Fachada da Acibecharía
A fachada da Acibecharía é a fachada norte da catedral de Santiago e foi construída por Lucas Ferro Caaveiro, substituíndo á anterior, románica, chamada do Paraíso, que fora construída polo Mestre Bernardo en 1122. É o acceso á catedral dos peregrinos que seguen os camiños Francés, Primitivo e Inglés a través da Porta Francíxena[1].
Debe o nome ó gremio dos artesáns do acibeche, que traballaban na rúa que accede á praza ante a que se abre a fachada, hoxe chamada praza da Inmaculada.
Fachada románica
[editar | editar a fonte]A portada románica fora construída en 1122 por Bernardo, mestre de obras da catedral[2], pero boa parte das esculturas que a compoñían se atribúen ó Mestre Estevo, tamén autor dalgunhas esculturas de Praterías. Alejandro Barral describe así o estilo do mestre Estevo: "Son figuras vigorosas, con rostros de pómulos inchados, ollos avultados e grosos labios, coa cabeleira en guedellas onduladas. As coidadas anatomías transparéntanse baixo roupas convencionais, en pregues paralelos en U, como sinatura do mestre"[3].
Recibiu o nome de Portada do Paraíso porque o relato iconográfico representaba a Deus no paraíso, aínda que López Pereira cita a posible orixe no significado da palabra latina paradiso como adro da igrexa [4].
No Códice Calixtino faise unha detallada descrición da portada románica[5].
"Enriba da columna pegada ó muro, que separa os dous pórticos pola parte de fóra, está o Señor sentado en trono de maxestade, impartindo a bendición coa dereita e cun libro na esquerda. Rodeando o trono, como para sostelo, aparecen os catro evanxelistas. Á súa dereita represéntase o paraíso, onde o Señor volve aparecer reprendendo a Adán e Eva polo seu pecado; á esquerda, noutra representación, expulsándoos do paraíso. Alí mesmo, por todo arredor, hai representados un sen número de imaxes de santos, bestas, homes, anxos, mulleres, flores e demais criaturas, das que non podemos facer unha descrición do seu significado e calidade, debido ó seu gran número. Nembergante, enriba da porta da esquerda, segundo entramos na catedral, ou sexa, no tímpano, está esculpida a Anunciación da benaventurada Virxe María. Aparece tamén alí o Anxo Gabriel dirixíndolle a palabra. Á esquerda da entrada lateral, sobre das portas, aparecen labrados os meses do ano e outras moitas e fermosas representacións.
Nas paredes, pola banda de fóra, aparecen dous enormes e feros leóns, un á dereita e outro á esquerda, que miran sempre cara á porta, coma se vixiasen.
Nas xambas, na parte alta, aparecen catro apóstolos sostendo na súa man esquerda cadanseu libro, e coa dereita erguida abenzoan ós que entran na catedral.
Na porta da esquerda está Pedro ó lado dereito, e Paulo ó esquerdo. E na porta da dereita está o apóstolo Xoán ó lado dereito, e Santiago ó esquerdo. Ademais, enriba de cada unha das cabezas dos apóstolos, aparecen esculpidas unhas cabezas de boi que salientan dos linteis".Guía do peregrino, pp. 132-133.
A fachada orixinal tivo que ser demolida tras sufrir un incendio en 1758[6]. Trala restauración, moitas das esculturas foron recolocadas noutras áreas da catedral, especialmente na fachada das Pratarías, e outras pasaron a formar parte da colección do Museo da Catedral. Desgraciadamente, outras desapareceron ou non están identificadas.
Entre as imaxes identificadas que hoxe se poden ver no pórtico das Praterías pódense citar o Cristo en maxestade e o símbolo do evanxelista Mateu, a Expulsión do paraíso, o Sacrificio de Isaac, Muller con cachorro de león, Mozo cabalgando sobre un galo, o Mes de febreiro, Saxitario e Piscis.
No Museo da catedral consérvase o relevo da Reconvención de Adán e Eva, Mes de febreiro e Muller cun acio de uvas, así como unha Figura sedente cuxo estado de conservación non permite relacionala coa descrición do Códice Calixtino. A Reconvención de Adán e Eva foi identificada por Antonio López Ferreiro cara 1900 nunha casa particular de Santiago. Posteriormente entrou na colección Blanco-Cicerón e, co tempo, depositouse no Museo. O relevo do Mes de febreiro foi identificado por Serafín Moralejo cara 1961, quen relacionou a referencia do Códice ós meses do ano con representacións de traballos e actividades propias de cada mes; este relevo representa unha figura sentada, quentándose ó lume.
A Fons mirabilis
[editar | editar a fonte]Na praza fronte á Acibecharía existía unha gran fonte, a Fons mirabilis, construída polo mestre Bernardo para acoller os peregrinos que chegaban á catedral pola Porta Francíxena. Esta fonte foi trasladada ó claustro da catedral cando se construíu a actual fachada.
