De Civitate Dei

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A cidade de Deus
Manuscrito do ano 1470
Título orixinal De civitate Dei
Autor Agostiño de Hipona
País Imperio Romano
Lingua Latín

A cidade de Deus (cuxo título latino orixinal é De civitate Dei contra paganos, é dicir A cidade de Deus contra os pagáns) é unha obra en 22 libros de Agostiño de Hipona que foi escrita durante a súa vellez e ao longo de quince anos, entre 412 e 426. É unha apoloxía do cristianismo, na que se confrontan a Cidade Celestial é a Cidade Pagá. As numerosas digresións permítenlle ao autor tratar temos de moi diversa índole, como a natureza de Deus, o martirio ou o xudaísmo, a orixe e a substancialidade do ben e do mal, o pecado e a culpa, a morte, o dereito e a lei, a continxencia e a necesidade, o tempo e o espazo, a Divina providencia, o destino e a historia, entre outros moitos temas.

Presentación[editar | editar a fonte]

O libro estruturase a partir da contraposición entre a Cidade de Deus (que representa o Cristianismo, e polo tanto a verdade espiritual) e a cidade pagá (que representa a decadencia e o pecado). No prólogo mesmo se expón esta dicotomía:

A gloriosísima cidade de Deus, que no presente correr dos tempos se encontra peregrina entre os impíos vivindo da fe, e a espera xa agora con paciencia a patria definitiva e eterna ata que haxa un xuízo con auténtica xustiza, conseguirá entón con creces a vitoria final e unha paz completa. Pois ben, meu querido fillo Marcelino, na presente obra, emprendida a instancias túas, e que che debo por promesa persoal miña, propúxenme defender esta cidade en contra de aqueles que antepoñen os propios deuses ao seu fundador

O autor estaba conmocionado pola caída de Roma a mans de Alarico I. O desconcerto que provocou a entrada dos bárbaros na cidade onde residía o Papa, e que fora referente do Cristianismo desde Constantino I e especialmente desde Teodosio I, fíxolle cuestionarse acerca do feito da desaparición dunha civilización enteira. A resposta a esta cuestión é que o edificio ao cal convén aliarse e no cal convén traballar non é a Cidade dos Homes, senón a Cidade de Deus. O obxectivo desta obra é, por tanto, examinar a oposición entre ambas cidades, as súas orixes, o seu desenvolvemento e o seu final:

As dúas cidades, en efecto, encóntranse mesturadas e confundidas nesta vida terrestre, ata que as separe o xuízo final. Expoñer o seu nacemento, o seu progreso e o seu final, é o que vou a intentar facer, coa axuda do ceo e para gloria da Cidade de Deus, que fará vivo o resplandor de este contraste.

Desde o primeiro momento (libros 1 ao 10), Agostiño trata a relixión da Antigüidade como supersticiosa: por un lado, refuta que se adore aos deuses polo simple motivo das vantaxes que reporten (libros 1 a 5), e por outra parte, contradí aos que buscan por esa mesma vía a felicidade eterna (libros 6 a 10). Os libros 11 a 22 consagran a orixe e a oposición entre ambas cidades.

Contexto da obra[editar | editar a fonte]

Agostiño escribiu o tratado para explicar a relación do cristianismo coas outras relixións e a filosofía, así como a súa relación co goberno romano, co cal estaba cada vez máis entrelazado. Foi escrito pouco despois da invasión polos Godos no ano 410. Este acontecemento deixou aos romanos nun estado de perplexidade, e moitos viron esta invasión como un castigo por abandonar a relixión tradicional romana polo cristianismo. Agostiño intenta consolar aos cristiáns neste ambiente, escribindo que, incluso se o goberno terreal do Imperio estaba en perigo, finalmente triunfaría a Cidade de Deus.

A pesar da designación do cristianismo como a relixión oficial do Imperio, Agostiño declarou que a súa mensaxe era máis espiritual que política. O cristianismo, dicía, debería estar preocupado pola cidade mística, divina -Novo Xerusalén-, máis que pola política terreal. O libro presenta a historia humana como un conflito entre o que Agostiño chama a Cidade do Home e a Cidade de Deus, un conflito que sempre acabará gañando a cidade divina. A cidade de Deus está marcada pola xente que esqueceu o pracer terreal pola dedicación ás verdades eternas de Deus, agora reveladas totalmente na fe cristiá. A Cidade do Home, por outra parte, consiste na xente que se somerxeu nos coidados e praceres do presente, pasando do mundo.

