Graza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Man de Deus nun sartego de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela

No cristianismo, o Amor de Deus por todos e cada un dos homes na súa dimensión de don gratuíto outorgado sen merecemento nin boas obras. É ese amor manifestado na vida, morte e resurrección de Xesús de Nazaret o que, segundo a opinión da maior parte das confesións cristiás, trae á humanidade á salvación, reconciliándoa con Deus Pai.

Fontes[editar | editar a fonte]

A primeira vez que aparece descrita e anunciada esta experiencia é nas cartas de San Paulo de Tarso; que son os primeiros documentos cristiáns escritos que se conservan. A idea da graza como don que se acolle dende a fe e ten como froito a xustificación sen as boas obras da Lei de Moisés é o fío condutor da Carta aos Romanos e a Carta aos Gálatas.

Entre os Pais da Igrexa, quen máis desenvolveu esta vivencia, dende un punto de vista conceptual, foi San Agostiño de Hipona. Faino en obras como de gratia et libero arbitrio, e de natura et gratia. Particularmente, enfatizou a idea na súa polémica cun dos autores cristiáns máis influentes Pelaxio, xustamente considerado como un herexe por defender que o home se salva debido á súa virtude e ás súas boas obras.

A experiencia da bondade gratuitamente ofrecida supón que non haxa lugar, na experiencia cristiá auténtica, para o orgullo,a vangloria ou o desprezo dos demais. A humildade como actitude primixenia da vivencia do crente será unha constante nos escritos dos pensadores cristiáns e dos doutores da Igrexa.

A Reforma[editar | editar a fonte]

Será Martiño Lutero quen no século XVI, defenda esta idea dun xeito radical, abríndose unha interpretación que puña en cuestión as indulxencias, e unha relixiosidade que volvera ao medo á condenación e á merca da salvación mediante todo tipo de prácticas. Para Lutero, seguindo a S. Paulo e a S. Agostiño, o home, en canto escravo do pecado, débelle a salvación á misericordia e o perdón de Deus a través de Cristo, e non a mérito ningún pola súa parte. Esta será a idea central do protestantismo, que axiña denunciará a práctica institucional de Igrexa Católica e provocará a condena por parte desta e a división que permanece ata hoxe no cristianismo occidental.

Concepción católica[editar | editar a fonte]

Para a Igrexa católica, a salvación ou xustificación é obra da soa graza de Deus, pero entende que a aceptación persoal coopera na acción xustificadora de Deus, aínda que recoñece que tal cooperación é tamén en si mesma acción do Espírito Santo.

Para a Igrexa católica a graza do perdón e a experiencia do amor gratuíto de Deus conleva o regalo dunha renovación do home interior, dunha vida nova no amor que produce boas obras. Isto é a santidade. Esta vida nova ten un carácter difusivo da que se benefician, na dinámica dun amor sen límites, os demais homes (dogma da comuñón dos santos).

A doutrina católica sostén que nin pecado orixinal nin ningún pecado é capaz de destruír a imaxe de Deus e a arela de bondade que todo home conleva na súa estrutura ontolóxica. Así, se ben ninguén pode merecer a graza primeira que ten como froito a conversión, esta xera un amor activo que, pola resposta libre do home, fai que non sexa desacertado falar de que o crente poida logo merecer as demais grazas útiles para a transformación interior e a realización das boas obras que conducen á obtención da vida eterna. Será na contrarreforma e no Concilio de Trento onde se definan, de xeito pretendidamente definitivo, as posicións da Igrexa Católica ao respecto.

Concepción luterana[editar | editar a fonte]

Para as igrexas luteranas, o ser humano é incapaz de poñer nada da súa parte que propicie ou favoreza a propia salvación. O home só pode recibir a xustificación pasivamente.

Os luteranos non negan que a concesión do perdón non dea como froito unha vida renovada en unión con Cristo. Pero esta vida renovada non é a que provoca a salvación. A xustificación non depende das experiencias ou accións da vida nova do crente senón do exclusivo favor de Deus. Por isto, para Karl Barth, a graza só é graza cando é recoñecida como inconcibible.

Os pensadores luteranos admiten que as estruturas ontolóxicas do ser humano non poden ser destruídas polo mal, pero que a súa realización óntico existencial está determinada enteiramente pola escravitude do pecado. Lembran a expresión de Lutero de que o amor de Deus non encontra previamente o seu obxecto, senón que o crea: os pecadores son fermosos por seren amados e non son amados por seren fermosos (Martiño Lutero nas súas Desputas de Heildelberg)

Dietrich Bonhoeffer, no seu libro O Prezo da Graza, ten advertido, porén, contra un concepto de graza que non condena o mal e o pecado e se convirte nun mero consolo superficial. Para el a graza é auténtica se chama ao seguimento, se move á unión con Cristo e á renuncia ao propio ego. Segundo á súa concepción, a experiencia do perdón libre e incondicional de todos os pecados move a unha esixencia máis radical ata o sufrimento e o desprezo como resposta ao amor de Cristo.

Ultimamente, autores como Hans Küng teñen intentado demostrar que non existe unha incompatibilidade insalvable entre as concepcións católicas e as protestantes. Oficialmente, en 1999 asinouse unha declaración conxunta entre a Federación Luterana Mundial e o Pontificio Consello para a promoción da unidade dos cristiáns, que supón un achegamento importante nas formulacións católicas e protestantes, no camiño do ecumenismo.