Igrexa de Lärbro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Igrexa de Lärbro
Igrexa de Lärbro 2.jpg
Datos xerais
PaísSuecia Suecia
RexiónGotland Gotland vapen.svg
LocalizaciónLärbro
Coordenadas57°47′14″N 18°47′37″L / 57.78719444, 18.7935Coordenadas: 57°47′14″N 18°47′37″L / 57.78719444, 18.7935
Culto
CultoIgrexa de Suecia
DioceseDiocese de Visby
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de Lärbro (sueco: Lärbro kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Lärbro, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

Historia[editar | editar a fonte]

A igrexa de Lärbro está construída nunha antiga importante posición estratéxica, e a parte máis antiga do conxunto é a torre defensiva que se atopa ao seu carón. A torre foi levantada a finais do século XII con cinco pisos e aínda está intacta. No presente úsase para albergar exposicións temporais.[1]

Unha igrexa románica de pedra construíuse no lugar máis ou menos ao mesmo tempo que a torre defensiva, e dela un feixe de detalles, como un portal, foron conservados e incorporados ao presente edificio principalmente gótico. Os traballos de reconstrución, que transformaron o edificio románico no actual, comezaron a finais do século XIII. A nave e o coro levantáronse case ao mesmo tempo, sendo o coro só un pouco máis antigo. A pouco común torre octagonal, foi construída na década de 1340. Dende un principio a igrexa estivo ricamente decorada con frescos e esculturas de pedra.[1][2]

A torre orixinalmente tiña o dobre de tamaño que a presente, pero resultou danada nunha treboada en 1522 e nunca foi reconstruída para recuperar a súa altura. Dende entón a igrexa permaneceu case inalterada.[2]

Arquitectura[editar | editar a fonte]

A característica máis pouco común da igrexa de Lärbro é a torre octogonal, única entre as igrexas do rural de Gotland. Probablemente estea inspirada nunha das igrexas agora en ruínas de Visby, así como na súa catedral. A torre está ricamente decorada con gárgolas e relieves, e ten un gran portal occidental decorado con esculturas de santos e esculturas que representan a infancia de Cristo.[2] Os académicos especularon sobre o motivo polo cal a igrexa ten esa torre tan pouco común. Puido ser usada como unha capela dedicada a San Olaf e a inspiración para a súa forma pouco común puido vir da catedral de Nidaros en Noruega.[1]

A nave e o coro tamén teñen uns portais ricamente decorados. No interior a igrexa é grande e espazosa. Aínda sobreviven fragmentos de frescos orixinais, incluídas combinacións pouco comúns de elementos pintados e esculpidos. Entre o mobiliario destacan unha cátedra de bispo do século XIII e o peculiar retablo de ao redor de 1400 pero repintado en 1746. A meirande parte do resto do mobiliario é dos séculos XVII e XVIII e de elaboración local.[2]

Cemiterio[editar | editar a fonte]

Preto da igrexa hai un cemiterio que pertenceu a un hospital en tempos de guerra, activo en Lärbro entre 1939 e 1946.[3] Aínda que nunca foi amplamente utilizado polo exército sueco xa que Suecia non loitou na segunda guerra mundial, o hospital admitíu a refuxiados con tuberculosis, incluídos refuxiados da ocupación soviética dos estados bálticos, antigos prisioneiros dos campos de concentración de Auschwitz e Bergen-Belsen e incluso soldados da Wehrmacht fuxidos.[3] O hospital tratou ao redor de 500 pacientes de campos de concentración, moitos deles cidadáns polacos.[3] Deles 45 non sobreviviron e están enterrados no cemiterio.[3] As autoridades polacas colocaron unha placa en memoria dos falecidos.[3]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Andrén, Anders (2011). Historiska Media, ed. Det medeltida Gotland: en arkeologisk guidebok. Lund. pp. 179–181. ISBN 978-91-85873-83-8. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Lagerlöf, Erland (1973). Rabén & Sjögren, ed. Gotlands kyrkor. Uddevalla. pp. 208–211. ISBN 9129410355. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Lärbro krigssjukhus museum". Museumkrigssjukh. Consultado o 14 de agosto de 2018.