Edén

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Thomas Cole: O xardín do Edén, detalle.

O Edén (en hebraico עדן) é, segundo o relato bíblico do libro da Xénese, o lugar onde puxera Deus ao home despois de telo creado a partir de lama.

Etimoloxía da palabra Edén[editar | editar a fonte]

"Expulsión do Edén", de Miguel Anxo. Capela Sistina.

A palabra Edén adóitase a empregar, na linguaxe coloquial, co mesmo significado que o vocábulo Paraíso. A Septuaxinta traduciu a verba hebraica correspondente a “xardín” (gan) mediante a palabra grega parádeisos, que á súa vez vén do termo persiano pardês que significa horta, parque ou xardín. Porén «Edén» é unha palabra hebraica de orixe sumeria "edin" que significa "chaira", ou "lugar chan máis aló das terras cultivadas". O uso da palabra na Xénese parece indicar máis ben unha rexión xeográfica, mentres que o Paraíso refírese á horta "ao leste" nesa rexión.[1] Con todo, despois chámaselle “o xardín do Edén”, e en textos posteriores denomínaselle “Edén, o xardín de Deus” e “o xardín de Xehovah”.[2][3][4] A este feito débese a asociación da palabra galega “paraíso” co xardín do Edén.

É descrito coma un xardín no que as árbores e as plantas de toda especie que embelecían a paisaxe fornecían alimento en ampla variedade. Tamén que Deus puxo ante Adán “todos os animais domésticos e... as criaturas voadoras dos ceos e... toda besta salvaxe do campo”.[5][6] As augas do río “que procedía de Edén” regaban o solo de Edén.[7] O feito de que o home estaba espido permite supor un clima tépedo e agradábel.[8]

Anteriormente propúxose unha relación co termo sumerio "edin" que aparece en escritura cuneiforme e significaría chaira non cultivada, mais agora prefírese a súa relación cunha raíz aramaica que significa "ben regado, frutífero"[9]

Descrición e historia[editar | editar a fonte]

Na Biblia indícase que a horta ou xardín do Edén existiría ao oriente da rexión tamén chamada do Edén, unha rexión que se acharía no Próximo Oriente. Igualmente dise na Xénese, “un río saía do Edén para regar o xardín, e desde alí dividíase, e convertíase en catro cabezas, chamados: río Pisón, que se di, rodeou toda a terra de Havila (Arabia); o río Gihón, que rodearía toda a terra de Cus (Etiopía); o río Hidekel (río Tigris); que iría ao oriente de Asiria; e o río Éufrates. A situación dos dous primeiros confundiu durante moito tempo aos estudosos. Juris Zarins, da Universidade do estado do Suroeste de Missouri, cre que un río hoxe chamado Karun, que nace en Irán e flúe cara ao Golfo Pérsico, é o Gihón e que un leito seco no deserto de Arabia Saudita contivo no seu tempo as augas do Pisón. Segundo este científico, o Edén achábase situado na confluencia do catro ríos na rexión do Golfo Pérsico.[1] Esta era unha área que hai uns 32 000 anos gozou dun clima saudábel, mais que no 15 000 a.C. tornouse árida, obrigando a emigrar aos pastores e nómades que alí moraban. Ao redor do 6000 - 5000 a.C. o clima mudou de novo e as áridas extensións do leste e do nordés de Arabia Saudita e o suroeste do Irán floreceron de novo. Zarins propón que os nómades volveron de novo e a antigos agricultores, antepasados Obeid dos sumerios. Ao se faceren sedentarios e sufrir o severo axuste que iso supuxo, é de supor que transmitiron a tradición dun paraíso perdido milenios antes, onde era posíbel vivir da terra sen ter que a cultivar.

Relación entre a historia do xardín do Edén da Xénese bíblica e da Xénese sumeria e mesopotámica[editar | editar a fonte]

Relevo asirio: Querubíns a custodiar a árbore da vida.

Do mesmo xeito que acontece coa historia bíblica do Diluvio universal, e a historia de Gilgamesh da mitoloxía sumeria, pódense atopar puntos ou orixe en común, ou influencia de mitos anteriores na historia bíblica da creación do Home.

