Silicato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os minerais silicatados ou simplemente silicatos constitúen a maior e mais importante clase de minerais constituíntes das rochas, como é o granito, a area ou a arxila. Representan o 75 % da codia terrestre. Tamén é empregado para a fabricación de vidro.

Están formados por silicio e máis osíxeno (SixOy). Tamén poden ter cantidades doutros minerais como aluminio, ferro, magnesio ou calcio.

Estrutura do ortosilicato, SiO44; no debuxo da dereita sacáronse os átomos.

Os minerais compostos de silicatos caracterízanse pola forma tetraédrica (SiO44) dos seus cristais. Os tetraedros poden formar cadeas, cadeas dobres, follas ou estruturas. A unidade SiO44 ten cargas negativas, polo que son compensadas xeralmente pola presenza de ións de metais alcalino ou alcalinotérreos, así como outros metais tipo aluminio.

Se todos os átomos de osíxeno están compartidos, é dicir, a carga está neutralizada, obtense unha rede tridimensional denominada sílice ou dióxido de silicio, SiO2.

Nos aluminosilicatos un átomo de silicio é substituído por un de aluminio.

Clasificación[editar | editar a fonte]

O tetraedro (SiO44) que caracteriza ao silicato, vai ser quen defina as diversas subclases, pois é o causante das propiedades estruturais cristalinas, máis que os elementos químicos que constitúen a súa fórmula.

Así, atendendo ao xeito en que os tetraedros se une distinguimos as seguintes subclases:

Nesosilicatos[editar | editar a fonte]

Os nesosilicatos (ou ortosilicatos) ten tetraedros (SiO4)4 soltos e cada valencia libre está ocupada por un catión distinto do sílice.

  • Grupo da Fenaquita
  • Grupo do Olivina
    • Forsterita: silicato de magnesio que pertence á serie da olivina, de cor branca, tirando a un verde oliva.
    • Faialita: silicato de ferro, que cristaliza no sistema rómbico e é de cor marrón escura ou negra. Constitúe o extremo da serie da olivina.
  • Grupo do Granate
    • Piropo: silicato de aluminio e magnesio, e é de cor vermella.
    • Almandino: silicato alumínico férrico. Cristaliza no sistema cúbico e os cristais grandes empréganse en xoiaría.
    • Espesartita: cunha cor que varía do laranxa ao vermello escuro ou marrón. A miúdo localízase nas pegmatitas graníticas e nas rochas metamórficas.
    • Grosularia ou grosularita: silicato de aluminio e de calcio, que cristaliza no sistema cúbico en cristais rombododecaédricos ou trapezoédricos. É de cor branca e pode presentar distintas tonalidades, cando ten impurezas.
    • Andradita: silicato de calcio e ferro. Cristaliza no sistema cúbico, formando cristais informes e granulares; de cor parda, tamén pode ser verde, incolora ou negra.
    • Uvarovita: silicato de calcio e cromo, que presenta unha cor verde esmeralda.
    • Hidrogrosularia
  • Grupo do Circón
    • Circón: de cor marrón ou avermellada, pero tamén pode ser incoloro, gris, verde ou violeta. Algunhas variedades empréganse en xoiaría.
    • Torita: silicato de torio.
  • Grupo Al2SiO5
    • Andalucita: de aluminio anhidro, raramente transparente, de cor rosada e de exfoliación clara.
    • Cianita ou distena: silicato de aluminio que cristaliza no sistema triclínico con cristais de hábito tabular de cor azul.
    • Sillimanita: de cor branca ou ocasionalmente verdosa.
    • Dumortierita: silicato de aluminio, ferro e boro, de cor azulada ou violácea. Normalmente, aparece en masas columnares ou fibrosas, de brillo vítreo e facilmente exfoliables.
    • Topacio: aluminosilicato hidratado con fluor, incoloro ou branco.
    • Estaurolita: silicato complexo.
  • Grupo da Humita
  • Datolita: borosilicato hidratado de calcio e os cristais poden ser incoloros, brancos ou amarelos.
  • Titanita: de titano e calcio.
  • Cloritóide: silicato alumínico de ferro, magnesio e manganeso. É moi semellante ao grupo das cloratitas pola súa cor e composición.

