Ambrosio de Milán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosaico de San Ambrosio na igrexa de St.Ambrosio, Milán.
San Ambrosio e o emperador, por van Dyck.

Ambrosio de Milán, nado en Tréveris no 340 e finado en 397, foi un dos Pais da Igrexa occidental. Persoeiro de enorme influencia moral e autor esencial dos primeiros séculos do cristianismo. Marcou para sempre as relacións entre poder imperial e autoridade eclesial.

Bispo súpeto[editar | editar a fonte]

Fillo do prefecto da Galia. Poeta, orador e avogado. O emperador Valentiniano nomeouno gobernador do norte de Italia. En Milán era bispo un seguidor do arianismo: Auxencio. Á súa morte xurdiu un tenso conflito entre os arianos e os fieis á fe do Concilio de Nicea. Co fin de calmar os ánimos Ambrosio persoouse na igrexa onde se ía elixir ao novo prelado. Alí dirixiu unha exhortación á paz que provocou o entusiasmo unánime dos que o escoitaban. A multitude unanimemente proclamouno a el bispo sorpresivamente e pese ás súas resistencias. De feito, non estaba sequera bautizado. Desconcertado pola aclamación, Ambrosio tratou de fuxir de Milán. Pero o propio Valentiniano impulsouno a aceptar, alegando que estaba moi compracido de ter nomeado un gobernador digno de ser bispo. Finalmente, xa que logo, aceptou, recibindo o bautismo e a consagración episcopal o 7 de decembro do ano 374.

Pastor e predicador[editar | editar a fonte]

Entón repartiu os seus bens aos pobres e cedeu á Igrexa Católica ás súas terras. Encargou ao seu irmán Sátiro a administración da diocese para dedicarse de cheo a labores pastorais e para centrarse no estudo da Biblia e de autores como Oríxenes e San Basilio o Grande. Vivía de xeito frugal e calquera fiel podía entrevistarse con el. Un deles será o dubitativo Santo Agostiño de Hipona a quen marcaría fondamente.

Ambrosio predicaba de maneira que impactaba no auditorio, ata o punto de que as nais impedían que as fillas acudisen a escoitalo por medo a que optaran pola virxindade. Tal era a alarma que chegou a acusárselle da despoboar Milán. El alegaba que non se podía citar un caso na súa diocese de home que quixera casarse que non atopara unha rapaza disposta e insistía que o perigo para a poboación era a guerra e a insolidariedade cos pobres. Para el a estima pola virxindade acrecía o valor do vida en parella.

Naquel entón os godos fixeran estragos en diversas partes do Imperio. Ambrosio recadou diñeiro para rescatar aos cativos e prisioneiros chegando a fundir o ouro dos vasos sagrados da Igrexa. O arianos criticáronlle esta medida descualificándoa como sacrilexio Se a Igrexa ten ouro non é para atesouralo senón para empregalo a prol dos necesitados, retrucou Ambrosio.

Consecuencia da súa preocupación polos enfermos, doentes e marxinados foi a creación de hospitais e albergues que promoveu

Relacións co poder imperial[editar | editar a fonte]

Tras o asasinato do Graciano, Ambrosio atendeu os rogos, especialmente de Xustina, a nai emperatriz, para negociar co usurpador Magno Máximo conseguindo de este que non atacase a Valentiniano II.

A nai emperatriz e influentes persoeiros da Corte imperial quixeron entregar determinados templos da Igrexa aos arianos, pero Ambrosio opúxose con firmeza. O propio emperador decidiu obrigarlle á cesión pola forza das armas o que soliviantou ao pobo e mesmo a unha parte das tropas dispostas a defender a causa de Ambrosio, chegando a secuestrarse a un sacerdote ariano. Ambrosio interveu para calmar á multitude e esixiu a liberación do sacerdote ariano; non cedeu os templos, pero non oficiou neles para non provocar aos adversarios.

A resistencia a entregar os templos aos arianos exacerbou a decisión do emperador e a súa nai. Aquel decretou a pena de desterro e anunciou duras represalias para os que se negaban á cesión en beneficio dos arianos. O pobo cristiá temoroso recluíuse co seu bispo na basílica onde foi cercado polas tropas imperiais. Ambrosio aproveitou para aprenderlles himnos e cánticos que el mesmo compuxera (o canto ambrosiano é un precedente do canto gregoriano). Nesa reclusión proclamou á multitude algo que marcaría a mentalidade relixiosa da próxima a chegar Idade Media: O emperador está na Igrexa, pero non sobre a Igrexa.

