares e Castelo Branco. A Provincia da Beira converteuse nunha circunscrición militar, ao cargo dun gobernador das armas.

Pola reforma administrativa de 1832, o territorio interior da Beira foi dividido en dúas provincias, a Beira Alta e a Beira Baixa. Xa a súa parte litoral, foi agrupada coa comarca do Porto, dando orixe á provincia do Douro.

Na división administrativa de 1835 as provincias foron reducidas a agrupamentos de distritos para fins estatísticos e de referencia rexional, sen ningún órganos propio. Da antiga Beira, a provincia da Beira Alta, incluía o distrito de Viseu, a provincia da Beira Baixa, os distritos da Guarda e de Castelo Branco e a provincia do Douro, os distritos de Coímbra, de Aveiro e do Porto (este, correspondendo ao territorio da antiga provincia de Entre-Douro-e-Minho).

En 1936, coa Constitución portuguesa de 1933, Portugal foi novamente dividido en provincias. A división implementada tivo, por base, un estudo xeográfico que dividía o país en 13 "rexións naturais", catro delas situadas no territorio da antiga Beira: Beira Litoral, Beira Baixa, Beira Alta e Beira Transmontana. Foron creadas as provincias da Beira Litoral, Beira Baixa e Beira Alta, esta última englobando, tamén, a rexión natural da Beira Transmontana. A Beira Litoral incluíu Leiria e parte do seu distrito, que nunca formaran parte da antiga Beira. Estas provincias deixaron de ter órganos propios en 1959, sendo extintas en 1976.

Por ter sido, varias veces, subdividida en varias provincias ou rexións (Beira Alta, Beira Baixa, Beira Litoral e Beira Transmontana) o conxunto da Beira é, por veces, coñecido polo seu plural Beiras.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]