Universidade de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Universidade de Vigo
Logo da Universidade de Vigo
Datos xerais
LocalizaciónVigo/Ourense/Pontevedra
Datos actuais
ReitorManuel Reigosa
Alumnos21 235[1]
Datos de contacto
EnderezoCampus Universitario, Vigo (Pontevedra)
Páxina webuvigo.gal
Facebook: uvigo Twitter: uvigo Instagram: universidadedevigo Dialnet: 819122 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A Universidade de Vigo é unha universidade pública inserida dentro do Sistema Universitario de Galicia con sede na cidade de Vigo.[2] Conta con campus en tres cidades: Campus de Vigo, Campus de Pontevedra e Campus de Ourense.[2] No 2010 a Universidade de Vigo converteuse no centro do campus de excelencia internacional interuniversitario Campus do Mar, no cal participan as tres universidades galegas e varias portuguesas do norte, así como centros CSIC e IEOs.[3][4][5]

Dende o 2018 Manuel Reigosa, fisíologo vexetal, ocupa o cargo de reitor.[6][7]

Historia

O antecedente directo da institución foi o chamado Colexio Universitario de Vigo, creado tras a aprobación en 1972 da construción do citado nas Lagoas, en Marcosende, na parroquia de Zamáns, e baixo o patrocinio da Caixa de Aforros de Vigo. No curso 1977-78 iniciáronse as clases nas titulacións que naquel entón se ofrecían: Ciencias Químicas e Biolóxicas, Económicas e Filoloxía. Dous anos despois do comezo da docencia na institución a Universidade de Compostela integrou os estudos impartidos en Vigo baixo a súa tutela administrativa e académica.[8]

A Lei 11/1989 de 20 de xullo de ordenación do sistema universitario de Galicia reordenou o panorama universitario da comunidade autónoma.[8] A Universidade de Vigo foi constituída como tal en 1990 tras a súa segregación da Universidade de Santiago de Compostela.[8] O primeiro reitor (1990-1994) foi o enxeñeiro químico Luís Espada Recarey que sería substituído no cargo polo profesor José Antonio Rodríguez Vázquez (1994-1998). Entre os anos 1998 e 2006 o posto estivo en mans do catedrático redondelán Domingo Docampo Amoedo, entre 2006 e 2010 Alberto Gago Rodríguez, e entre 2010 e 2018 Salustiano Mato.

A Universidade acadou o maior número de matrículas no curso 1999-2000 (29 000 alumnos/as), desde entón houbo un continuo descenso do alumnado. En 2006 contaba con 21 263 matriculados/as (12 820 no Campus de Vigo, 4 991 no de Ourense e 3 452 no de Pontevedra). No curso 2016-17 o número total de estudantes ascendía a 21 235.[1]

Campus

A Universidade de Vigo conta con tres campus en diversas poboacións do territorio galego: Vigo, Ourense e Pontevedra.

O Campus de Vigo, ou Campus Vigo Tecnolóxico, atópase distribuído en diversas sedes. A principal delas é a cidade universitaria das Lagoas-Marcosende situada na parroquia de Zamáns. Porén, no centro de Vigo sitúase o chamado Campus Urbano, asentado nun edificio da década de 1930 deseñado polo arquitecto vigués Jenaro de la Fuente Álvarez. Este edificio, situado na rúa Conde de Torrecedeira e coñecido aínda na actualidade como Escola de Peritos Industriais, é hoxe parte da Escola de Enxeñaría Industrial da universidade. Anexa a este edificio atópase unha biblioteca universitaria. Xusto enfronte, no outro lado da rúa, está a Escola Universitaria de Estudos Empresariais. Na Illa de Toralla, no Edificio Filomena Dato, ten a súa sede a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), na marxe sur da Ría de Vigo.

O Campus de Pontevedra dispón de varios espazos dentro da cidade homónima. Posúe un campus central coñecido como A Xunqueira, na zona norte da vila, alén de diversas facultades no centro da cidade. A sede do vicerreitorado está enclavada na Casa das Campás, un edificio histórico de propiedade municipal cedido para uso da Universidade de Vigo.

O Campus de Ourense-Campus da Auga atópase plenamente inserido no casco urbano da cidade, no barrio das Lagoas. Ocupa as instalacións do antigo Hospital da Lonia. Conta, ademais, con outras infraestruturas, coma o Edificio de Ferro (sede das Facultades de Educación e Traballo Social e mais de Historia), ou o Edificio Politécnico, no que se atopa a Facultade de Ciencias e a Escola Superior de Enxeñaría Informática. Na parte nova, coñecida como Campur Sur, sitúanse as Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e mais a de Dereito, ambas no mesmo edificio, e mais a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Outras instalacións inclúen a Biblioteca Universitaria Rosalía de Castro, a piscina universitaria, a pista polideportiva e diferentes espazos para practicar deporte ao ar libre, entre eles un campo de herba sintética.