Sorosilicatos[editar | editar a fonte]

Epídoto

Con dous tetraedros unidos por un vértice para formar un grupo (Si2O7)6-. Distínguense entre estes:

  • Hemimorfita: silicato de cinc hidratado. É de cor branca con tonalidades azuis ou verdosas.
  • Lawsonita: silicato hidratado de aluminio e calcio. Ten unha cor branca ou gris e o brillo é semellante ao do vidro.
  • Ilvaíta: silicato hidratado de ferro e calcio de cor negra.
  • Grupo do Epídoto
    • Zoisita: de calcio e aluminio,de cor gris, verde mazá ou rosa.
    • Clinozoisita: de aluminio e calcio. Os cristais son de cor verdosa, alongados e tamén se presentan en masas, fibras ou gránulos.
    • Epídoto: silicato de calcio, aluminio e ferro, que cristaliza no sistema monoclínico en cristais alongados e tamén en masas, fibras ou gránulos de cor verde amarelada, marrón ou negra.
    • Alanita
  • Vesuvianita ou idocrasa: silicato de magnesio e calcio, de cor verdosa ou amarela

Ciclosilicatos[editar | editar a fonte]

Berilo

Os ciclosilicatos, ou silicatos en anel, presentan tres, catro ou seis tetraedros unidos en anel.

  • Axinita: borosilicato de aluminio e calcio con cantidades variables de ferro, magnesio e manganeso, que cristaliza no sistema triclínico en cristais tubulares. É piroeléctrico, de cor marrón, gris ou violáceo, transparente e de brillo vítreo.
  • Berilo: silicato de aluminio e berilio que cristaliza na clase holoédrica hexagonal.
  • Cordierita ou dicroíta: Aluminosilicato de aluminio, manganeso e ferro.
  • Turmalina: Silicato complexo de aluminio, con boro, ferro ou magnesio. A cor é xeralmente negra ou verde, e algunhas variedades son moi empregadas en xoiaría.

Inosilicatos[editar | editar a fonte]

Os inosilicatos, ou silicatos de cadea, presentan cadeas unidas de tetraedros de silicato con SiO3 para cadeas simples ou Si4O11 para as cadeas duplas.

Inosilicatos de cadeas simples:[editar | editar a fonte]

Rodonita
  • Grupo do Piroxeno: grupo de minerais que cristalizan en dous sistemas diferentes: o rómbico e o monoclínico, e a forma cristalina máis corrente é o prisma.
    • Enstatita - serie da ortoferrosilita
      • Enstatita: silicato de magnesio que cristaliza no sistema rómbico e que normalmente se presenta en grans de forma irregular ou en masas exfoliables.
      • Broncita: silicato de magnesio e ferro, piroxeno rómbico. Preséntase en masas fibrosas, de cor tirando a marrón ou verde escuro. É elemento esencial das noritas e dos gabros.
      • Hiperstena: silicato de magnesio e ferro, que cristaliza no sistema rómbico en cristais de cor verdoso, marrón ou negro.
      • Clinohiperstena
    • Serie Diópsido - hedenberxita
      • Diópsido: silicato de magnesio e calcio, que cristaliza no sistema monoclínico, en cristais prismáticos ou en masas granulares. A súa cor vai do branco ao verde claro e nas variedades ricas en ferro é verde intenso.
      • Hedenberxita: silicato de ferro e calcio que pertence ao grupo dos piroxenos e cristaliza no sistema monoclínico. É de cor verde escura ou negra e ten un brillo vidroso.
      • Auxita: silicato complexo de magnesio e calcio, de fórmula (Ca,Mg, Fe,Fe+3,Ti,Al)2(Si,Al)2O6. Cristaliza no sistema monoclínico. Os cristais son prismáticos, ou ben grans informes. É de cor negra, verdosa ou verde escura, segundo a cantidade de ferro que conteña. Encóntrase como mineral esencial en moitas rochas ígneas, especialmente nas volcánicas básicas (diabasas e basaltos).
    • Serie dos piroxenos sódicos
      • Xadeíta: silicato alumínico sódico, que cristaliza no sistema monoclínico e se presenta en forma de gran fino ou en masas densas, de cor verde ou branca.
      • Onfacita
      • Acmita ou exirina: silicato de sodio e ferro, de fórmula NaFeSi2O6. Cristaliza no sistema monoclínico e é de cor verde escura.
    • Espodúmena: silicato de aluminio e litio, do grupo dos piroxenos, que cristaliza no sistema monoclínico, en cristais prismáticos de gran lonxitude e en masas aplanadas. De cor branca ou gris abrancazada, hai tamén algunhas variedades transparentes de cor rosa ou violácea ou verde, apreciadas en xoiaría.
  • Grupo dos piroxenóides
    • Wollastonita
    • Rodonita: silicato de manganeso, que cristaliza no sistema triclínico en cristais de cor vermella e que é exfoliable e fráxil, cunha fractura concoidal.
    • Pectolita

