Igrexa de Hamra
Igrexa de Hamra | |
---|---|
Datos xerais | |
País | Suecia |
Rexión | Gotland |
Localización | Hamra |
Coordenadas | 56°58′34″N 18°18′48″L / 56.97612, 18.31346 |
Culto | |
Culto | Igrexa de Suecia |
Diocese | Diocese de Visby |
[ editar datos en Wikidata ] |
A igrexa de Hamra (sueco: Hamra kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Hamra, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia e arquitectura
[editar | editar a fonte]A historia arquitectónica da igrexa é suxerida polo seu aspecto pouco común, coa torre asimetricamente situada na esquina suroeste da nave. O edificio planeouse como unha basílica de tres naves, pero só se completou a parte oriental, formada polo coro, a nave transversal e a torre sobre o centro da estrutura planeada.[1] Na presente igrexa consérvanse a torre e as partes máis grandes do transepto, construídas a mediados do século XIII. Por razóns descoñecidas a nave prevista só se executou nunha forma provisional. O plan orixinal está marcado con lousas no céspede do oeste da igrexa. No seu lugar levouse a cabo unha reconstrución radical a principios do século XIV, na que se retiraron o coro e a parte sur do transepto. A conversión recibiu o deseño típico das igrexas de Gotland cunha nave e un coro máis estreito. No coro atopáronse marcos das fiestras, o portal e meterial de pedra reciclado da anterior igrexa. Na nave colocouse un novo portal gótico na antiga abertura entre a praza central e o brazo do transepto sur abortado. Na antiga zona do coro a única bóveda que se conserva da vella igrexa contrasta co resto das bóvedas. A fiestra da parede norte é como o simple portal apuntado que hai debaixo da primeira igrexa. Na parede oeste hai un grande arco abovedado cara a nave nunca construída e tras o órgano está o arco inferior cara ao corredor norte.
No interior a súa pía bautismal é do século XII e foi realizada polo artista anónimo coñecido como Sigraf. Nela represéntase a infancia de Xesús e a San Miguel. A súa cor é do século XVIII. Na parede norte hai un friso do século XV que representa a Paixón de Cristo. As pinturas na bóveda son de principios do XVIII.
O retablo de arenita en forma de frontón foi realizado no ano 1792. Anteriormente era a representación dun cordeiro cunha bandeira cruzada. No ano 1953 foi substituído por un gran grupo do Calvario de ao redor do ano 1280, cuxa imaxe de Cristo se asemella ao da famosa cruz triunfal da igrexa de Öja. Probablemente o grupo colocouse orixinalmente no arco de triunfo máis antigo da igrexa. A presente cruz triunfal, así como as figuras lateriais, son de mediados ou da segunda metade do século XIV.[1] Hai tamén outras esculturas medievais de madeira, como unha que representa a San Xurxo de ao redor do ano 1400 sobre a porta da sancristía, e partes dun retablo alado coa Coroación de María no centro (tamén de ao redor de 1400) e un Cristo de mediados do século XV.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Vista dende o aire
-
Portal da nave
-
Pía bautismal
-
Cruz triunfal
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Hamra kyrka". Guteinfo. Consultado o 24 de agosto de 2018.