Estas tensións esvaíronse cando o propio emperador volveu a acudir a Ambrosio para deter a Máximo que novamente ameazaba con derrocalo dende as Galias. Esquecendo os recentes aldraxes e disputas, Ambrosio decidiu colaborar. Acudiu a Tréveris onda Máximo e acusoulle sen temor de deslealdade pola invasión que planeaba. Máximo presentábase como un campión da causa católica e contaba co apoio dos prelados de Tréveris, pero Ambrosio non se deixou dobregar no seu xuízo e mesmo se negou a manter a comuñón con aqueles prelados por teren participado na execución de Prisciliano que Ambrosio desaprobaba.

Máximo invadiu Italia, o emperador fuxiu, mentres Ambrosio púñase ao fronte do seu pobo en Milán sen recoñecer a lexitimidade do usurpador. Será Teodosio I, o emperador de Oriente, quen derrotará a Máximo e restablecería ao emperador de occidente Valentiniano, exhortándolle a que abandonase o arianismo. En realidade, era Teodosio o novo amo da totalidade do Imperio.

No ano 390, chegou a noticia da matanza ordenada por Teodosio en Tesalónica. O Gobernador Buterico ordenara encarcerar ao auriga por seducir a unha serventa. O pobo que quería velo correr no circo alporizouse e matou a varios oficiais e ao propio Buterico. Teodosio ordenou unha dura represalia que custou a vida dunhas 7000 persoas. Ambrosio, indignado, escribiu ao emperador: Os sucesos de Tesalónica non teñen precedente. Sodes humano e caestes na tentación. Aconséllovos, prégovos e suplícovos que fagades penitencia. Vos, que tantas veces vos mostrastes misericordioso perdoando aos culpables, mandastes matar a moitos inocentes. Escríbovos isto da propia man. Teodosio era consciente que a autoridade moral do bispo entre o pobo faría que este non recoñecese o seu poder de emperador se non se sometía a facer pública penitencia. Ambrosio non facía distinción de persoas e podía excomungar ao emperador polos seus crimes de non amosar este a todos o seu arrepentimento. Cousa que fixo con toda humildade ata recobrar o favor do bispo e dos fieis. Era a primeira vez que un Emperador sometíase á instancia moral da Igrexa para non ver menoscabada a súa lexitimidade.

Esta supeditación do Emperador manifestouse tamén no culto. A diferenza do que acontecía en Constantinopla onde Teodosio ocupaba un lugar relevante no presbiterio, Ambrosio esixía ao emperador que se sentase cos demais.

Influencia[editar | editar a fonte]

Ambrosio foi un predicador agudo e vivo, moitas das súas obras son en realidade recompilación dos seus sermóns. Nelas describiu con solemnidade a dignidade conferida polo Creador ao ser humano (obra mestra de Deus, cumio do universo e beleza suprema de todo ser creado), saiu en defensa dos pobres como imaxes de Cristo, proclamou o valor da xustiza, a necesidade do perdón divino que lava as culpas e a prevalencia do amor como síntese e cume da moral cristiá. Para el a esmola non era mera compaixón senón restitución do previamente roubado ao pobre por aqueles que vivían na abundancia. Exhortaba á misericordia e a mansedume, virtudes das que foi exemplo, aínda que hoxe hai quen ve criticamente a súa intolerancia fronte aos privilexios reclamados polos partidarios do paganismo, a súa parcialidade a prol dos bispos cristiáns nos seus conflitos cos xudeus e a súa actitude desafiante, aínda que sempre pacífica, fronte ás autoridades imperiais arianas en defensa da comunidade eclesial fiel ao Concilio de Nicea.

Coñecía a fondo a Cicerón e a Plotino, e puxo o pensamento cristiá á altura dos pensadores clásicos latinos acollendo aqueles aspectos que eran compatibles coa fe da Igrexa. Na súas obras dedicadas a Graciano De Fide ad Gratianum e De Spiritu Santo ad Gratianum Augustum pretende ilustrar ao emperador fronte aos que consideraba como erros do arianismo.