Fisterra
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital de | |||||
Capital | Fisterra | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 4.697 (2023) (159,6 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 29,43 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcaldesa | Áurea Domínguez Sisto | ||||
Eleccións municipais en Fisterra | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15155 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15037 | ||||
Sitio web | concellofisterra.com |
Fisterra (do latín finēs terrae, 'os confíns da terra')[1][2] é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra. Segundo o IGE en 2017 tiña 4734 habitantes (5.005 no 2009, 5009 no 2006, 5042 no 2005, 5093 no 2004, 5141 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «fisterrán».
Toponimia
[editar | editar a fonte]O topónimo ten orixe latina, de finēs terrae 'os confíns da terra'.[1] Antigamente pensábase que o cabo Fisterra era o punto máis occidental do mundo coñecido, ao veren as lexións romanas o afundimento do sol nas augas do océano Atlántico.
Segundo outra teoría, o topónimo latino puideron importalo no século XII os monxes cistercienses do mosteiro de Toxos Outos, por analoxía co Finistère bretón, nomeado a partir da abadía S. Mahé fine-terre.[3][4] Aparece mencionado en 1199 e posteriormente como finibusterre (en caso ablativo, dos confíns da terra).[3][1]
Xeografía
[editar | editar a fonte]O municipio de Fisterra é unha península que penetra no océano Atlántico. O seu relevo é bastante accidentado e alcanza a máxima altitude nos montes próximos a Cee (Seoane, 249 m; San Xoán, 247 m; Veladoiro, 241 m) e no Facho (247 m), onde descende bruscamente cara ao mar configurando esa paisaxe enérxica e ata abrupta, que singulariza o concello. Entre ambos os bloques graníticos esténdese o istmo de Langosteira, formado por sedimentos cuaternarios.
Na costa sucédense grandes areais (O Rostro, Mar de Fóra, Lagosteira, Sardiñeiro) e abruptos cantís entre os que sobresaen o Cabo da Nave, o Faro e o Monte Facho.
Clima
[editar | editar a fonte]O réxime termopluviométrico é o típico deste sector costeiro, temperaturas suaves (14,4 °C de media) e precipitacións que non superan os 1000 mm, sendo un dos enclaves menos pluviosos da costa galega.
Historia
[editar | editar a fonte]Os restos arqueolóxicos achados nas parroquias de San Martiño e San Vicente de Duio fixeron pensar na existencia dun importante asentamento lacustre que máis tarde sería romanizado. Nestas parroquias atopáronse restos do que sería a vía romana per loca maritima que conducía ata a fin da terra coñecida onde, segundo a lenda, estaría o Promontorium Nerium e o "Ara Solis" lugar de adoración ao Sol construído polos fenicios e supostamente mandado destruír polo Apóstolo Santiago, nome que mantén a praza da vila.
Desde a idade media estas terras convertéronse en termo do peregrino xacobeo, que prolongaba ata aquí o seu camiño para venerar as reliquias de San Guillerme e a imaxe do Santo Cristo. Segundo Benjamín Trillo Trillo, O camiño de Santiago é o resultado da cristianización dun ancestral camiño pagán para ver morrer o Sol na fin do mundo[5]. Co fin de acoller os numerosos peregrinos, en 1749 construíuse o Hospital de Peregrinos da nosa Señora do Rosario. Os peregrinos e peregrinas que fan o camiño de Santiago adoitan rematar aquí a súa viaxe.
A tradición oral mestura lendas de temática relixiosa, marítima e pétrea, como as da ermida de San Guillerme, a Orca Vella, Pedras Santas, Santo Cristo de Fisterra ou a cidade de Dugium.
En 1544 houbo unha batalla contra os franceses. En 1805 os franceses foron aliados contra os ingleses, e en 1809 distinguíronse pola resistencia contra a invasión francesa, aínda que non puideron evitar o desmantelamento do castelo de San Carlos, construído no século XVII para a defensa do porto.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]A vila de Fisterra está formada por un núcleo antigo crecido en anfiteatro sobre o peirao.
O castelo de San Carlos foi construído a mediados do século XVIII dentro dun plan defensivo da ría de Corcubión xunto co castelo do Príncipe, en Ameixenda (Cee) e o castelo do Cardeal, en Corcubión.
Deseñado polos enxeñeiros Lemaur e Exarch, en 1757 iniciouse a súa construción, co reformulamento xeral, a explanación do soar, a cimentación sobre rocha a base de pedra e barro e un tramo de muralla. Ten forma irregular para adaptarse ao terreo rochoso sobre o que está asentado.
Foi rematado en 1767, por Real Orde de Carlos III. No asalto francés a Fisterra durante a Guerra da Independencia Española sufriu un incendio que comportou a súa destrución. Ata entón contaba con tres frontes e unha nave interior coa dependencia do oficial, o cuartel e a polvoreira. Posteriormente reformouse a nave central, e foi restaurado recentemente.
