Planeta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Imaxe dos planetas do Sistema solar
1) Mercurio. 2) Venus. 3) Terra. 4) Marte. 5) Xúpiter. 6) Saturno. 7) Urano. 8) Neptuno

Conforme a Unión Astronómica Internacional un planeta (Gl-planeta.ogg pronunciación ) é un corpo celeste que orbita ao redor do Sol, que ademais ten masa abonda como para que a súa gravidade supere as forzas do corpo ríxido e asuma unha forma en equilibrio hidrostático (practicamente esférica) e que ademais limpara a órbita de corpos veciños.

Un planeta é un corpo celeste de grandes dimensións, sen luz propia, senón que a recibe dunha estrela, e que xira arredor dunha estrela cunha órbita elíptica. Da estrela recibe unha importante radiación electromagnética.

Tradicionalmente coñecíanse apenas os planetas visibles a ollo un (sen telescopio): Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter e Saturno, ademais da Terra, que, como non podería deixar de ser, non se consideraba como tal na teoría xeocéntrica.

O uso do telescopio permitiu a descuberta do Urano, Neptuno; hoxe considerase que o Sistema Solar se compón destes oitos planetas, moitos dos cales con satélites naturais, ademais de millares de asteroide e cometas. No ano de 2003 houbo unha controversia sobre se Plutón era ou non un planeta. A alternativa postulada é que el fai parte do cinto de Kuiper. Plutón estivo considerado un planeta ata o 24 de agosto de 2006 cando a UIA o definiu como planeta anano.

Na última década foron xa descubertos máis de 100 planetas extra-solares, probando que a ocorrencia destes corpos é universal.

Formación[editar | editar a fonte]

Non se sabe con certeza como se forman os planetas. A teoría predominante é que son formados durante o colapso dunha nebulosa nun delgado disco de gas e po. Unha protoestrela fórmase no núcleo, rodeada por un disco protoplanetario que rota. A través da acreción (un proceso de crecemento por agregación de corpos menores) as partículas de po do disco van acumulándose formando corpos cada vez máis grandes. As concentracións locais de masa son coñecidas como formas planetesimais, as cales aceleran o proceso de acreción ao engadirse novo material pola súa atración gravitacional. Estas concentracións fanse máis densas ata que colapsan cara o interior pola gravidade para formar protoplanetas. Despois de que un planeta acade un diámetro maior que a Lúa, comeza a acumular unha atmosfera, en gran medida polo aumento da captura de planetesimais por medio da fricción atmosférica.

Cando a protoestrela medra o suficiente e se acende para formar unha estrela, o disco que aínda queda despréndese cara o exterior por fotoevaporación, polo vento solar, polo efecto Poynting-Robertson ou por outras causas. A partir de entón aínda poden quedar moitos protoplanetas orbitando a estrela ou os uns aos outros, pero co tempo moitos colisionan, ben formado un único planeta máis grande ou lanzando material cara outros protoplanetas ou planetas maiores que o absorven. Eses obxectos fanse o suficientemente grandes como para capturar materia das proximidades da súa órbita e converterse en planetas. Mentres tanto, os protoplanetas que evitaron as colisións poden converterse en satélites naturais de planetas pola súa captura gravitacional, ou permaneces en cintos doutros obxectos para converterse en planetas ananos ou corpos pequenos.

Os enerxéticos impactos dos planetesimais máis pequenos (así como a radioactividade) quentan o planeta en crecemento, causando que se fundan parcialmente. O interior do planeta comeza a diferenciarse da masa, desenvolvendo un núcleo máis denso. Os planetas sólidos máis pequenos perden parte das súas atmosferas debido á súa acreción, pero os gases perdidos poden ser substituídos pola desgasificación do manto e polo impacto de cometas.

Co descubrimento e observación de sistemas planetarios ao redor de estrelas distintas á nosa, faise posible elaborar, revisar ou incluso substituír esta teoría. O nivel de metalicidade (un termo astronómico que describe a abundancia de elementos químicos cun número atómico superior a 2, o pertencente ao helio) crese actualmente determinante para que unha estrela teña planetas. Polo tanto, pénsase que unha estrela rica en metais posuirá un sistema planetario máis sólido que unha que unha pobre en metais.

Planetas do Sistema Solar[editar | editar a fonte]

No Sistema Solar hai oito planetas clasificados en dous tipos, planetas sólidos e planetas gasosos, e ademais están recoñecidos cinco planeta anano.

Planetas sólidos
Planetas gasosos

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]