Igrexa de Vamlingbo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Igrexa de Vamlingbo
Igrexa de Vamlingbo.jpg
Datos xerais
PaísSuecia Suecia
RexiónGotland Gotland vapen.svg
LocalizaciónVamlingbo
Coordenadas56°58′11″N 18°13′49″L / 56.96969444, 18.23033333Coordenadas: 56°58′11″N 18°13′49″L / 56.96969444, 18.23033333
Culto
CultoIgrexa de Suecia
DioceseDiocese de Visby
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de Vamlingbo (sueco: Vamlingbo kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Vamlingbo, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira igrexa do lugar foi unha stavkirke, substituída posteriormente por unha igrexa románica de pedra. Desas primeiras igrexas non queda nada agás algúns relieves románicos incorporados no muro sur do presente edificio e a pía bautismal, realizada polo mestre escultor coñecido como Byzantios.[1][2]

A presente igrexa é un grande edificio gótico que data de mediados do século XIII. Só a torre é posterior, construída no século XIV. Tiña ao redor de 75 metros de altura, sendo a máis alta de Gotland, pero quedou seriamente danada por un lóstrego en 1817. Así, a parte superior da torre, incluída a lanterna, data de 1820.[1][2]

O edificio é unha das igrexas máis grandes de Gotland, probablemente debido a que a gran parroquia no seu momento era unha das máis ricas da illa.[1][2] Porén, tamén é posible que o pouco común tamaño da igrexa poida explicarse a que, ao igual que na igrexa de Lau, os monxes dominicos predicasen as cruzadas contra os pagáns presentes onde hoxe en día se atopan Estonia e Letonia.[1]

Dende a idade media a igrexa permaneceu case intacta. Entre 1960 e 1961 realizáronse investigacións arqueolóxicas e traballos de restauración.[2]

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Trátase dunha igrexa de salón[1] dun tipo bastante común en Gotland. A nave é espazosa e ancha, dividida en tres partes por catro robustos piares. Os canteiros que construíron a igrexa alternaron calcaria vermella e gris nos piares e outros detalles, creando un interior moi colorido. Na súa parede norte hai un conxunto de elaborados frescos medievais, representando unha escena na cal o arcanxo Miguel está pesando a alma do Emperador Henrique. A pintura é de mediados do século XIII e é un dos frescos máis grandes e máis pouco comúns de Gotland. Suxeríuse que San Miguel foi o patrón da igrexa. Outros frescos menos dominantes representan escenas de santos e apóstolos, ademais de haber pinturas puramente decorativas.[2]

Do seu mobiliario a pía bautismal é probablemente a peza máis notable. O retablo é do século XIV e amosa influencias da arte do oeste de Alemaña.[2]

Casa reitoral[editar | editar a fonte]

Ao lado da igrexa atópase a antiga casa reitoral. É edificio excepcionalmente grande consistente nun pequeno complexo formado por catro anexos e unha gran casa principal. A casa, situada no lugar dunha reitoría medieval, é do ano 1779 e amosa trazos dunha forma simple e vernácula de Rococó.[3]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Andrén, Anders (2011). Historiska Media, ed. Det medeltida Gotland: en arkeologisk guidebok. Lund. pp. 219–221. ISBN 978-91-85873-83-8. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Lagerlöf, Erland (1973). Rabén & Sjögren, ed. Gotlands kyrkor. Uddevalla. pp. 262–264. ISBN 9129410355. 
  3. Jonsson, Marita; Lindquist, Sven-Olof (1987). Vägen till kulturen på Gotland. Visby: Gotlands fornsal. pp. 201–202. ISBN 91-971048-1-7.