Catedral de Visby

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Catedral de Visby
Fachada leste da catedral
Datos xerais
PaísSuecia Suecia
RexiónGotland
Tipocatedral
LocalizaciónVisby
Coordenadas57°38′30″N 18°17′52″L / 57.641666666667, 18.297777777778Coordenadas: 57°38′30″N 18°17′52″L / 57.641666666667, 18.297777777778
Culto
CultoLuterano (Igrexa de Suecia) (dende o século XVI)
Católico latino (antes do século XVI)
DioceseDiocese de Visby
Estiloarquitectura románica
Páxina websvenskakyrkan.se
editar datos en Wikidata ]

A catedral de Visby (sueco: Visby domkyrka, e oficialmente Visby S:ta Maria domkyrka) é unha catedral na cidade sueca de Visby. Pertence á parroquia da catedral de Visby da Igrexa de Suecia e serve á diocese de Visby. Foi inaugurada o 27 de xullo de 1225.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

A catedral de Visby foi construída como igrexa por mercadores alemáns en Visby. Financiouse cunha cota que todo mercador alemán tiña que pagar cando chegaba á cidade.[2][4] A súa construción comezou a finais do século XII, e a igrexa probablemente rematouse ao redor de 1190. A reconstrución da igrexa semella que comezou en 1211 e en 1225 inaugurouse un novo coro.[3] Probablemente na súa orixe a igrexa só era usada por alemáns que visitaban Visby, pero ao establecerse permanentemente moitos deles na cidade, pasou a converterse nunha igrexa tanto para mercadores alemáns residentes como para os que se atopaban de paso, e co tempo tamén para os nativos da illa de Gotland. Así, cando foi consagrada en 1225 polo bispo de Linköping, foi declarada unha igrexa para dúas congregacións, cada unha delas co seu propio sacerdote: unha para visitantes e outra para nativos.[3] Acabou sendo unha das igrexas máis importantes da cidade, e cara ao final da Idade Media era a segunda máis grande de Visby. No presente é a única igrexa medieval de Visby en uso, con 12 igrexas máis conservadas como ruínas na cidade.[3]

Tras a Reforma protestante, a igrexa foi transformada nunha igrexa parroquial da cidade de Visby, e o resto das igrexas abandonáronse. Pouco despois da Reforma, no ano 1572, Gotland converteuse na súa propia diocese e a igrexa foi designada a súa catedral.[2]

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Fachada norte da catedral

A primeira igrexa probablemente foi unha basílica de tres naves cunha única gran torre no oeste adornada con galerías.[2][3] O seu transepto estendíase máis aló do edificio principal cara ao norte e o sur. Infrecuentemente, carecía dun coro proxectado cara ao leste, e debido a isto tiña a forma de case un T, salvo, probablemente, por unha ábsida central ou ábsidas menores que se proxectaban dende o transepto. Estilisticamente, esta primeira igrexa era semellante ás igrexas románicas de Westfalia e do val do Rin.[2] Porén, un feixe de detalles semellan ser únicos. Estre estes está a disposición da galería da torre que inspiraría a moitas das igrexas de Gotland, proporcionando un estilo arquitectónico distinto.[2]

Deste primeiro edificio, os gabletes do transepto, un único portal, a torre ata a ménsula superior e algúns piares é o que queda.[2] Como se indicaba máis arriba, a parte leste da igrexa foi reconstruída durante o principio do século XIII. O tamaño do transepto dobrouse, engadiuse un novo coro no leste del, e no ángulo entre o coro e o transepto construíronse dúas torres. Durante este período da construción, esculpiuse un novo portal sur, aínda en estilo románico. Despois dun intervalo de varios anos comezou unha nova reconstrución. Ampliouse a nave para facerse tan ancha como o transepto, transformando o edificio dunha basílica a unha igrexa-salón. Novamente, os modelos se dirixen cara ao oeste de Alemaña.[2] O espazo superfluo entre o teito e o tellado converteuse nun gran ático.[4] Na bóveda máis ao leste da igrexa, formando o teito do coro, existe un burato redondo. Os académicos cren que este burato era usado durante as representacións da historia da Paixón de Cristo, para erguer unha estatua de madeira de Cristo co obxectivo de ilustrar a súa ascensión aos ceos.[3]

Tras outro intervalo, desta vez de ao redor de cen anos, engadiuse unha capela pronunciadamente gótica máis grande na fachada sur. Engadiuse ademais unha capela máis pequena, tamén gótica. Unha destas capelas, dedicada a Catarina de Alexandría, foi pagada polos fillos dun alcalde, Herman Swertling, que foi executado por traizón en 1342. Un permiso papal para a erección da capela data do ano 1349. Os académicos non se poñen de acordo en cal das capelas foi a pagada polos fillos de Herman Swertling.[2][4][3] A máis grande das capelas foi o primeiro edificio en estilo alto gótico construído en Gotland.[3]

Dende o final da Idade Media realizáronse poucas alteracións na catedral. A meirande parte delas foron debido a danos que o edificio tivo por distintos incendios. Os tellados das torres ou os campanarios datan de 1746 (torre oeste) e 1761 (torres leste). Unha das dúas capelas medievais foi reconstruída externamente en 1761, cambiando os gabletes góticos por outros de estilo barroco. Porén, estes foron retirados en 1899-1901, cando se restaurou o edificio nun tipo de estilo neogótico por Axel Haig (sueco: Axel Herman Hägg). Hägg ou Haig nacera en Gotland, pero vivía en Inglaterra no momento da renovación. Debido a isto algunhas das alteracións, destacando a nova sancristía, son dun típico estilo neogótico inglés.[2]

A catedral foi renovada durante os anos 80 do século XX.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Slottsguiden (ed.). "S:ta Maria Domkyrka". Consultado o 5 de abril de 2018. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Svahnström, Gunnar e Lagerlöf, Erland (1973). Rabén & Sjögren, ed. Gotlands kyrkor. Uddevalla. pp. 45–51. ISBN 9129410355. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Andrén, Anders (2011). Historiska Media, ed. Det Medeltida Gotland. En arkeologisk guidebok. Lund. pp. 105–108. ISBN 978-91-85873-83-8. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Jonsson, Marita; Lindquist, Sven-Olof (1987). Gotlands fornsal, ed. Vägen till kulturen på Gotland. Visby. pp. 113–114. ISBN 91-971048-1-7.