Neptuno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
NeptunoNeptune symbol.svg
Neptuno dende a Voyager 2, os días 16 e 17 de agosto de 1989.
Descubrimento
Descuberto por Urbain Le Verrier
John Couch Adams
Johann Galle
Descuberto o 23 de setembro de 1846
Características orbitais
Raio medio 4.498.252.900 km
Excentricidade 0,00858587
Período orbital 164a 288d 13h
Período sinódico 367,5 días
Velocidade orbital media 5,4778 km/s
Inclinación orbital 1,76917°
Número de satélites 13
Características físicas
Diámetro ecuatorial 49572 km
Área superficial 7,65×109 km²
Masa 1,024×1026 kg
Densidade media 1,64 g/cm³
Gravidade na superficie 11,0 m/s²
Período de rotación 16h 6,5min
Inclinación axial 29,58°
Albedo 0,41
Velocidade de escape 23,71 km/s
Temperatura superficial
min media máx.
50K 53K M/A K
Características atmosféricas
Presión atmosférica 100-300 kPa
Hidróxeno >84%
Helio >12%
Metano 2%
Amonio 0,01%
Etano 0,00025%
Acetileno 0,00001%

Neptuno é o oitavo planeta a partir do Sol, e o xigante gasoso máis afastado no noso sistema solar. Neptuno recibiu o nome do deus romano dos mares e o seu símbolo astronómico é ♆, unha versión estilizada do tridente do deus. Neptuno ten 17 veces a masa da Terra e é lixeiramente máis masivo que Urano, que ten 15 veces a masa da Terra pero non é tan denso. De media, Neptuno orbita ao redor do Sol a unha distancia de 30,1 UA, unhas 30 veces a distancia da Terra ao Sol.

Neptuno foi o primeiro planeta atopado por predición matemática en vez de pola observación empírica. Inesperados cambios na órbita de Urano levaron a Alexis Bouvard a deducir que esta era obxecto dunha perturbación gravicional producida por un planeta descoñecido. Neptuno foi posteriormente observado o 23 de setembro de 1846 por Johann Galle máis ou menos na posición pronosticada por Urbain Le Verrier, e a súa maior lúa, Triton, foi descuberta pouco despois, aínda que ningunha das restantes 13 lúas foron localizadas telescopicamente ata o século XX. Neptuno foi visitado por unha nave, a Voyager 2, que sobrevoou o planeta o 25 de agosto de 1989.

Características[editar | editar a fonte]

Orbitando tan lonxe do Sol, Neptuno recibe moi pouca calor. A súa temperatura superficial media é de -218 °C. Porén, o planeta parece ter unha fonte interna de calor. Cóidase que isto se debe ao resto da calor xerada pola materia en caída durante o nacemento do planeta, que agora irradia ao espazo. A atmosfera de Neptuno ten as máis altas velocidades de ventos no sistema solar, que están por riba dos 2.000 km/h; considérase que os ventos son amplificados por este fluxo interno de calor.

A estrutura interna lembra a de Urano -- un núcleo rochoso cuberto por unha codia de xeo, agachada no profundo da súa grosa atmosfera. Os dous terzos internos de Neptuno están compostos dunha mestura de rocha fundida, auga, amonio líquido e metano. A terza parte exterior é unha mestura de gases quentes composta por hidróxeno, helio, auga e metano. Igual que Urano e a diferenza da composición uniforme de Xúpiter e Saturno, considérase que a estrutura interna de Neptuno consta de tres capas. Como Urano, o campo magnético de Neptuno é moi inclinado en relación ao seu eixo rotacional, a 47 °C, e desviado no mínimo en 0,55 radiáns (preto de 13.500 km) do centro físico do planeta. Comparando o campo magnético dos dous planetas, os científicos coidan que esta orientación extrema se debe aos característicos fluxos no interior do planeta, e non ao resultado da orientación lateral de Urano.

Órbita e rotación[editar | editar a fonte]

A distancia media entre Neptuno e o Sol é duns 4.500 millóns de quilómetros (ao redor de 30,1 UA), e completa unha órbita de media cada 164,79 anos, cunha variabilidade dus ±0,1 anos.

O 11 de xullo de 2011, Neptuno completou a súa primeira órbita baricéntrica dende o seu descubrimento en 1946, aínda que apareceu no súa posición exacta no ceo no momento do seu descubrimento, debido a que a Terra estaba nunha localización distinta na súa órbita de 365,25 días. Debido ao movemento do Sol en relación co do baricentro do Sistema Solar, o 11 de xullo Neptuno tampouco estaba na posición do seu descubrimento con relación ao Sol; se se usa o sistema heliocéntrico de coordenadas máis común, a lonxitude do descubrimento acadouse o 12 de xullo de 2011.

A órbita elíptica de Neptuno está inclinada 1,77° comparada coa da Terr. Debido a unha excentricidade de 0,011, a distancia entre Neptuno e o Sol varía 101 millóns de km entre o perihelio e o afelio, os puntos máis próximo e máis lonxano do planeta ao Sol ao longo da súa traxectoria orbital.

A inclinación axial de Neptuno é de 28,32°, semellante ás inclinacións da Terra (23°) e Marte (25°). Como resultado este planeta experimenta cambios estacionais parecidos. O longo período orbital de Neptuno fai que as súas estacións duren 40 anos terrestres. O seu período de rotación sideral (día) é de aproximadamente 16,11 horas.

