Cómodo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Marcus Aurelius Commodus Antoninus

Marcus Aurelius Commodus Antoninus, máis vulgarmente chamado Cómodo (31 de agosto, 161, Lanuvio - 31 de decembro, 192, Roma) foi un Emperador Romano que gobernou de 180 a 192.

Era fillo de Marco Aurelio e de Faustina a Nova e foi o primeiro emperador, nunha serie de cinco, en ascender ao poder por lazos de sangue e non por adopción. A Cómodo sorprendeuno a morte do seu pai mentres completaba a submisión dos cuados. Firmou apresuradamente a paz cos cuados, marcomanos e buros e volveu a Roma. Este emperador era a antítese de Marco Aurelio. Cruel, caprichoso, corrupto e apaixonado dos combates dos gladiadores, nos que el mesmo participaba, ergueu as iras do Senado, alleouse do apoio do exército e non tardaron en se urdir conspiracións para o apartar do poder.

A estabilidade que oferecía o mecanismo sucesorio, e que tan bos resultados dera nos anos anteriores, entrou en crise. Estalaron motíns nas provincias e na mesma Roma, neste último caso pola carestía das subsistencias, e que se atribuíron aos manexos especulativos de Cleandro, favorito do emperador.

O sistema estaba canso, o que se traducía nunha progresiva ineficacia, e non sería xusto dicir que toda a responsabilidade era de Cómodo, pero non é menos certo que a súa desastrosa actuación agravou unhas condicións que terían necesitado dun gobernante enérxico, capaz e honrado para lle poñer freo.

Os derradeiros anos de Cómodo foron un auténtico delirio de extravagancias e crueldades da mais impúdica exhibición, dunha megalomanía que parecía non ter limites. O emperador presentouse como un deus e obrigou a adoptar o adxectivo de "comodiano" para designar todas as institucións. Incluso parece que pretendeu trocar o nome de Roma. Tramáronse numerosas conspiracións contra el mesmo, que eliminou con numerosas execucións nas que foron vítimas familiares e colaboradores. Nunha delas, tramada pola súa concubina Marcia, foi asasinado por un gladiador.

Tras o seu asasinato, o Senado votou a damniato memoriae, isto é, a condena da súa lembranza, polo que o seu nome foi borrado e omitido, e todos os seus decretos e disposicións, anulados.

As películas A caída do Imperio Romano (1964) e Gladiator (2000) están baseadas parcialmente na vida de Cómodo, mais débese ter cautela na rigorosidade histórica das mesmas.

Imperio Romano

Segue a:
Marco Aurelio
Cómodo
Precede a:
Pertinax
Dinastía dos Antoninos