Saltar ao contido

Normalización lingüística

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Globo da Mesa pola normalización lingüística co lema Polo dereito a vivirmos en galego no Correlingua de 2013 enSilleda, actividade escolar dinamizadora do idioma galego.
Cadernos e documentación sobre as orixes dos movementos de renovación pedagóxica acontecidos en Galicia durante a época da preautonomía. Na imaxe aprécianse algúns documentos gardados polo escritor Agustín Fernández Paz e expostos no Auditorio de Ferrol co gallo da homenaxe ao escritor celebrada o 17 de febreiro de 2017.

A normalización lingüística, obxectivo do ecoloxismo lingüístico, é o proceso tendente a converter unha lingua no vehículo normal de comunicación dunha comunidade. Supón a recuperación dun status de normalidade dunha determinada lingua, é dicir, conseguir que o seu uso oral e escrito sexa natural en calquera das situacións da vida cotiá dos falantes. Aínda que ambos os dous conceptos van intimamente ligados,non debe confundirse con normativización, que é o proceso de estandarización ou fixación formal de todo o corpus da lingua.

Factores normalizadores

[editar | editar a fonte]

O proceso normalizador depende para o seu avance de tres factores:

  • Da acción institucional da comunidade, materializada mediante o poder político, que deberá proporcionar, por medio dunha determinada política lingüística, a lexislación, as medidas e o apoio necesarios tendentes a favorece-lo proceso de normalización lingüística. As institucións públicas teñen a posibilidade de normalizar unha parte moi importante dos ámbitos sociais e de favorece-los procesos de normalización lingüística colectivos e individuais.
  • Da acción colectiva non institucional daqueles individuos que posuíndo unha conciencia lingüística se agrupan para pular pola marcha do proceso normalizador.
  • Da acción individual, asentada na vontade de ser das persoas que forman a comunidade lingüística. Sen este factor básico o proceso nunca se levará a termo.

Normalización vertical e horizontal do galego

[editar | editar a fonte]

A normalización individual (normalización vertical ou do individuo) non se pode acadar sen un proceso consciente e voluntario de galeguización, pois na sociedade galega de hoxe non se dan os condicionantes socioculturais e políticos que permitan ó individuo acceder á expresión completa en galego dunha maneira natural, espontánea e involuntaria.. Así, a normalización lingüística vertical (individual) require un importante esforzo persoal e, aínda que é un fenómeno en aumento, resulta insuficiente, non xa para avanzar no proceso normalizador, senón mesmo para contrarresta-la progresiva perda de usuarios. Na actual situación, a normalización lingüística horizontal, aquela que se produce galeguizando ámbitos, sectores ou áreas da vida social, é a que se presenta como camiño viable e factible de expansión do galego, a que se pode atinxir dunha maneira progresiva no conxunto da sociedade.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]