Manuel Ponte
Manuel Ponte | |
---|---|
Alcume | Xastre |
Nacemento | 20 de agosto de 1911 |
Lugar de nacemento | Frades |
Falecemento | 21 de abril de 1947 |
Lugar de falecemento | Frades |
Nacionalidade | España |
Ocupación | membro da resistencia |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Manuel Ponte Pedreira, coñecido co sobrenome de Xastre, nado no Fontao (Abellá, Frades) o 20 de agosto de 1911 e finado na mesma aldea o 21 de abril de 1947, foi un guerrilleiro galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Aprendeu en Ordes o oficio de xastre no obradoiro de Manuel Sousa, e ingresou nas Juventudes Socialistas. Foi elixido presidente de Unión Republicana de Ordes o 12 de xuño de 1936. Ao producirse o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 colaborou na defensa de Ordes, pero cando cae en poder dos sublevados fuxiu ao monte. Logo dunhas semanas entregouse e foi xulgado en Compostela por traizón, sendo condenado a cadea perpetua. Permaneceu en prisión no cárcere da Coruña, participando en varios intentos de fuga, até que obtivo a liberdade vixiada o 22 de maio de 1941. Na súa estadía na prisión ingresou no Partido Comunista de España. En 1945 incorporouse á guerrilla comunista. En xuño de 1946 ao morrer Marcelino Rodríguez Fernández (Marrofer) accedeu á xefatura da IV Agrupación guerrilleira, relanzando a súa actividade co aumento das accións guerrilleiras. Foi reclamado polo Xulgado Militar da Coruña en setembro de 1946.[1] Por mor dunha delación, a Garda Civil cercouno con varios dos seus homes e morreu no enfrontamento. Tamén caeron os guerrilleiros Manuel Rodríguez Suárez e Manuel Díaz Pan.
Vida persoal[editar | editar a fonte]
Casou con María del Carmen Rivas Vaamonde o 19 de novembro de 1935, coa que tivo dous fillos, Manuel Pablo (que morreu en 1937) e María del Carmen.
Na cultura popular[editar | editar a fonte]
- Xosé Luís Méndez Ferrín adicoulle o poema "Na memoria de Ponte", do libro Poesía enteira de Heriberto Bens (1980).
- Dios ke te crew no seu tema "15.680" no que falan da vila de Ordes fan referencias como "terra" e "fogar do gran Manuel Ponte Pedreira".
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ La Voz de Galicia, 17-9-1946, p. 5.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Astray Rivas, Manuel (1992). Síndrome del 36 - La IV Agrupación del Ejército Guerrillero de Galicia. Sada: Do Castro. ISBN 84-7492-584-3.
- Martínez, Lupe (2007). Coa man armada. "Ejercito Guerrillero de Galicia" -IV Agrupación- 1946 - 1948. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 978-84-8341-166-7.
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Manuel Ponte na páxina web Nomes e Voces.