Inosilicatos de cadeia dupla:[editar | editar a fonte]

Crocidolita (Asbesto)
  • Grupo dos anfíbolos
    • Antofilita: silicato ferromagnésico. Cristaliza na singonia rómbica e preséntase en forma de prismas ou de fibras, de cor castaña escura e brillo nacarado ou vítreo.
    • Serie da cummingtonita
    • Serie da tremolita
      • Tremolita: hidratado que cristaliza no sistema monoclínico formando agregados de cristais de cor branca.
      • Actinolita: de cor verde escura.
    • Horneblenda: aluminosilicato moi complexo, que cristaliza no sistema monoclínico en cristais de cor verde, castaña escura ou negra.
    • Grupo dos anfíbolos sódicos

Filosilicatos[editar | editar a fonte]

Talco

Os filosilicatos , ou silicatos en folla, forman follas paralelas de tetraedros de silicato.

  • Grupo da Serpentina
  • Minerais do grupo das arxilas
    • Caolinita: filosilicato de aluminio que cristaliza no sistema monoclínico, xeralmente en masas compactas, fariñentas ou que se poden esmigallar facilmente e, máis raramente, en pequenas escamas hexagonais ou rómbicas. Emprégase na fabricación de louzas e porcelanas.
    • Esmectita
    • Ilita: estrutura e composición semellante á das micas que aparece en ambientes de alteración, sedimentarios, metamórficos e hidrotermais
  • Talco: silicato de magnesio hidratado, que cristaliza no sistema monoclínico en cristais de cor verde, branca ou gris, moi suave, brando, untuoso ao tacto e moi adherente.
  • Pirofilita: silicato hidratado de aluminio que cristaliza no sistema monoclínico en cristais de cor branca ou amarela clara, a miúdo tinguido de vermello ou marrón por óxidos de ferro.
  • Grupo das micas
    • Moscovita: silicato de aluminio, potasio e fluor que cristaliza no sistema monoclínico. Incoloro, con lixeiras pátinas de cor verde, gris ou marrón. Tamén se denomina mica branca.
    • Flogopita: aluminosilicato de magnesio e de potasio, que cristaliza no sistema monoclínico, en forma de prismas pseudohexagonais, e que ten unha cor marrón ou amarelada.
    • Biotita: filosilicatado que cristaliza no sistema monoclínico, formando láminas exfoliables, de cor marrón escura ou negra.
    • Lepidolita: mineral do grupo das micas, de composición variable, que se presenta normalmente en agregados laminares de cor rosada.
    • Margarita: silicato de aluminio e calcio.
  • Grupo da clorita
  • Apofilita: fluosilicato de calcio e potasio hidratado, que cristaliza no sistema tetragonal, e forma cristais de forma piramidal, prismática, tabular ou cuboide. É transparente ou de cor branca, rosada ou verde clara. Atópase nas cavidades das rochas basálticas.
  • Prehnita

Tectosilicatos[editar | editar a fonte]

Cuarzo rosa

Os tectosilicatos teñen os tetraedros unidos polos seus catro vértices a outros tetraedros, creando unha malla de extensión tridimensional., complexa. Forman a maior parte dos silicatos.

