Domingo Fontán
Domingo Fontán Rodríguez, nado en Porta do Conde (Portas) o 7 de abril de 1788 e falecido en Cuntis o 24 de outubro de 1866, foi un ilustrado galego, coñecido sobre todo por ser o autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia, a Carta Xeométrica de Galicia.
Índice |
Traxectoria [editar]
Formación académica [editar]
Pasou boa parte da súa vida vencellado á Universidade de Santiago de Compostela, onde primeiramente cursou os estudos de Filosofía, matriculándose ao longo dos anos en Leis e Cánones, Ciencias Exactas e Teoloxía. En 1811 comezou a súa carreira de profesor como substituto do catedrático de Retórica e durante o curso 1813-14 substituíu o titular da cátedra de Lóxica e Metafísica.
Elaboración da Carta Xeométrica de Galicia [editar]
En 1817 comezou os seus traballos de medición para realizar a Carta Xeométrica de Galicia, labor ao que consagrou dezasete anos da súa vida e polo que é lembrado hoxe en día. En 1834 rematou os traballos da carta e presentouna oficialmente á Raíña Gobernadora, María Cristina, quen mandou imprimila, se ben non se puido realizar esta tarefa ata o ano 1845 en París. Este foi o primeiro mapa realizado en España con métodos científicos e medicións matemáticas.
Carreira política [editar]
Foi elixido deputado polo Partido Liberal pola provincia de Pontevedra en 1837, ocupando este posto ata 1843, ano no que se retirou. Fontán fixo da súa causa a defensa de Galicia, sobre todo na abolición dos foros e na loita contra o caciquismo. Non obstante, o seu liberalismo valeulle a perda da súa cátedra universitaria até en dúas ocasións[1].
Últimos traballos e pasamento [editar]
Participou na creación da primeira fábrica de papel de Galicia, construída en Lousame en 1863, e traballou tamén no deseño do trazado da primeira liña férrea de Galicia en 1858, que uniu Santiago co Carril, proxecto aprobado polas Cortes en 1861, e que non foi inaugurado ata dez anos despois.
Está soterrado no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.
Descendencia [editar]
- Un dos seus descendentes é Francisco Javier Moldes Fontán, (por liña materna), profesor, político e diplomático, quen fora diputado cofundador do CDS xunto ó ex presidente do goberno español Adolfo Suárez [2] ; ó igual que o seu fillo o escritor Diego Moldes.
Notas [editar]
- ↑ Otra idea de Galicia, de Miguel-Anxo Murado. páx 11
- ↑ La Voz de Galicia, 27/11/2010 (ver segundo parágrafo)
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]
- Fundación Domingo Fontán
- Páxina dedicada a Domingo Fontán
- La Cartografía de Fontán artigo publicado en Xornal de Galicia o 26 de abril de 2010, a cargo de Ramón M. Lorenzo Martínez, presidente da Sociedade Española de Cartografía (en castelán)