Igrexa de Dalhem

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de Dalhem
Datos xerais
PaísSuecia Suecia
RexiónGotland
LocalizaciónDalhem
Coordenadas57°33′09″N 18°32′03″L / 57.55244, 18.53415Coordenadas: 57°33′09″N 18°32′03″L / 57.55244, 18.53415
Culto
CultoIgrexa de Suecia
DioceseDiocese de Visby
Estiloarquitectura románica
Páxina webhttps://www.svenskakyrkan.se/visbystift/dalhems-kyrka
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de Dalhem (sueco: Dalhems kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Dalhem, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira igrexa que houbo no lugar foi unha stavkirke, hoxe desaparecida. Seguiulle unha pequena igrexa de pedra,[1] probablemente de estilo románico, que seguramente tivese un coro con ábsida.[2] Na presente igrexa o coro e a nave son as partes máis antigas, datando do século XIII. A torre, o portal principal e a gran fiestra na fachada oeste datan do século XIV. A construción foi dirixida por monxes cistercienses da próxima Abadía de Roma. A igrexa permaneceu case inalterada dende entón sendo engadido algún mobiliario posteriormente, destacando o púlpito de madeira tallada de 1637. No ano 1899 iniciouse unha gran restauración que transformou a igrexa en gran medida.[2]

Restauración[editar | editar a fonte]

O arquitecto e artista Axel Herman Hägg recadou cartos, tamén internacionalmente, para completar a restauración da igrexa. Os traballos continuaron durante 15 anos, ata 1914. A igrexa alterouse substancialmente tanto externamente como internamente,[2] nun intento de facer que parecese máis medieval.[1] A renovación considerouse notable na súa época, e fixo que a igrexa fose chamada o "santuario nacional de Gotland".[1] No presente, a renovación foi descrita como "unha reconstrución estridente e imprecisa da Idade Media".[1] Permanece como un interesante exemplo das ideas da conservación do patrimonio cultural prevalecentes nese momento.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

A igrexa está formada por tres partes distintas: a torre, a nave e o coro. A torre, que ten uns 50 metros de altura, está adornada con galerías, unha influencia da arte do val do Rin, e está coroada cunha forma de agulla coñecida como temón renano. O portal principal, na fachada sur, está decorado con esculturas de pedra con motivos pouco comúns en Gotland e é do século XIV. No muro adxacente ao portal norte, hai unha tumba da anterior igrexa. O exterior foi encalado, pero durante a restauración deixouse a pedra núa.[1]

Internamente a igrexa está dominada completamente polos cambios realizados entre 1899 e 1914, pero entre os últimos engadidos aínda hai varios elementos orixinais medievais. O igrexa ten a vidreira máis antiga de Gotland, feita por un artesán alemán, pero a ela se lle engadiron novas fiestras imitando o estilo medieval durante a restauración.[2] Tamén sobreviven varios frescos medievais, representando por exemplo a crucifixión ao arcanxo Miguel. Porén, as paredes están dominadas polas moitas pinturas realizadas por Hägg durante a renovación. Un nicho destinado a gardar o pan e o viño da eucaristía sobrevive da anterior igrexa románica. Tamén se conserva unha cruz procesional do século XIV e unha pía bautismal do século XII, pero case todo o mobiliario restante é da restauración da igrexa.[2]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Andrén, Anders (2011). Historiska Media, ed. Det medeltida Gotland: en arkeologisk guidebok. Lund. pp. 188–191. ISBN 978-91-85873-83-8. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Lagerlöf, Erland (1973). Rabén & Sjögren, ed. Gotlands kyrkor. Uddevalla. pp. 116–119. ISBN 9129410355.