Convento de San Diego de Canedo
Convento de San Diego de Canedo | |
---|---|
Fachada. | |
Datos xerais | |
País | España |
Rexión | Galicia |
Tipo | En uso. Convento-hopedaría. |
Advocación | San Diego |
Localización | Ponteareas |
Coordenadas | 42°10′55″N 8°29′31″O / 42.181825, -8.4918777777778 |
Catalogación | Ben de Interese Cultural |
Culto | |
Diocese | Diocese de Tui-Vigo |
Arquitectura | |
Construción | século XVIII (orixe: mosteiro medieval e pazo do século XVI) |
Estilo | Barroco |
[ editar datos en Wikidata ] |
O convento de San Diego de Canedo é un mosteiro franciscano de estilo barroco que se atopa no lugar de Canedo, na parroquia de San Miguel de Ponteareas (concello pontevedrés de Ponteareas), nas abas do monte da Picaraña.
Descrición
[editar | editar a fonte]Edificio sinxelo de cachotaría de granito de planta terrea e dous andares, construído no século XVIII sobre os restos do pazo dos Sarmiento (condes de Salvaterra) que se achaba no mesmo lugar, do que se conservan algúns muros e a porta principal do século XVI. A igrexa, rematada algo antes, no ano 1777 atópase encaroada a este e ten a fachada de estilo claramente barroco galego de cantaría irregular de granito, sinxela, case sen enfeites, cunha torre no lado esquerdo. Os escudos, coas armas dos Sarmiento e Soutomaior, e a portada da igrexa pertencían ao antigo pazo. Na fachada aparece tamén unha fornela coa imaxe de San Diego, e un segundo escudo que amosa cinco cruces, un dos que utiliza o mundo franciscano e que se relaciona coa Orde do Santo Sepulcro de Xerusalén; quizais pola presenza documentada da Orde do Temple no Condado. Sobre unha xanela, na parte máis alta, hai un terceiro espazo heráldico, que quedou sen labrar, timbrado, neste caso, cunha coroa condal; posibelmente pola relación cos condes.
Ten planta de cruz latina e tres naves, a central con bóveda de cruzaría e as laterais de canón. Sobre as naves lateriais disponse unha tribuna que amplía o coro situado aos pés, sobre a porta principal. Esas naves laterais ábrense á central por medio de arcadas que, igual que na igrexa do convento de Santo Antonio de Tui. O cruceiro, de planta cadrada, posúe unha cúpula esférica con lanternas sobre pendentes. O interior, moi minimalista, carece de retablo; só salienta unha talla barroca dun Cristo. Está documentado, porén, que, antes da exclaustración contaba con seis altares, cos seus correspondentes retablos, que foron repartidos en igrexas parroquiais da zona.
O claustro, rematado entre 1784 e 1785, é pequeno e tamén moi sinxelo[1].
Historia
[editar | editar a fonte]No lugar onde hoxe se acha o convento ergueuse un mosteiro templario medieval. As terras onde xa se atopaba o mosteiro foron dende o século XII disputadas polas familias nobres galegas do Condado: Sarmiento e Soutomaior. Paio Sorredea (Soutomaior) herda as terras de Sobroso no ano 1379. No século XV, o nobre galego Pedro Madruga, destrúe o antigo mosteiro e constrúese un pazo familiar. Finalmente co casamento de Teresa de Soutomaior e García Sarmiento rematan os conflitos das dúas familias.
García Sarmiento, señor de Sobroso e de Salvaterra, foi o primeiro que decide fundar preto de Salvaterra de Miño un convento franciscano. Por mor da súa morte temperá, seu fillo, Diego de Soutomaior Mendoza, será que poña en marcha o proxecto en 1603 da construción do mosteiro precedente ao actual. En 1613, o rei Filipe III de España outórgalle a este o título de conde de Salvaterra. A advocación de San Diego vén, pois, do nome do fundador. Este antigo mosteiro ergueuse en 1612, e foi obra dos arquitectos Benito de Arce e Pedro González. Nel moraron catorce relixiosos recoletos; tiña unha imaxe de Santo Antón de Padua, moi venerada na época tanto no Reino de Galicia coma no Reino de Portugal. En 1641, son curiosamente os portugueses quen destrúen o mosteiro.
En 1715, o conde de Salvaterra, Xosé Francisco Sarmiento Velasco Isasi (1681-1725), tentando refacer o traballo dos seus antergos, cede o pazo achegado ao antigo mosteiro derrubado para o converter nun convento franciscano, cuxo padroeiro sexa doutra volta San Diego a cambio de que se poñan os escudos na nova fachada do edificio relixioso, que se celebren salves en honra dos Sarmiento finados nun local propio, que o conde teña un cuarto propio no edificio, e que se constrúa unha cripta so o altar mor para o soterramento dos nobres galegos (que non foi construída). En troques, o conde pagaría a fábrica da igrexa, a sancristía, o convento, a torre, os sinos, retablos, imaxes, etc, ademais dunha pensión anual de 100 ducados ao convento.
No século XIX, coa desamortización, parte dos bes do templo distribuíronse entre 1840 e 1850 en igrexas parroquiais: a igrexa parroquial de Ponteareas recibe, en 1842, a imaxe de Santo Antonio de Padua; e, en 1848, o altar mor. Á igrexa de San Pedro de Angoares foron o altar de santo Antonio, San Bieito de Palermo, San Pedro Telmo, e San Mauro; e á parroquia de San Fiz de Lougares, Nosa Señora das Dores, en 1848. A freguesía de San Miguel de Cequeliños, en 1849, toma o altar das Dores. Deste xeito, no convento só fica o altar do Cristo, o da Terza Orde da Penitencia e o da Purísima.
Despois da desamortización, os franciscanos tornaron ao mosteiro en 1893, onde seguen morando en 2016[2]. Durante o século XX fixéronse algún arranxos. En canto á imaxinaría, do antigo templo só queda o Cristo dos Aflixidos.
Un monumental crucificado preside a capela maior, obra dos anos 1970 de Alfonso Sanmartín Abelleira, a quen se deben tamén os cruceiros promovidos pola Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla[3].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ San Diego de Canedo Arquivado 01 de febreiro de 2016 en Wayback Machine. en Turgalicia.
- ↑ Páxina web Galicia Máxica.
- ↑ "El convento de San Diego de Salvaterra do Miño" Arquivado 10 de marzo de 2016 en Wayback Machine. El Corrego Gallego, 18/1/2015.