Debido a que Neptuno non é un corpo sólido, a súa atmosfera sofre rotación diferencial. A ampla zona ecuatorial xira nun período dunhas 18 horas, máis lento que as 16,1 horas do campo magnético do planeta. Polo contrario, nas rexións polares o período de rotación é de 12 horas. Esta rotación diferencial é a máis pronunciada dos planetas do Sistema Solar.

Formación e migración[editar | editar a fonte]

A formación de xigantes de xeo, Neptuno e Urano, demostrou ser dificil de modelar con precisión. Os actuais modelos suxiren que a densidade da materia das rexións externas do Sistema Solar é demasiado baixa para ter en conta a formación de tales grandes corpos a partir do método tradicionalente aceptado de acreción do núcleo, e varias hipóteses teñen avanzado para explicar a súa creación. Unha di que os xigantes xeados non foron creados por acreción do núcleo senón por inestabilidades dentro do disco protoplanetario orixinal e que posteriormente as súas atmosferas foron aniquiladas pola radiación duns estrela OB masiva próxima.

Un concepto alternativo é que se formaron preto do Sol, onde a densidade da materia era maior, e posteriormente migraron cara as súas órbitas actuais tras a extracción do disco protoplanetario gasoso. Esta hipótese da migración tras a formación é a favorita na actualidade, debido a que explica mellor a ocupación das poboacións de pequenos obxectos observados na rexión trans-neptuniana. A explicación actualmente máis aceptada dos detalles desta hipótese coñécese como modelo Niza, que expón os efectos da migración de Neptuno e dos outros planetas xigantes na estrutura do cinto de Kuiper.

Exploración de Neptuno[editar | editar a fonte]

Os deseños astronómicos de Galileo mostran que observou Neptuno por vez primeira o 28 de decembro de 1612, e novamente o 27 de xaneiro de 1613. Nas dúas ocasións, Galileo confundíu o planeta cunha estrela fixa polo que non se lle pode asignar a descuberta.

En 1821, Alexis Bouvard publicou táboas astronómicas da órbita de Urano. As observacións posteriores revelaron desvíos substanciais das táboas, levando a Bouvard a pór a hipótese da existencia dun corpo que perturbase a órbita. En 1843, John Couch Adams calculou a órbita dun oitavo planeta que puidese explicar o movemento de Urano. Enviou os seus cálculos a Sir George Airy, que os rexeitou con certa frialdade, levando a Adams abandonar o asunto.

En 1846, Urbain Le Verrier, independentemente de Adams, reproduciu os seus cálculos mais tamén atopou dificultades en atopar algún entusiasmo nos seus compatriotas. Porén, o mesmo ano, John Herschel comezou a promover a abordaxe matemática e convenceu a James Challis de procurar o planeta. Tendo en conta o seu período orbital de 164 anos e 288 días, o planeta completou unha orbita dende o seu descubrimento en 1846 no ano 2011, isto implica que se atopa na actualidade aproximadamente na mesma posición na que foi descuberto.

Satélites de Neptuno[editar | editar a fonte]

Neptuno ten 14 lúas coñecidas. A maior delas, que comprende o 99,5% da masa en órbita ao redor do planeta e o único cunha masa o suficientemente grande para ser esférico, é Tritón, descuberta por Willian Lassell apenas 17 días despois da descuberta de Neptuno. A diferenza doutras grandes lúas planetarias do Sistema Solar, Tritón ten unha órbita retrógrada, indicando que foi capturado en vez de formarse alí; probablemente algunha vez foi un planeta anano no cinto de Kuiper. Está o suficientemente preto de Neptuno como para ser bloqueado nunha rotación sincrónica.

Satélites naturais de Neptuno
Nome Diámetro (km) Masa (10 20kg) Distancia media
de Neptuno (km)
Período orbital
Náiade 96×60×52 0,002 48.227 0,294396 días
Talasa 108×100×52 0,002 50.075 0,311485 días
Despina 190×148×128 0,02 52.526 0,334655 días
Galatea 204×184×144 0,04 61.953 0,428745 días
Larisa 216×204×168 0,05 73.548 0,554654 días
S/2004 N 1 16-20[1] - 104.200 0,9362[1] días
Proteo 418 (436×416×402) 0,5 117.647 1,122315 días
Tritón 2707 214 354.760 -5,87685 días **
Nereida 340 0,3 5.513.400 360,1362 días
Halímede 48 0,001 15.686.000 -1874,8 días **
Sao 48 0,001 22.452.000 2.918,9 días
Laomedeia 48 0,001 22.580.000 2982,3 días
Psámate 28 0,0002 46.695.000 -9.115,9 días **
Neso 60 0,0001 48.387.000 -9.374,0 días **

** Períodos orbitais negativos indican unha órbita retrógrada ao redor de Neptuno (oposta á rotación do planeta)

Algúns asteroides reciben os mesmos nomes que as lúas de Neptuno: 74 Galatea, 1162 Larisa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Neptuno Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Kelly Beatty (15-072013). "Neptune's Newest Moon". Sky & Telescope. http://www.skyandtelescope.com/news/Neptunes-Newest-Moon-215535121.html. Consultado o 16-07-2013.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]