Estrutura[editar | editar a fonte]

De civitate Dei, segundo Agostiño de Hipona pode ser dividida en dúas partes. A Parte I, que comprende os Libros I-X, é polémica no seu estilo e dedicada a unha crítica da cultura romana e os seus costumes (Libros I-V) e de filosofía pagá (Libros VI-X). Os intérpretes a miúdo toman estes dez primeiros libros como para estar en correspondencia ca Cidade Terreal, en contraste coa Cidade de Deus da cal se fala na segunda parte, que comprende os doce libros restantes. A Parte II é onde Agostiño pasa de criticar a postular unha relación coherente entre a Cidade de Deus e unha Cidade Terreal subordinada a primeira.

Parte I (Libros I-X):

  1. Libros I-V: Crítica de Roma
  2. Libros VI-X: Crítica da filosofía pagá

Parte II (Libros XI-XXII):

  1. Libros XI-XIV: A orixe das dúas cidades
  2. Libros XV-XVIII: A súa historia

Puntos clave da obra[editar | editar a fonte]

O saqueo de Roma polos godos (libro primeiro)[editar | editar a fonte]

Os romanos interpretaron o saqueo como un castigo divino, e atribuírono á relixión cristiá e, en particular, á prohibición do culto aos deuses. Agostiño alzase contra esta opinión. Por un lado, os deuses romanos son incapaces de protexer aos pagáns, e é o nome de Cristo o que, en medio do horror xeral, foi capaz de salvar a numerosas persoas, incluso ás non cristiás. Serían así precisamente aqueles que foron salvados os que mostrarían unha enorme ingratitude cara o seu salvador. Por outra parte, tanto os crueis como os bondadosos sofren o mal en esta vida. Para xustificar o mal, Agostiño expón que os malvados sofren para ser corrixidos, e os bos para confirmarse na súa virtude e evitar as faltas no futuro. Sinala que non debe dárselle importancia ao sufrimento corporal: só a conciencia é para nos o testemuño da nosa pureza. Por exemplo, as nais e as virxes que foron violadas polos bárbaros durante o saqueo non deben ter sentimento de culpa se manteñen interiormente a virtude da castidade. Non deben polo tanto cometer suicidio, xa que a dignidade das mulleres permanece intacta. Ademais, Agostiño demostra que non é culpa da relixión cristiá a invasión dos godos, co exemplo que cando os invasores entraron a saquear, respectaron os templos cristiáns, xa que eles mesmos eran arrianos, unha variante da relixión cristiá.

O culto aos falsos deuses romanos (libro décimo) e a verdadeira orixe do poder de Roma (libro cuarto)[editar | editar a fonte]

Agostiño expón que Roma nunca foi protexida polos deuses, posto que son falsos. O que recibiu Roma dos seus deuses foi o vicio e a corrupción da alma (libro segundo) e o amor polos bens terreais (libro terceiro).

Agostiño mostra que non foron os deuses os que lle deron a grandeza a Roma, senón o decreto soberano de Deus, único e verdadeiro.

Importancia e valor da obra[editar | editar a fonte]

A pesar da designación do cristianismo como relixión oficial do Imperio, Agostiño expuxo que a súa mensaxe é máis espiritual que política. O cristianismo, segundo el, debese referir a cidade mística e divina de Xerusalén (a nova Xerusalén) e non tanto á cidade terreal. A súa teoloxía serviu para definir a separación entre Igrexa e Estado, algo que caracterizaría as relacións políticas de Europa occidental, fronte ao Este bizantino, onde o espiritual e o político non mostraba unha separación tan evidente.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: De Civitate Dei
Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de: De Civitate Dei

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • San Agostiño. Obras completas de San Agostiño. 
  • –. De civitate Dei; Vida de San Agostiño. 
  • – (2007). De civitate Dei (libros I-VIII). 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]