"Á fin da escada deste adro [da porta Francíxena] hai unha admirable fonte que non ten parella no mundo. Esta fonte aséntase enriba de tres chanzos de pedra, que sosteñen unha fermosísima cunca de pedra, de forma circular e cóncava, [...] No centro dela érguese unha columna de bronce, grosa no fondo, heptagonal e de proporcionada altura. Do seu remate xorden catro leóns, que deitan polas súas bocas catro chorros de auga para refrixerio dos peregrinos de Santiago e dos habitantes da cidade. [...] Na columna de bronce, debaixo das gadoupas dos leóns, está gravado, todo arredor, en dúas liñas, este texto: 'Eu Bernardo, tesoureiro de Santiago, fixen esta condución de auga e levei a cabo a presente obra para remedio da miña alma e das dos meus pais, o día terceiro do idos de abril da era MCLX'" [11 de abril de 1122]Guía do peregrino, p. 129
Fachada barroca
[editar | editar a fonte]A nova fachada foi proxectada en estilo barroco por Lucas Ferro Caaveiro, quen comezou as obras e realizou o primeiro e segundo corpo. Con esta obra, Ferro Caaveiro buscaba uniformar a praza e darlle á fachada da catedral o esplendor da fachada do mosteiro de San Martiño Pinario, situado na fronte, á vez que se ampliaba o Palacio Episcopal, ó noroeste da catedral.
Cando presenta en 1762 o proxecto do remate da fachada, o cabido non o acepta e solicita un novo proxecto a Ventura Rodríguez, proxecto que se presenta en 1765 coa recomendación de que as obras as dirixise Domingo Lois Monteagudo. Este, xunto a Clemente Fernández Sarela remataron a fachada en 1769, en estilo neoclásico, se ben conserva algúns trazos barrocos[7].
Lois Monteagudo modifica o segundo corpo e introduce dous medallóns coas efixies dos reis e, no centro, a estatua da Fe, obra de Xosé Gambino. E engade un terceiro corpo cun frontón central curvo sostido por atlantes e, sobre el, unha estatua de Santiago peregrino, do século XVIII, con dous reis aos seus pés en posición de oración: Afonso III e Ordoño II; son todas obras de Máximo Salazar.
Restauración
[editar | editar a fonte]O Plan Director da catedral de Santiago, redactado en 2010 pola Consellería de Cultura e o Cabido Catedralicio, puxo de manifesto a situación de numerosos elementos en tódolos edificios e estruturas da catedral que esixían unha limpeza ou restauración máis ou menos urxentes.
O plan de restauración comezou pola fachada da Acibecharía, na que se detectaran gretas, ferros oxidados, abundante vexetación nas xuntas das pedras, humidades etc., que estaban afectando seriamente a pedra. As obras déronse por rematadas en outubro de 2011[8].
Buscaba repoñer, no que fose posible, a imaxe orixinal da fachada, para o que se procedeu a unha limpeza xeral da fachada eliminando liques e plantas, así como concrecións calcarias, e, posteriormente, se traballou en reconstruír fragmentos perdidos de cornixas e beirís e mesmo nas obras escultóricas, pegar pezas agretadas, eliminar grampas de ferro oxidadas ou rotas e asegurar a evacuación correcta das augas de chuvia. Finalmente, procedeuse a substituír as ventás de madeira e a restaurar as reixas exteriores e os portóns de entrada.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Cando nós, os franceses, queremos entrar na basílica do Apóstolo, facémolo pola porta setentrional" (Guía do peregrino, p. 129).
- ↑ "Os mestres canteiros que comezaron a construción da basílica de Santiago chamábanse don Bernardo o Vello, admirable mestre, e Roberto" (López Pereira: Guía medieval do peregrino, p. 139.
- ↑ Alejandro Barral, 43.
- ↑ López Pereira: Guía medieval do peregrino, p. 132.
- ↑ Lémbrese que o que interesa neste sentido, a Guía do Peregrino, o libro V, foi escrito entre 1135 e 1140.
- ↑ Yzquierdo Peiró menciona unha primeira proposta en 1750 de substituír as portadas do cruceiro (do Paraíso ó norte e de Praterías ó sur) por outras máis modernas.
- ↑ Belda Navarro, Cristóbal (1997). Akal, ed. Los siglos del barroco. Madrid. pp. p. 116. ISBN 84-460-0735-5.
- ↑ "Finaliza la restauración de la fachada de Azabachería de catedral por 25 años", en ABC, 8.10.2011 Arquivado 03 de novembro de 2018 en Wayback Machine.}; "La Catedral de Santiago de Compostela está siendo restaurada", en Menuda es la historia, 18.10.2011; "La xunta de Galicia recibe las obras de restauración de la fachada de Azabacheria de la Catedral", en www.xacobeo.es, 9.12.2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barral Iglesias, Alejandro, e Suárez Otero, José: Catedral de Santiago de Compostela y Museo. Edilesa, León 2003. ISBN 84-8012-435-0.
- López Pereira, X. Eduardo: Guía medieval do peregrino. Códice Calixtino, libro V. Xerais, Vigo 1993.
- Yzquierdo Peiró, Ramón: Museo Catedral de Santiago, Cabido da Catedral, 2011. ISBN 978-84-939061-2-2.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fachada da Acibecharía |