  • Grupo do cuarzo ou do sílice.
    • Cuarzo: dióxido de silicio.
    • Tridimita: óxido de silicio, que cristaliza no sistema hexagonal en pequenos cristais incoloros ou brancos.
    • Cristobalita: mineral polimorfo que cristaliza no sistema regular en forma de pequenos cristais octaédricos.
  • Grupo dos feldespatos
    • Feldespatos potásicos
      • Microclina: silicato alumínico e potásico que cristaliza no sistema triclínico, e é de cor branca, gris ou rosa.
      • Ortoclasio: silicato alumínico e potásico, que cristaliza no sistema monoclínico e que forma cristais prismáticos, maclados segundo a lei de Karlsbad, de Baveno e de Manebach. Tamén se presenta en forma de masas granulares. O brillo é de vidro, e pode ser incoloro, branco, gris e incluso vermello.Tamén se denomina ortosa ou feldespato ortosa.
      • Sanidina: aluminosilicato de potasio, que cristaliza en sistema monoclínico, con cristais prismáticos, curtos e incoloros.
    • Feldespatos da serie dos plaxioclasios: silicato aluminado de sodio e calcio, que cristaliza no sistema triclínico e que intervén na formación das rochas.
      • Albita: silicato de aluminio e sodio. Cristaliza no sistema triclínico e presenta maclas polisintéticas repetidas e moi características; de exfolación perfecta, incolora, transparente e inatacable polos ácidos.
      • Oligoclasio: termo intermedio da serie dos plaxioclasios, cuxa composición é dun 90-70% de albita e dun 10-30% de anortita.
      • Andesina: mineral mixto do grupo dos feldespatos; cristaliza no sistema triclínico e os cristais son de cor branca, gris ou verde.
      • Labradorita: mineral da serie das plaxioclasio que cristaliza no sistema triclínico. A súa composición química oscila entre un 30-50% de albita e un 50-70% de anortita. O hábito é tabular e é moi característica a macla polisintética. Ten unha cor branca ou gris, e o resplandor é semellante ao do vidro.
      • Bytownita
      • Anortita: silicato de aluminio e calcio, de cristais transparentes, incoloros, rosas ou verdes.
  • Grupo dos feldespatoides: grupo de minerais formado por aluminosilicatos de sodio e potasio, que aparecen en lugar do feldespato cando o magma orixinal presenta un defecto de sílice. Están presentes nas rocas volcánicas e plutónicas.
    • Leucita: silicato de aluminio e potasio que cristaliza no sistema regular. O hábito é en trapezoedros. É incoloro e co brillo do vidro.
    • Nefelina: aluminosilicato de sodio que cristaliza no sistema hexagonal en cristais de cor branca ou gris.
    • Sodalita: mineral de silicato alumínico de sodio con cloro, que cristaliza no sistema cúbico e é de cor azul, branca ou rosa.
    • Lazurita: silicato de sodio, aluminio e xofre. Ten unha cor azul escura intensa non uniforme, e láminas finas translúcidas. Emprégase desde a antigüidade en ornamentación.
  • Petalita: silicato de aluminio e litio que cristaliza no sistema monoclínico, e a miúdo é informe en agregados espáticos incoloros, vítreos, transparentes ou translúcidos.
  • Grupo da escapolita
    • Marialita: mestura complexa de aluminosilicatos de sodio clorurados e sulfatados que cristalizan no sistema tetragonal.
    • Meionita
  • Analcima: silicato aluminicosódico hidratado que cristaliza no sistema cúbico en cristais illados, reunidos en drusa ou en agregados compactos ou terrosos. É de cor é branca, rosa ou gris.
  • Grupo das ceolitas: grupo de minerais con estruturas formadas por unha rede tridimensional de tetraedros.
    • Natrolita: aluminosilicato hidratado de sodio que pertence ao grupo das ceolitas.
    • Heulandita: silicato de aluminio e calcio que pertence ao grupo das ceolitas e cristaliza no sistema monoclínico. É de cor branca e brillo vítreo.
    • Estilbita

Referencias e ligazóns externas[editar | editar a fonte]