Igrexa de Roma, Gotland

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de Roma
Datos xerais
PaísSuecia Suecia
RexiónGotland
LocalizaciónRoma
Coordenadas57°31′35″N 18°26′31″L / 57.526388888889, 18.441958333333Coordenadas: 57°31′35″N 18°26′31″L / 57.526388888889, 18.441958333333
Culto
CultoIgrexa de Suecia
DioceseDiocese de Visby
Páxina webhttps://www.svenskakyrkan.se/romakloster/roma-kyrka
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de Roma (sueco: Roma kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Roma, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

Historia[editar | editar a fonte]

A presente igrexa estivo precedida por outra considerablemente menor de estilo románico. Algúns fragmentos desa igrexa foron reusados e incorporados na fachada do edificio posterior.[1] A sancristía actual é un remanente desa igrexa anterior.[2]

A igrexa anterior foi derrubada e substituída por unha de estilo gótico durante o século XIII.[2] O edificio foi construído entre 1215 e 1255;[3] exames dendrocronolóxicos demostraron que os derradeiros engadidos realizáronse en 1280.[1] A nave e o coro parece que foron levantados no mesmo período de construción, posiblemente coa excepción da parte máis occidental da nave, que ten un estilo lixeiramente distinto.[2] Planeouse unha torre para a igrexa pero nunca chegou a construírse.[1][2] As influencias para a súa arquitectura pouco común talvez viñeron da próxima abadía de Roma, e polo tanto da tradición da arquitectura cisterciense.[3] A igrexa permaneceu case inalterada dende a idade media. O gran rosetón occidental foi engadido na década de 1880 e no ano 1902 realizouse unha restauración do edificio.[2]

A igrexa semella ter unha función especial. Foi construída preto do lugar onde se atopaba o thing de todo Gotland, e non moi lonxe dun mosteiro cisterciense, a abadía de Roma. A diferenza dunha igrexa normal, ten cinco entradas (en vez de tres) e a súa arquitectura é distinta a das demais igrexas da illa. A súa semellanza coa igrexa dos Dominicos en Visby (agora en ruínas) é perceptible.[1] Hai polo tanto razóns para crer que puido ser usada polos Dominicos, posiblemente para predicar as cruzadas contra os non cristiáns do que no presente son os países bálticos.[1]

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Externamente a igrexa ten a forma dunha basílica; no interior, porén, é unha igrexa de salón.[1][2] Por esta razón foi chamada unha "falsa basílica".[3] É unha das máis grandes do rural de Gotland,[3] e de feito podería ter sido a máis grande unha vez rematada.[1] A igrexa de Lau, un pouco máis grande, foi rematada só pouco despois.[1] A superficie do chan é de preto de 400 metros cadradis e a bóveda máis alta mide uns 10 metros.[3] As bóvedas están soportadas por catro piares.[2] O feito de que carezca de frescos medievais pode ser debido ás influencias da próxima abadía de Roma.[3]

O interior caracterízase pola renovación de estilo neogótico realizada en 1902.[2] É relativamente escuro e poucos mobles medievais se conservan.[1][2] O retablo e os bancos son de 1902. Un retablo anterior, do ano 1656, foi levado a un dos muros da nave.[2] Unhas poucas tumbas medievais están expostas na igrexa, e a pía bautismal é tamén medieval. Data do século XIII e non hai outra semellante en Gotland, tendo máis en común coas pías bautismais de Småland e Östergötland da mesma época.[1]

No cemiterio hai un campanario con tres campás. Antes de 1929 esas campás pertencían á vila ucraína de Gammalsvenskby, onde hai unha minoría que fala sueco.[3] A uns centos de metros da igrexa hai unha copia dunha granxa de Gammalsvensby, construída por voluntarios en 1977.[3]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 Andrén, Anders (2011). Historiska Media, ed. Det medeltida Gotland: en arkeologisk guidebok. Lund. pp. 194–196. ISBN 978-91-85873-83-8. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 Lagerlöf, Erland (1973). Rabén & Sjögren, ed. Gotlands kyrkor. Uddevalla. pp. 223–224. ISBN 9129410355. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 "Roma kyrka". Svenska Kyrkan. Consultado o 8 de agosto de 2018.