Democracia directa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A democracia directa, tamén chamada democracia radical ou democracia cara a cara, é un mecanismo no que cada unha das persoas asociadas a determinada agrupación poden expor en igualdade de poder os seus puntos, iniciativas e propostas actuando directamente sobre ela e dirixíndoa en equipo. Fai énfase na decisión e o cumprimento común de acordos mutuos, sendo entón unha forma de democracia na que os membros dunha asociación (laboral, empresarial, cidadanía local) participan directamente no proceso de toma de decisións políticas, cada asociado representándose a si mesmo en igualdade de dereitos e obrigacións.

Ao opor democracia directa a democracia representativa, rexéitase a todo representante que pretenda falar en nome doutros, actuar no seu lugar ou no seu interese.

Nocións operativas[editar | editar a fonte]

Algúns métodos de democracia directa poden dar aos cidadáns poderes lexislativos e executivos á vez, aínda que a maioría, propostos ou practicados, dan aos cidadáns a dirección do proceso lexislativo, deixando a función executiva a delegados sen maior poder deliberativo que o de asociados, é dicir como encargados e non como autoridades.

A democracia directa, nun sentido moderno, consta de tres alicerces concretos:

  1. A asemblea como manifestación da iniciativa popular
  2. A delegación revogable
  3. O mandato imperativo

A democracia directa enténdese como "goberno directo" mediante consultas e/ou asembleas de asociados. Teñen eles o dereito a propor, aprobar ou vetar leis e son quen de dereito e de feito detentan o poder colectivamente, así como poden retirar o apoio a un delegado en calquera momento.

No aspecto operativo, cada asociación de democracia directa, para funcionaren da mellor maneira, tería que ser o máis próxima posible aos seus membros, con dirección autónoma e entre grupos relativamente lixeiros. A coordinación entre asociacións de democracia directa require unha estrutura confederal ou federalista.