Conxunción (astronomía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Conxunción da Lúa, Venus e Xúpiter.

Dous astros están en conxunción cando observados dende un terceiro (xeralmente a Terra) se achan na mesma lonxitude celeste. Como a latitude celeste pode ser diferente, os astros aproxímanse moito no ceo, aínda que non coinciden, pasando un por enriba do outro.

A Lúa áchase en conxunción co Sol cando pasa entre este e a Terra, é dicir na Lúa nova. Se as latitudes non son moi diferentes, é dicir se a Lúa está preto dos nodos da súa órbita, ocorrerá unha eclipse de sol.

Os planetas interiores (Mercurio e Venus) áchanse en conxunción inferior cando pasan entre o Sol e a Terra; entón o planeta atópase á mínima distancia da Terra e preséntanos o seu maior diámetro e a súa cara non iluminada. Se os planetas teñen unha latitude pequena (están preto da eclíptica ou preto do nodo da súa órbita) entón pode ocorrer un tránsito destes planetas polo disco solar. Os planetas interiores están en conxunción superior cando é o Sol o que se acha situado entre eles e o noso planeta. Están entón á máxima distancia da Terra e presentan o seu diámetro máis pequeno e a súa cara totalmente iluminada. Son difíciles de observar porque ao acharse preto do Sol saen e póñense con el.

Os planetas exteriores á órbita da Terra (o resto) só poden acharse en conxunción superior, que se denomina simplemente conxunción, pois o planeta non pode pasar entre o Sol e a Terra. Non debe confundirse con oposición, que é cando a Terra pasa entre o Sol e o planeta exterior.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]