Saltar ao contido

Igrexa de Tofta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de Tofta
Datos xerais
PaísSuecia Suecia
RexiónGotland
LocalizaciónTofta
Coordenadas57°31′18″N 18°10′08″L / 57.52158333, 18.16877778
Culto
CultoIgrexa de Suecia
DioceseDiocese de Visby
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de Tofta (sueco: Tofta kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Tofta, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

Historia e arquitectura

[editar | editar a fonte]

A primeira igrexa no lugar foi construída probablemente a finais do século XII; dese edificio só queda o gablete oeste da nave e restos dun portal que agora se atopan no portal norte.[1] A parte máis antiga da presente igrexa é a parte inferior da torre, construída ao redor do ano 1200. O coro con ábsida do primeiro edificio substituíuse polo actual, de estilo gótico temperán, a mediados do século XIII, ao mesmo tempo que se aumentaba a altura da torre.[1] Ao redor de 1270 levantouse a nova nave e o chapitel da torre fíxose máis puntiagudo.[1] A única parte non medieval é a sancristía, engadida no ano 1881.[1]

As paredes teñen fragmentos de frescos medievais que foron atopados durante unha restauración realizada entre 1958 e 1959. Tamén se conservan un feixe de vidreiras medievais.[2]

Do seu mobiliario, a pía bautismal ricamente esculpida é a peza máis antiga, datando do século XII. Foi probablemente realizada para a anterior igrexa. O altar ten un retablo do século XIV, probablemente feito en Lübeck. Outras dúas esculturas de madeira do mesmo século tamén se conservan na igrexa, unha da Virxe María e outra de Santo Olavo. Un banco medieval ben conservado tamén se atopa na igrexa. No chan do coro hai unha tumba, feita para un labrego e o seu fillo que foron golpeados ata a morte en 1340. Os bancos e o púlpito son barrocos.[2]

No ano 2004 atopouse unha cofia de mallas moi ben conservada nunha habitación da torre durante a limpeza da igrexa. Trátase dunha das cofias de malla mellor conservadas atopadas en Europa, só tras unha semellante que se atopa no Museo Nacional de Escocia. Pode estar conectada coa guerra civil que houbo na illa de Gotland no ano 1288. A cofia está exposta no interior da igrexa.[3][4][5]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Sonstige, Roosval, Johnny (1942). Hejde setting. Generalstabens Litogr. Anstalts Förl.in Komm. OCLC 1068343453. 
  2. 2,0 2,1 Lagerlöf, Erland (1973). Rabén & Sjögren, ed. Gotlands kyrkor. Uddevalla. pp. 253–255. ISBN 9129410355. 
  3. "Tofta kyrka". Guteinfo. Consultado o 16 de agosto de 2018. 
  4. "Unik ringbrynja hittad på Gotland". Sveriges Radio. Consultado o 16 de agosto de 2018. 
  5. "Ringar från en ringväv" (PDF). Riksantikvarieämbetet. Archived from the original on 23 de agosto de 2010. Consultado o 16 de agosto de 2018.