Así, no Enûma Elish (poema babilónico que narra a orixe do mundo), menciónase que o mundo foi creado en 7 días, e que comezou cun xardín; sendo o mundo creado por Tiamat (unha deusa babilónica con forma de serpe xigante).

Na mitoloxía sumeria, máis especificamente no Mito de Enki e Ninhursag, o deus sumerio Enki cedeu unha costela para crear a deusa Ninti. Igualmente na mitoloxía sumeria, nunha tabela cuneiforme atopada en Nippur fálase dunha terra pura e brillante que non coñecía a doenza nin a morte. Neste pacífico reino o rei das augas, Enki, facía que a auga doce permitise medrar un vizoso xardín. Aquí foi onde se menciona que o deus Enki creou os seres humanos e nun lugar onde o home podía vivir sen medo aos animais, un lugar sen terror; porén posteriormente Enki descubriu que os humanos tiñan un comportamento inaxeitado, e por iso expulsounos deste paraíso. Así no poema de Gilgamesh a deusa Aruru (Ninhursag) asistiu a Enki na creación da especie humana: este ordenoulle á súa nai Nammu, que formase ao home da “arxila que está por riba do abismo”. (Igualmente na mitoloxía exipcia, o deus Khnum da forma ao corpo dos seres humanos a partir de barro nunha roda de oleiro.

Na historia de Gilgamesh, posteriormente ademais descríbese como Gilgamesh procura o segredo da vida eterna, atopando o froito da árbore da vida, o cal lle é arrebatado pola serpe. Igualmente relacionado co mito da serpe bíblica e as Árbores do coñecemento do ben e o mal, e o da vida, atopamos igualmente o mito sumerio da deidade Ningizzida, a quen se lle coñecía como o ou a "Señor/a da árbore da vida", e que era descrita ás veces como unha becha con cabeza humana.

Nos arquivos de El-Amarna, como na biblioteca de Asurbanipal, atopáronse fragmentos do relato do primeiro home "Adapa", nome foneticamente semellante ao Adán hebraico. Adapa arrincaría as ás a un demo do ar nun momento de furia, polo que Anu, o deus do ceo chamouno ao ceo a render contas. O deus Ea, pai de Adapá, comprendendo o perigo advertiulle que non comese nin bebese nada. Pero Anu tranquilizouse ao velo e perdooulle. Ordenou aos seus servidores que lle desen do pan e a auga da vida eterna, pero Adapá, xa advertido, negouse a probalos. Enfurecido Anu expulsoulle, e así Adapá, por un malentendido perdeu a oportunidade da inmortalidade.[10]

Na arte asiria e fenicia é moi recorrente a escena dos querubíns ou espíritos protectores custodiando a árbore da vida na figura da palmeira datileira, tema que tamén é descrito na Biblia como adornando o templo de Salomón.

Debate sobre a existencia da horta do Edén[editar | editar a fonte]

Como na Biblia defínese como horta, os grupos que toman literalmente os relatos da Biblia cren que se estaría aludindo a un lugar real, e non a unha simple alegoría; xa que tamén se menciona un lugar xeográfico, onde tería existido (ao oriente), indicando unha rexión que se atoparía en Próximo Oriente, ao leste do actual Israel, situándose deste xeito nalgún lugar de Mesopotamia ou de Arabia. Con todo, hai que ter en conta que a nivel científico e histórico, non existen probas que indiquen que exista realmente un xardín como Edén nesa zona xeográfica, polo menos, tal como está descrito na Xénese.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Xénese "2:8". BibleGateway (en español). 
  2. Xénese "2:15". BibleGateway (en español). 
  3. Ezequiel "28:13". BibleGateway (en español). 
  4. Isaías "51:3". BibleGateway (en español). 
  5. Xénese "2:9-15". BibleGateway (en español). 
  6. Xénese "2:19-20". BibleGateway (en español). 
  7. Xénese "2:10". BibleGateway (en español). 
  8. Xénese "2:25". BibleGateway (en español). 
  9. Cohen, Chaim (2011). "Eden". En Berlin, Adele; Grossman, Maxine. The Oxford Dictionary of the Jewish Religion. Oxford University Press. 
  10. Grimberg, Carl.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]