Domingo Lois Monteagudo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Domingo Lois Monteagudo
Nacemento8 de abril de 1722
Lugar de nacementoVilalén
Falecemento13 de decembro de 1785
Lugar de falecementoGranada
NacionalidadeEspaña
Alma máterReal Academia de Belas Artes de San Fernando
Ocupaciónarquitecto
editar datos en Wikidata ]

Domingo Lois Monteagudo, nado en Vilalén (Tomonde, Cerdedo-Cotobade) o 8 de abril de 1722 e finado en Granada o 13 de decembro de 1785, foi un canteiro e arquitecto galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fachada da Acibecharía da catedral de Santiago de Compostela.
Pazo de Bóveda.
Igrexa da Encarnación en Montefrío, proyectada por Lois Monteagudo.

Naceu nunha familia de canteiros, oficio no que comezou a traballar. Emigrou a Madrid en 1744 e formouse xunto a Ventura Rodríguez e na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. En 1753 obtivo o primeiro premio da Segunda Clase, e en 1754 o segundo premio (o primeiro quedou deserto) da Primeira Clase. En 1756 obtivo a Medalla de Ouro xunto con Virgilio Verda. Nesa época traballou nas obras do Palacio Real de Madrid e o convento da Visitación de Madrid. En 1758 recibiu unha bolsa, xunto con Juan de Villanueva, para formarse en Roma. Estivo en Italia até 1765, e a finais de 1764 ingresou como académico de mérito na Academia de San Lucas, logo de presentar o proxecto dunha igrexa de planta octogonal.

Tras o seu regreso de Roma, en 1765 foi nomeado mestre de obras da catedral de Santiago de Compostela, traballando na fachada da Acibecharía. Proxectou a capela da Comuñón da catedral, concibida cun estilo clásico, de planta central similar ao Panteón de Adriano e outros monumentos da antigüidade. Levou a cabo a primeira fase da construción desta capela, que foi continuada a partir de 1771 por Miguel Ferro Caaveiro. Nese ano recibiu o encargo de proxectar o novo edificio da Universidade de Santiago de Compostela.

Cara a 1765 encargóuselle a construción do pazo de Bóveda, do marqués de Viance. En 1768 o empresario italiano Nicola Setaro encargoulle o proxecto dun teatro portátil de madeira para compostela, e encargóuselle tamén un castelo de fogos artificiais para as festas do Apóstolo Santiago, o plano de colocación de lampadarios no interior da catedral, e o debuxo do enreixado da capela maior e o coro.

En 1771 regresou a Madrid, desilusionado porque nin o arcebispo Bartolomé de Raxoi nin as institucións civís lle facían encargos. Tiña a idea de ser nomeado director de Perspectiva da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, mais non o acadou, se ben Ventura Rodríguez logrou que fose elixido como membro da Xunta da Academia.

En 1771 este mesmo arquitecto encargoulle dirixir en Granada as obras da colexiata de Santa Fe e as das igrexas parroquiais de Santa María da Encarnación de Loja e a de Vélez de Benaudalla. Deseñou tamén os templos de Alcútar de Bérchules (1778), Alomartes (1779), Nívar (1779), Picena (1780), Malzívar (1783), Talará e a igrexa parroquial da Encarnación en Montefrío, iniciada o 11 de novembro de 1786 e executada polo arquitecto madrileño Francisco Aguado. Nesa mesma vila deseñou unha casa señorial -actual casa consistorial-. Tamén realizou o proxecto de edificio da Universidade de Granada (localizado no terreo do Xardín Botánico), a ponte de Ronda e unha capela no Real Sitio de El Pardo, tamén caracterizada por ter planta octogonal, seguindo o modelo de igrexa que presentara en 1764.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]