Centros docentes

Campus de Vigo (As Lagoas-Marcosende)

Escola de Enxeñaría Industrial.
Facultade de Ciencias Económicas (Campus Lagoas-Marcosende).
Facultade Filoloxía e Tradución (campus Lagoas-Marcosende).

Campus de Vigo (Centro)

Centros adscritos

  • EU de Enfermaría (Meixoeiro)
  • EU de Enfermaría (Povisa)
  • EU de Maxisterio "María Sedes Sapientiae"
  • Escola de Negocios Afundación

Campus de Pontevedra

Centros adscritos

Campus de Ourense

  • Escola Superior de Enxeñaría Informática
  • Facultade de Ciencias
  • Facultade de Ciencias da Educación
  • Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo
  • Facultade de Dereito
  • Facultade de Historia
  • Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo
  • Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI)

Centros Adscritos

  • Escola Universitaria de Enfermaría

Estrutura de goberno

O 20 de maio de 2010 celebráronse eleccións ao reitorado con dúas candidaturas: Nova Universidade, liderada por Jaime Cabeza Pereiro, e Alternativa Universitaria, liderada por Salustiano Mato. Esta última resultou a vencedora na cita electoral acadando o 52,6 % dos votos[10]. No ano 2014, Mato presentou a súa candidatura por Nova Universidade e obtivo a reelección por 751 votos nuns comicios aos que acudía como único candidato. Desde o 4 de xullo de 2014 ata o 2018 a xunta de goberno da universidade estivo composta por:

  • Reitor: Salustiano Mato de la Iglesia
  • Vicerreitoría de Planificación e Economía: José Manuel García Vázquez
  • Vicerreitoría de Investigación e Transferencia: María Asunción Longo González
  • Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado: Ana María Graña Rodríguez
  • Vicerreitoría de Estudantes: Dolores González Álvarez
  • Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais: Manuel Fernández Iglesias
  • Vicerreitoría do Campus de Ourense: Virxilio Rodríguez Vázquez
  • Vicerreitoría do Campus de Pontevedra: Juan Manuel Corbacho Valencia
  • Secretaría Xeral: Gloria Pena Uris

Graos, mestrados, estudantado e outros datos de interese

Desde a súa segregación da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo foi pouco a pouco incrementando tanto o número de titulacións como a cantidade de profesorado e alumnado.

A universidade ten nos seus tres campos 22 centros universitarios propios, 7 centros adscritos e 5 centros tecnolóxicos, e que cobren 140 áreas do coñecemento. Neles predomina as titulacións en ciencias sociais e xurídicas e as enxeñarías[1] En 2017 a universidade formaba a 21 235 estudantes: 17237 cursando graos, 2048 mestrados e 1365 doutoramentos.[1] Así mesmo, tiña a 1376 persoas adicadas a investigación e docencia, 434 investigadores en formación ou técnicos e 484 persoas vencelladas a proxectos. O persoal de administración e de servizos foron 702 persoas.[1] Ademais, pasou dun investimento en investigación de 0,51 millóns de euros no ano 1991 a 5,23 millóns no 2001. O orzamento total da institución para 2016 ascende a 160.586.524 €[11]. A meirande parte do gasto corresponde a gasto de persoal e gastos correntes e distribuído na súa maioría nos grupos de investigación tecnolóxica e xurídica e social.[1]

Galería de imaxes

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Universidade de Vigo (eds.). "Informes e estatísticas: Universidade de Vigo en cifras". 
  2. 2,0 2,1 Consellería de Educación e Ordenación Universitaria Secretaría Xeral de Universidades, Xunta de Galicia (2010). GALIGRAF GALICIA, eds. Guía do sistema universitario de Galicia. ISBN 978-84-693-9727-5. 
  3. "Sobre Campus do Mar". Campus do Mar. Consultado o 26/4/2018. 
  4. Ángel Paniagua (14/01/2010). "El campus del mar de Vigo ya es un proyecto de toda Galicia". La Voz de Galicia. 
  5. Primitivo Carbajo (7/11/2010). "Entrevista: SALUSTIANO MATO Rector de la Universidad de Vigo - "El Campus do Mar revolucionará todo el tejido económico"". El País. 
  6. "Eleccións 2018". Universidade de Vigo. Consultado o 26/4/2018. 
  7. Marcos Pérez Pena (23/04/2018). "Antonio López e Manuel Reigosa, novos reitores das universidades de Santiago e Vigo". Praza.gal. Consultado o 26/04/2018. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Organización institucional, Universidade de Vigo. "Historia da Universidade de Vigo". Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2018. Consultado o 26 de abril de 2018. 
  9. Facultade á que de xeito común se lle chamada "Sede Cidade" como se pode ler en Facultade de Enxeñaría Industrial
  10. "Salustiano Mato será o reitor da Universidade de Vigo", Vieiros, 21 de maio de 2010.
  11. Universidade de Vigo (21/12/2015). "O Consello de Goberno aproba un orzamento de 160,6 millóns de euros para 2016". 

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas