Lucas Ferro Caaveiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casa do Concello de Lugo, 1735-1744, do arquitecto L. Ferro Caaveiro
Sinatura

Lucas Ferro Caaveiro, nado en 1699 en Santiago da Capela (A Capela) e finado en 1770, foi un arquitecto galego, entre os máis sobresaíntes do Barroco.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ferro Caaveiro naceu na provincia de Betanzos. Ignórase todo da súa infancia e con quen se formou. En 1727 actuou como aparellador do mestre de arquitectura Fernando de Casas Novoa nas obras da capela da Virxe dos Ollos Grandes, que forma parte da catedral de Lugo. Esta actividade súa, entre 1727 e 1732, ao que parece, outorgoulle gran prestixio na cidade da muralla, pois moi logo pasaría a ter varias encargos. Así en 1730 realizou o pazo-casa dos Sangro (que sería alterado arredor de 1769). No ano seguinte traballa na capela de San Roque, naquela época sita fóra da muralla, igrexiña simple, de nave única, na que volveu refacer parte das obras en 1734.

En 1735 a corporación municipal da cidade outorgoulle un encargo de maior transcendencia, sendo elixido para realizar as obras do pazo da Casa do Concello. As obras duraron até o ano 1744. O arquitecto mantivo parte das estruturas preexistentes do edificio anterior de Pedro de Artigas, o que sen dúbida debeu limitar o seu traballo. Porén conseguiu erguer un palacete que se converteu nun dos edificios emblemáticos de Galicia, sen dúbida axudado polo espazo da Praza Maior que se lle abre diante, aínda que esta non existía coa amplitude actual. Ferro formou unha edificación de dúas plantas, a inferior, resolta como arcada e a segunda con ocos rectos e dupla balconada. No centro ergueu un ático alzado, coroado con frontón curvo, no que se dispón o escudo de España esculpido en relevo. A cada extremo da fachada situou cadanseu campanario. Entre o ático e as sinetas, varios balaústres moi ornamentados, suxeitos por pequenas volutas, coroan a liña do beiril. Todos estes elementos de remate final rompen a posíbel pesadez horizontal do edificio, que de por si xa estaba alixeirada pola arcada baixa. De abaixo para arriba, o espazo intervanos está ocupado por pilastras en relevo do tipo caixeado, elemento típico do estilo barroco compostelán. O conxunto dota á Casa do Concello lucense de movemento e xogos de luces e sombras. Malfadadamente adosóuselle unha fea torre durante o século XIX, que rompeu a unicidade da obra.

En Santiago[editar | editar a fonte]

Vista parcial da Porta dos Carros do convento de Antealtares, na que traballa Ferro desde 1749.

Marchou posteriormente para Santiago de Compostela para traballar na fachada do Obradoiro da súa catedral, que dirixía o seu mestre Casas Novoa, colaborando como axudante deste, xunto con Clemente Fernández Sarela (1716-1765), que era aparellador oficial da dita sé. Cando falece Casas Novoa, a fins do mes de santos de 1749, será Ferro Caaveiro quen dirixa o remate das obras até febreiro de 1750, ao tempo que pasa a ser mestre arquitecto do cabido catedralicio.

Por esa mesma época, as monxas do mosteiro de San Paio de Antealtares, na mesma Compostela, confían nel para completar a fachada dos Carros, dotada dun miradoiro-torreón, obra na que traballa até 1753, resolvendo dignamente o problema para un espazo practicamente esgonzado, que non permitía boas perspectivas.

En 1754, e na mesma cidade, traza a casa do nº 40 da Rúa Nova, de catro plantas.

Igrexa de San Frutuoso[editar | editar a fonte]

Nese mesmo ano de 1754, a mediados, proxecta e realiza a última das súas obras importantes, a entón denominada capela das Angustias de Abaixo, actual igrexa de San Frutuoso, na traseira do actual Pazo de Raxoi, fronte ó cárcere municipal santiagués. A igrexa foi consagrada en 1756, mais as obras aínda continuaban posteriormente, e, aínda en 1767, o seu fillo Miguel Ferro Caaveiro (ca. 1740-1807) daba as trazas do retablo maior. Trátase dunha das poucas edificacións con planta novidosa dentro, non só do barroco galego senón español, pois fronte ao predominio da planta rectangular, Ferro introduce unha planta central inscrita en cruz grega cuberta por cúpula, con anel decorado. A fachada está elaborada con decoración de placas e pilastras caixeadas, organizada a xeito de retablo, con avance do corpo central e retroceso das laterais, corpo central que se coroa cun frontón rectilíneo, que acolle o escudo de España. Unha soa sineta de corpo realzado coroa toda a fachada, pero a cornixa presenta unha balaustrada con placas e rematada polas figuras das catro virtudes cardinais (para certo vulgo "os catro paus da baralla"). Esta fachada presenta unha perspectiva inversa, pois ao estar nunha situación afundida respecto da Praza do Obradoiro, desde a cal se pode contemplar mellor, os detalles son maiores e monumentais na parte superior, e máis sinxelos na inferior. Pola súa movimentación e decorado, interior e exterior, Ferro anticipa o rococó[1]. Na estatuaría exterior traballou o escultor compostelano José Gambino (1719-1775).

En 1756, actúa na reparación da ponte do Sar e o camiño que conduce a Ourense, practicamente nos extramuros do casco urbano.

Os anos derradeiros[editar | editar a fonte]

En 1758, o cabido catedralicio compostelán encargoulle as trazas da nova fachada da Acibecharía, que substituía á portada medieval. O 30 de xaneiro de 1759 pasou a dirixir as obras, co aparellador Clemente Fernández Sarela. Porén as obras ficaron paralizadas en 1762, cando estaba xa erguida a primeira planta, parte da segunda e o proxecto de remate, pedindo o cabido un novo proxecto, que presentaron Ferro e Sarela. Despois de diversos informes, o cabido decide buscar un novo arquitecto, prescindindo de ambos os dous mestres. En 1765 a dirección pasou ás mans de Domingo Lois Monteagudo[2].

En 1764, Ferro Caaveiro presentou un proxecto para a Casa do Concello de Santiago, que sería rexeitado, pois a obra sería realizada polo enxeñeiro francés Charles Lemaur. Isto mostraba as dificultades que comezaban a ter os arquitectos barroquistas, pois comezaba a ser preferido o novo estilo neoclásico, alentado pola reinante monarquía borbónica.

A partir dese momento, aínda que estaba a traballar en 1766[3] en reformas nos patios traseiros do Hospital Real, a súa vida pasa ao silencio. É posíbel que mesmo pasase por dificultades, pois logo do seu falecemento ocorrido en 1770, a súa viúva solicita axuda do cabido catedralicio.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cfr., Mª del Socorro Ortega Romero, s.v. Ferro Caaveiro, Lucas, in Gran Enciclopedia Gallega, t. XII, páx. 157
  2. Cfr, Otero Túñez, Ramón, Rajoy. constructor. 2001, pxs. 59-66
  3. Chamoso Lamas, Manuel, Santiago de Compostela, px. 60

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ortega Romero, María del Socorro, s.v. Ferro Caaveiro, Lucas, en Gran Enciclopedia Gallega, t. XII, Silverio Cañada Editor. Santiago de Compostela. 1974.
  • Chamoso Lamas, Manuel, Santiago de Compostela. Imprenta Moret. A Coruña. 1980.
  • Otero Túñez, Ramón, Rajoy, constructor, in Cátedra. Revista eumesa de estudios, nº 8, 2001, páxs. 57-78.
  • Singul, Francisco, Lucas Ferro Caaveiro, en VV. AA., Artistas Galegos Arquitectos: Séculos XVII e XVIII. Vigo. Nova Galicia Edicións. 2004, páx. 354 e ss.