Alfabeto latino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Historia do alfabeto

Idade do Bronce Medio ss –XIX - -XV

Meroítico s. –III.
Xenealoxía completa

O alfabeto latino é o alfabeto que se emprega maioritariamente para escribir as linguas de Europa occidental así como nos paises que foron colonizados polos europeos. É, en competencia co alfabeto cirílico e, en menor medida, o alfabeto grego, a escrita occidental por defecto e egora - en razón da importancia económica e cultural dos paises que a utilizan (como os Estados Unidos) - unha escrita internacional: pódense atopar palabras escritas en letras latinas nas rúas de Xapón ou nas de Exipto.

Chámase así a este alfabeto porque era, en orixe, o empregado polos romanos para escribiren a súa lingua, o latín.

Letras[editar | editar a fonte]

O alfabeto latino, como a maioría dos xurdidos do alfabeto grego distingue dúas grafías para cada grafema (ou letra), unha chamada minúscula e outra capital. Na maioría dos casos, cada letra posúe as dúas variantes. Hai algunhas excepcións, como a letra ß (eszett; utilizada en alemán e outrora noutras linguas), que, en capitais, é reemprazada por SS.

A expansión – tanto xeográfica como temporal – deste alfabeto fai del un dos máis ricos en variantes nacionais. Así:

  • cada lingua dada utiliza un xogo máis ou menos completo de letras fundamentais;
  • cada unha pode posuir letras modificadas que se lle engaden;
  • entre as letras modificadas, algunhas son consideradas, segundo as linguas como letras á parte ou como variantes doutra letra.

Por exemplo, os alfabetos utilizados para o francés e para o galego non son idénticos (así, a letra ç non se emprega en galego e o francés, pola contra, non se serve de á), por moito que os dous podan ser retrotraídos ao alfabeto latino. Polo tanto, non sería falso falarmos dun alfabeto francés e dun alfabeto galego.

Como se ve, non existe un alfabeto latino fixo e constante; porén é posíbel illar os grafemas fundamentais utilizados na maioría das linguas: son os do alfabeto orixinario máis j e u así como w:

Grafemas fundamentais[editar | editar a fonte]

Capitais ou Maiúsculas
A B C D E F G H I J K L M
N O P Q R S T U V W X Y Z
Minúsculas
a b c d e f g h i j k l m
n o p q r s t u v w x y z

Nome das letras[editar | editar a fonte]

Entre as innovacións do alfabeto latino en relación co seu modelo (indirecto) grego, pode-se contar o nome das letras. En efecto, mentres que as letras gregas levan nomes sen sentido na súa lingua (pois herdárono directamente das linguas semíticas) e sobre todo, polisilábicos (alfa, beta, gamma, delta) son monosílabos en latín.

Os romanos, en efecto, non tentaron dar un nom real ás súas letras: designábanas tal e como se pronunciaban, cousa que só podía funcionar ben coas non oclusivas ou continuas e as vogais (que probabelmente se pronunciaban longas). Atópanse xa que logo dous tipos de letras (cinguirémonos aquí ás letras puramente latinas que non ofrecen dificultades de interpretación):

  • as pronunciábeis se apoio: as vogais /aː/, /eː/, /iː/, /oː/, /uː/ e as continuas /fː/, /lː/, /mː/, /rː/ e /sː/ (dicíase pois « a consoante /ffff/ » prolongando o tanto como fose necesario);
  • as que debían articularse cunha vogal de apoio, /e/ entre os romanos: /beː/, /keː/ (letra c), /deː/, /geː/, /kaː/ (letra k, que en orixe se empregaba ante a ou unha consoante, que só se conservou en escasas palabras), /peː/, /kuː/ (letra q, que só se emprega ante u), etc.

De aí vén a maneira que temos hoxe na maioría das linguas modernas de designarmos as letras do alfabeto latino.

Extensión dos grafemas fundamentais[editar | editar a fonte]

Os límites intrínsecos a este alfabeto, relativamente limitado en número de signos diferentes, foron sobrepasados rapidamente cando pasou a usarse para transcribir outras linguas cun sistema fonolóxico diferente do do latín. Por exemplo, o alfabeto latino orixinario non permitía notar o son [ʃ] de xogo. Na actualidade cada vez é máis frecuente que a transcrición ou a transliteración dunha escritura non latina se faga mediante letras latinas (que dan unha grande parte dos carácteres do Alfabeto Fonético Internacional e doutros). Fálase neste caso dunha romanización. Finalmente, numerosas linguas que quedaran sen escrita adoptaron o alfabeto latino, como é o caso das linguas de África, que poden seguir o alfabeto pan-nixeriano ou o alfabeto internacional de Niamey.

Para adaptar o alfabeto latino a estas situacións os escribas medievais e os impresores do Renacemento atoparon distintas solucións, moitas delas vixentes hoxe en día.

Diacríticos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Diacríticos do alfabeto latino.

