Ponte das Partidas
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
| Ponte das Partidas | |||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Moreira | |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| Wikidata |
A ponte das Partidas é unha ponte medieval de orixe romana situada na parroquia pontareá de Moreira. Trátase dunha das catro pontes de orixe romana que cruzan o río Tea, afluente do Miño. No medievo, especialmente nos séculos XIV e XV, sofre varias reformas que achegan o aspecto actual.
Aínda está aberta ao tránsito malia estar catalogada pola Xunta e polo PXOM de Ponteareas como ben de interese. Relaciónase con numerosas lendas e rituais.
Localización
[editar | editar a fonte]A ponte cruza o río Tea no lugar de Urcela, na parroquia de Moreira, do concello de Ponteareas. Está ben sinalizada dende a estrada que une a vila de Ponteareas con Salvaterra de Miño. Atópase nunha fermosa contorna que forma o bosque de ribeira do río Tea, encabezada por amieiros, freixos e carballos. O lugar é considerado Lugar de importancia comunitaria pola Unión Europea, mais o río carece, polo de agora, de figura de protección ningunha. Abundan as lampreas, xa que preto atopamos varias pesqueiras.
Á beira da ponte áchase o campo de fútbol da vila. A zona conta cunha praia fluvial miúda e unha área de lecer á beira do río na que se instalaron algunhas desafortunadas mesas de granito e especies arbóreas foráneas.
Descrición
[editar | editar a fonte]A ponte medieval ten un taboleiro rampante de 41 metros de longo e 4 de largo e consta de catro arcos de cantaría granítica de diferentes diámetros, sendo maior o central. Os dous centrais apuntados e os dous laterais conservan o primitivo arco de medio punto. Os arcos fican resgardados por tallamares triangulares a montante, a rampla está inclinada nas dúas vertentes, gardas baixas de cachotaría e pavimento laxeado (hoxe recuberto con formigón e novas lousas de granito). Nos extremos, tres pequenos vertedoiros probabelmente de orixe romana completan a ponte. Conta cun sólida e baixo peitoril granítico.
Historia
[editar | editar a fonte]Obra de enxeñaría de época medieval, malia que algúns autores consideran que ten certos elementos de orixe romana (especialmente os vertedoiros). Foi un importante punto de paso sobre o río Tea, e de aí vén o seu nome; dende aquí se partía en varias direccións. É unha das catro pontes de orixe romana que atravesan o río dende o seu nacemento até a súa saída ao Miño. A ponte das Partidas atópase uns poucos quilómetros abaixo da ponteareá ponte dos Remedios, de orixe medieval. Probabelmente a orixe sexa romana, mais a ponte actual conserva case exclusivamente formas medievais, ademais de sufrir posteriores modificacións, especialmente nos séculos XIV e XV. Formaba parte da vía que levaba de Tui a Ponteareas para aquí unirse coa vía que ía dende Baiona a Ribadavia. A última restauración é do ano 2005. Agárdase a construción dunha nova ponte para evitar o paso de vehículos na ponte histórica e evitar a súa deterioración.
Lendas
[editar | editar a fonte]A lenda conta que a ponte foi construída nunha soa noite polos mouros.
Canto á orixe do nome da ponte corren diversas lendas. Unha disque unha banda de ladróns reuníase na ponte despois de roubar para facer as partidas do botín, e logo volvían marchar (partían) a por novas fechorías. Unha segunda conta que foron un gfrupo de cabaleiros que acostumaban reunirse alí para facer un xuramento antes de partir cara as súas loitas contra os mouros
E unha tercera lenda, a dos sete santos, conta que houbo sete irmáns (Asunción, Lucía, María, Marta, Amaro, Brais e Cibrán) que decidiron dedicar as súas vidas a facer o ben e loitar contra o pecado. Xuntáronse baixo a ponte de acordaron partir cada un cara un punto a predicar o evanxeo, xurando antes que, pasara o que pasara, permanecerían xuntos e se axudarían entre si. Os sete irmáns alcanzaron grandes éxitos na súa predicación pero, cada certo tempo, regresaban á ponte de partida para saber o que fixeran uns e outros. Ata tal punto fixeron tanto ben que, despois de finaren, medraron sobre os seus corpos sete outeiros que arrodeaban a ponte, en recoñecemento polo seu labor, de xeito que desde cada monte se divisaban os outros seis. E, en agradecemento, os veciños da parroquia declaráronnos santos e ergueron capelas na súa honra sobre cada un destes montes: Pesqueiras, Ganade, A Picoña, Ribarteme, Lira, Areas, Guláns).
Coma moitas outras pontes de Galicia, na ponte das Partidas celebrábanse os bautizos prenatais, procurando a protección das forzas sobrenaturais. Cando unha muller quedaba preñada acudía á medianoite á ponte e alí agardaba o primeiro camiñante que a cruzase convidándoo a botar auga do río sobre o seu ventre e a ser o padriño do meniño. Despois facían un pequeno xantar e botaban ao río os refugallos da comida. Por esta tradición a ponte chegou a denominarse ponte das Paridas.
Estado de conservación
[editar | editar a fonte]Está catalogada como ben de interese cultural pola Xunta de Galicia. O estado xeral de conservación é bo, malia se atopar aínda aberta ao tránsito de vehículos pesados.
No ano 2005 a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia concedeulle unha partida orzamentaria e a ponte foi restaurada para consolidar as bases e permitir o paso de vehículos. Na restauración descubriuse o pavimento orixinal do taboleiro, coas antigas pegadas das rodas dos carros. O chan finalmente foi cuberto con formigón e novas laxes de granito.
A ponte aínda segue a soportar o paso de vehículos, o que non axuda a súa boa conservación. En 2011 instálanse semáforos para regular o tránsito, mentres o concello aínda reclama unha segunda ponte para evitar a deterioración desta.[1][2][3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Mejora de la seguridad vial en el Puente de las Partidas". Ponteareas virtual (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2018. Consultado o 10 de setembro de 2018.
- ↑ "O semáforo que regula o paso na ponte das Partidas non funciona". Faro de Vigo. 22 de xullo de 2018. Consultado o 10 de abril de 2020.
- ↑ "Goberno e veciñanza de Moreira percorren a PO-403 para detectar os puntos críticos". ponteareas.gal. Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2018. Consultado o 10 de setembro de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Antonio Reigosa: Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, Xerais, Vigo 2014, 184-187.
- Vaqueiro, Vítor (2011). Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Vigo: Galaxia. ISBN 978-84-9865-387-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- FichaArquivado 06 de xullo de 2018 en Wayback Machine. en Ponteareas no tempo (Concello de Ponteareas)
- Ficha en Galicia Máxica.