León IX, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papas do século XI
Antipapas

León IX, nado co nome de Bruno de Egisheim-Dadsburg en Eguisheim (Alsacia) o 21 de xuño de 1002 e finado en Roma o 18 de abril de 1054, foi o Papa nº 152 da Igrexa católica de 1049 a 1054.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Bruno naceu en Eguisheim (Alsacia, actual Francia), se ben hai teorías que defenden que naceu en Dabo ou en Walscheid (Mosela). Pertencía a unha importante familia: fillo do conde de Alsacia, Hugo de Egisheim, e polo tanto pariente do emperador Henrique III, estando ligado por parte de nai aos carolinxios de Francia occidental e por parte de pai aos reis xermanos.

León IX

Con cinco anos foi confiado ao bispo Berthold de Toul para ser educado na escola da catedral, onde se mostrou especialmente dotado. Trala morte do seu titor, foi chamado á corte do emperador Conrado II.

En 1026 conduciu as tropas levantadas a Toul para unha campaña en Lombardía. Trala morte do bispo Hermann de Toul, foi proposto polo clero coma sucesor, malia contar só con 24 anos. Conrado deulle permiso para ser bispo de Toul, pero Bruno negouse a facer o xuramento de fidelidade ao bispo metropolita de Treveris, e este negouse a ordenalo. Trala intervención do propio Conrado, o 9 de setembro de 1027 foi consagrado polo arcebispo Poppo de Treveris.

En novembro de 1048 foi designado por Henrique III, nun congreso de príncipes e bispos celebrado en Worms para suceder no pontificado ao efémero Dámaso II.

Castelo en Egisheim, Alsacia, lugar de nacemento do Papa León IX.

Con esta elección o emperador pretendía que o pontificado se incorporase á igrexa imperial que Henrique dirixía tal e como lograra con anterioridade o emperador Constantino I. Non obstante, León IX condicionou a aceptación do cargo á celebración posterior dunha elección canónica, o que dá unha primeira idea do seu rexeitamento ao sometemento imperial, o que motivou que o retraso da súa consagración até o 12 de febreiro de 1049, tras ser aceptado polo pobo e o clero romano.

No mesmo ano en que se converteu en papa prohibiu o matrimonio de Guillerme o Bastardo (despois alcumado o Conquistador), Duque de Normandía, con Matilde de Flandres, dado o seu grao de parentesco. Malia todo, o matrimonio tivo lugar.

Decidido a encabezar o movemento de reforma eclesiástico, que até entón liderara o emperador, rodeouse de figuras coma Pedro Damiano, Hildebrando ou o cardeal Humberto de Silva Candida. Tamén deu entrada no colexio cardinalicio a eclesiásticos non romanos, facéndoo máis internacional e partidario das ideas cluniacenses. Pódeselle considerar un predecesor da Reforma gregoriana.

As súas reformas centráronse no obxectivo de erradicar da Igrexa a simonía e o matrimonio dos sacerdotes, para o cal celebrou doce sínodos, destacando os de Letrán, Pavía, Reims e Maguncia.

Intentou frear o avance dos normandos que, instalados no sur da península Itálica, ameazaban os territorios pontificios. En 1053 armou un exército que resultou derrotado na batalla de Civitate, onde caeu prisioneiro, non recobrando a liberdade até pouco antes da súa morte.

O cisma da Igrexa Oriental[editar | editar a fonte]

O feito máis significativo do seu pontificado foi a consumación do cisma da Igrexa Oriental, que se ben xa arrastraba malentendidos e enfrontamentos anteriores, estoupou en 1054 cando León IX, co obxecto de lograr unha alianza con Bizancio contra os normandos, mandou unha embaixada a Constantinopla encabezada polo cardenal Humberto de Silva Candida e formada polos arcebispos Federico de Lorena e Pedro de Amalfi.

Con todo, a situación en Constantinopla non era a máis propicia, pois a súa Igrexa estaba encabezada polo patriarca Miguel Cerulario, quen, pouco antes, ameazara con pechar as igrexas latinas en Constantinopla que non adoptasen o rito grego.

Humberto de Silva Candida, á súa chegada, negou o título de patriarca ecuménico, o segundo posto na xerarquía eclesiástica de Constantinopla, e ademais dubidou da lexitimidade da elevación de Cerulario ao patriarcado. O Patriarca reaccionou negándose a recibir a legación pontificia.

Humberto respondeu coa publicación do Diálogo entre un romano e un constantinopolitano (tratado no que critica os costumes gregos) e redactando unha bula de excomuñón contra Cerulario, tralo cal abandonou inmediatamente a cidade.

A reacción inmediata, o 24 de xullo de 1054, foi a contraexcomuñón do cardenal e o seu séquito. Comezou así a ruptura, e a partir dese instante non se volveu mencionar o nome do papa na liturxia bizantina, e as igrexas en Constantinopla permaneceron pechadas para os latinos.

Pola súa parte a Igrexa de Occidente pasou a non recoñecer o VI Concilio de Constantinopla, co que o Credo niceno-constantinopolitano pasou a incluír o filioque.

León IX finou o 18 de abril de 1054, e o seu corpo reposa na Basílica de San Pedro.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • PERTUCCI, E.: Ecclesiologia e politica di Leone IX, Editrice Elia, Roma, 1977.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: León IX