Emprego de sinais diacríticos sobre letras fundamentais para modificar o seu valor. O galego, o portugués e o castelán empregan o til ( ã, ñ ), o catalán o punto medio ( ll fronte a ŀl ) e varias linguas eslavas o trazo (ł ), o ogonek (ą ), o háček ( ř ) ou o kroužek ( ů ).

Algunhas letras baseadas na inclusión dun diacrítico teñen hoxe unha entidade diferenciada coma o ð do islandés ou o ŋ (n con gancho), que se emprega en diversas linguas, como o saami e en numerosas linguas de África (basa, bambara, wólof, fula, dinka, éfik, éwé, , kpellé ou mendé).

Letras suplementarias[editar | editar a fonte]

A invención de letras suplementarias, xurdidas de variantes contextuais ou de variantes propias a unha grafía medieval particular, principalmente, entre as que algunhas son agora consideradas como fundamentais coma o w. Outras letras foron préstamos doutras escritas, coma o ƿ e o ȝ empregados en inglés medieval e o þ do islandés, procedentes do rúnico ou as letras de derivadas do alfabeto grego que aparecen no Alfabeto Fonético Internacional e no alfabeto africano de referencia.

Ata o século XIX empregouse en todas as linguas con escrita latina o s longo ( ſ ).

Ligaduras[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ligadura (tipografía).

Outra forma de crear novas letras é ligando dúas xa existentes. É o caso do ß alemán e do æ que aparece en varias linguas, coma o islandés.

Dígrafos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Dígrafo.

En ocasións empréganse dígrafos ou digramas para representar un único son, como ch, sh ou cz.

Alfabeto galego[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Alfabeto galego.

O galego escríbese co alfabeto latino. O alfabeto galego está composto por 23 letras e 6 dígrafos.

Historia[editar | editar a fonte]

Alfabeto antigo[editar | editar a fonte]

O alfabeto latino arcaico (con diferentes variantes para cada letra)

O alfabeto latino ao principio era utilizado para escribir o latín, a lingua falada polos habitantes de Roma e do Lacio. É derivado do alfabeto etrusco, que á súa vez era unha variante dun alfabeto grego diferente do alfabeto chamado clásico (o que se emprga nas edicións actuais de textos gregos antigos e que está na base do alfabeto grego moderno). O alfabeto etrusco tiña algunhas letras inútiles (B, C, D e O), que nunca eran empregadas nas inscricións en razón do sistema fonolóxico do etrusco, no que non se atopan oclusivas sonoras nin vogal /o/. Pola contra serán utilizadas polos latinos, que si tiñan eses sons.

As capitais (maiúsculas) son a forma normal deste alfabeto, sendo as minúsculas de invención tardía (minúscula carolina medieval, século IX d.C.) e, ao principio, utilizábanse non en contraste coas maiúsculas senón como sistema gráfico independente.

Algúns feitos notábeis deste alfabeto:

  • non se distingue U de V, que se escriben ámbolosdous V;
  • nos primeiros tempos, a letra C notaba á vez /g/ e /k/: en efecto, o alfabeto etrusco valeuse do gamma grego Γ /g/ co valor /k/, pois /g/ estaba ausente do sistema fonolóxico do etrusco. G (modificación gráfica de C pola adición dun pequeno trazo horizontal) entrou rápido no alfabeto. A letra K, redundante con C, só se conservou en latín ante /a/ e nunhas poucas palabras (KALENDAE, « calendas »). Pero a confusión C ~ G persistiu non obstante no praenomen romano Caius pronunciado Gaius, en especial nas abreviaturas o praenomen escríbese normalmente C. G reemprazou no alfabeto á letra Z que era inútil en razón do rotacismo, (lembremos que en grego temos a orde Α a, Β b, Γ g, Δ d, Ε e, Ϝ w (digamma) , Ζ z).
  • a letra Q, utilizada como variante de /k/ ante /u/ (é o koppa grego, inútil neste alfabeto e xa que logo ausente na variante clásica), só foi conservada para formar o dígrafo QV que nota o fonema labiovelar único /kʷ/, distinto da secuencia de consoantes /kw/: opónse así QVI /kʷi/ « o que » e CVI /ku̯i/ (con ditongo) « para o que ».

En conclusión, o latín empregaba 20 letras na súa variante arcaica:

A, B, C, D, E, F, H, I, K, L, M, N, O, P, Q, R, S, T, V, X

Logo, 23 letras na súa grafía clásica:

A, B, C, D, E, F, G, H, I, K, L, M, N, O, P, Q, R, S, T, V, X, Y, Z
Nota : Y e Z son adicións tardías a partir do alfabeto grego para notar os préstamos desta lingua.

Alfabeto medieval e grafías[editar | editar a fonte]

No transcurso dos séculos, as letras do alfabeto latino foron trazadas de xeitos diferentes. Estes tipos de escritura non constitúen alfabetos en si senón versións diferentes dun mesmo alfabeto, o cal coa invención da imprenta converteraos en tipos de caracteres; por exemplo:

Clasificación alfabética[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Orde alfabética.

Código ISO[editar | editar a fonte]

O código ISO 15924 desta escrita é Latn.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]