Poboación
[editar | editar a fonte]
| ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Censo total 2014 | 4824 habitantes | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Menores de 15 anos | 566 (11.73 %) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Entre 15 e 64 anos | 3122 (64.72 %) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Maiores de 65 anos | 1136 (23.55 %) |
Economía
[editar | editar a fonte]Fisterra, terra de gran tradición marítima, vive cara ao mar. O peirao da vila acolle boa parte da actividade económica. A frota está formada por pequenos barcos de baixura que utilizan diversas artes de pesca coma o palangre, nasas ou vetas, poxando as capturas na lonxa e xunto co turismo, xera unha demanda de servizos, avituallamento de barcos, carga e descarga, hostalaría, administración, etc., que dá ocupación a boa parte da poboación.
Os restantes sectores, a agricultura de subsistencia, a industria e construción completan o cadro económico do municipio.
Fisterra na literatura popular
[editar | editar a fonte]- O Cristo de Finisterre/ ten unha pistola d'ouro// pra matar aos do Son/ por riba de Monte Louro [6].
- Os de Noia son borrachos,/ os de Muros aloqueiros,/ os de Fisterra son mouros,/ e os do Son sonche bucheiros [7]
- Santo Cristo de Fisterra,/ Santo da barba dourada,/ axúdame a remontar/ a laxe de Touriñana [8][9][10].
- Santo Cristo de Fisterra,/ Santo da barba dourada,/ veño de tan lonxe terra,/ Santo, por che ver a cara./ Veño da Virxe da Barca,/ veño de abalar a pedra./ Tamén veño de vos ver,/ Santo Cristo de Fisterra [11].
- Santo Cristo de Fisterra,/ ten unha pistola de ouro/ para matar os do Son/ por riba do Monte Louro [12].
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Fisterra.
-
Camiño de Santiago, Fisterra.
-
Vista da vila.
-
Castelo de San Carlos.
-
Capela da Nosa Señora do bo Suceso.
-
O Cabo.
-
Vista desde o cabo.
-
Igrexa parroquial de santa María das Areas de Fisterra.
Lugares de Fisterra
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Fisterra vexa: lugares de Fisterra.
Praias
[editar | editar a fonte]O territorio do municipio é principalmente rodeado polo mar e ofrece excelentes praias, dependendo da posición con augas fortes ou tranquilos (na sombra do cabo Fisterra).
Parroquias
[editar | editar a fonte]Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Fisterra | |
---|---|
Duio (San Vicenzo) | Fisterra (Santa María) | San Martiño de Duio (San Martiño) | Sardiñeiro (San Xoán) |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Navaza (coordinador), Gonzalo. "Os nomes dos concellos da provincia da Coruña". toponimia.xunta.gal; Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. Consultado o 2024-08-26.
- ↑ Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 278 páx. ISBN 978-84-9865-892-1
- ↑ 3,0 3,1 "El origen francés de Fisterra". LVG; Satti Bouzas J.G. (en castelán). 2005-11-08. Consultado o 2024-08-26.
- ↑ GUEGADEN, Jean-Louis. "Penmarc'h et ses Historiens - Dom Taillandier". KBC Penmarch (en francés). Consultado o 2024-08-26.
- ↑ Trillo Trillo, Benjamín (1982). Las huellas de Santiago en la cultura de Finisterre. Finisterre: Ayuntamiento de Finisterre. ISBN 978-84-500-8624-9. OCLC 431330018.
- ↑ Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: d-ouro, Montelouro.
- ↑ Cantigas do viño. Aloque ou aloqueiro significan pantano, lameira, e, por extensión, atranco, dificultade, compromiso. Bucheiro pode significar barrigán, tripón; ou pescador de bucheiros, nome local dos muxos.
- ↑ Refírese á punta do cabo Touriñán, situado na parroquia do mesmo nome, no oeste do concello de Muxía.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 183.
- ↑ Lino Lema Bouzas 1993, 13. No orixinal: da Touriñana.
- ↑ Copla une a devoción ao Cristo de Fisterra e á Virxe da Barca.
- ↑ Monte Louro é lugar da parroquia de Louro, en Muros. Fermín Bouza-Brey 1929, 184. No orixinal: ôs do Son.
- ↑ "Visor Sixpac Xunta de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 07 de setembro de 2017. Consultado o 16 de maio de 2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fisterra |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- ANÓNIMO: Cantigas do viño. Edicións Castrelos, Col. O Moucho 6, Vigo 1968.
- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
- CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 1931.
- LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
- TRILLO TRILLO, Benjamín: "As pegadas de Santiago na cultura de Fisterra". Concello de Fisterra, 1982. ISBN 9788450086249.