Saltar ao contido

Borrachas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aplisíidos
Aplysiidae
Borrachas

Aplysia punctata
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Metazoa
Filo: Mollusca
Clase: Gastropoda
Subclase: Heterobranchia
Infraclase: Euthyneura
Orde: Aplysiida
Superfamilia: Aplysioidea
Lamarck, 1809
Familia: Aplysiidae
Lamarck, 1809 [1]
Xéneros
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto

A dos aplisíidos (Aplysiidae), ou aplísidos, coñecidos popularmente como borrachas,[2] é unha familia de moluscos gasterópodos da orde dos aplisíidos (Aplysiida),[3] a única da superfamilia dos aplisoideos.[4]

O seu xénero tipo é Aplysia Linnaeus, 1767.[5]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Tanto a superfamilia como a familia foron descritas polo naturalista francés Jean-Baptiste Lamarck, na súa obra Philosophie zoologique.

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]

Os nomes científicos da subfamilia e da familia, Aplysioidea e Aplysiidae, están formados, como é a norma, pola raíz Aplysi- do nome do seu xénero tipo, Aplysia, coa adición dos sufixos do latín científico -oidea e -ĭdae, propios dos nomes das superfamilias e familias de animais, respectivamente.

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a familia coñeceuse tamé polos sinónimos:[3]

  • Aplysiinae Lamarck, 1809
  • Dolabriferidae Pilsbry, 1895
  • Dolabriferinae Pilsbry, 1895
  • Notarchinae Mazzarelli, 1893

O WoRMS condidera os seguintes xéneros, dous deles extintos:[3]

Notas taxonómicas

[editar | editar a fonte]

Un estudo de 2004 [6] demostrou que Aplysiidae é un taxon monofilético con dous clados distintos: Aplysiinae e Dolabellinae + Dolabriferinae + Notarchinae.

A autoridade desta familia aínda está algo disputada. Foi descrita orixinalmente en 1809, de forma incorrrecta, como Laplysiana (forma latinizada do nome orixinal común "Les Laplysiens", por Lamarck, en Philosophie zoologique, 1:320.[7] Tradicionalmente asignada a Rafinesque, en 2001 Bouchet & Rocroi avogaron pola atribución do nome Aplysiidae a Lamarck.

Características

[editar | editar a fonte]

De corpo grande (até 20 cm) e repoludo, teñen unha cuncha dorsal pequena (duns 2 cm), oval, transparente, cuberta polo manto, e provisto de catro tentáculos cefálicos longos e carnosos e de dous pares de parápodos de función estabilizadora.

Teñen unha cuncha reducida a unha diminuta lámina dorsal interna. Aliméntanse de algas e son hermafroditas.

A súa coloración é variábel, en xeral escura.

Posúen unha glándula que segrega un líquido de cor violeta (a tinta ou borra, de aí o nome vulgar galego de borrachas) que expelen cando son importunados.

Viven entre algas desde a zona intermareal até augas máis profundas.

En Galicia

[editar | editar a fonte]

En Galicia viven tres especies da familia dos aplisíidos:

  • Aplysia punctata (Cuvier, 1803), a máis común, de coloración variábel, parda avermellada escura nos individuos novos e parda verdosa escura, ás veces con puntos albrancazados, nos individuos vellos, e outras dúas especies do mesmo xénero, máis escasas,
  • A. fasciata (Poiret, 1798), de cor escura cos bordos dos parápodos avermellados, e a máis rara,
  • A. depilans (Gmelin), 1791, que segrega un líquido de aspecto leitoso, non violeta.

Nomes populares

[editar | editar a fonte]

Aplysia punctata é un dos poucos moluscos inconfundíbeis, recibindo numerosos nomes populares en Galicia, entre eles borracha, tinteiro, tinteira e limacha, e os menos respectábeis de cona de vella, pixa porca, teta do mar etc.[8]

Míguez et al.,[9] danlle o nome de tinteira. Pola súa parte, Rolán,[10] di que esta especie é chamada vulgarmente lebre de mar, denominación, aínda que concordante coa castelá liebre de mar, a portuguesa lebre-do-mar (pero tamén aplísia), a catalá llebre de mar, a francesa lièvre-de-mer, a inglesa sea-here e a alemá Seehase, non é máis que un calco innecesario, xa que, entre os trinta e seis nomes recollidos para ela por Ríos Panisse,[8] non figura este (si, en cambio, conexo de mar, que Antón Santamarina, en nota etimolóxica na obra citada, supón que poida ser un diminutivo de cona, pero ben puidera ser tamén a forma "acastrapada" de coello).[11]

Moitos profesores prefiren o nome de borracha, que alude á borra de función defensiva que expele, porque está máis estendido que tinteiro e a súa variante tinteira, ademais de ser eufónico, e evitando tamén os outros sinónimos de carácter humorístico que, á parte de seren tamén minoritarios, poderían chocar en zonas onde non se usen (e en todo o interior de Galicia). No caso de termos necesidade de diferenciar entre Aplysia punctata e as outras especies do xénero, podemos chamar á primeira borracha común.

  1. Aplysiidae en Shell Catalogue. Consultada o 10/12/2012.
  2. borracha, 1ª acep. no Dicionario da RAG.
  3. 3,0 3,1 3,2 Aplysiidae Lamarck, 1809 no WoRMS. Consultado o 15 de agosto de 2021.
  4. Aplysioidea Lamarck, 1809 no WoRMS. Consultado o 15 de agosto de 2021.
  5. Aplysia Linnaeus, 1767 no WoRMS. Consultado o 15 de agosto de 2021.
  6. Klussmann-Kolb, A. (2004): "Phylogeny of the Aplysiidae (Gastropoda, Opisthobranchia) with new aspects of the evolution of seahares". Zoologica Scripta 33 (5): 439–462. Resumo
  7. Les Laplysiens en Philosophie zoologique.
  8. 8,0 8,1 Ríos Panisse, Mª. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces. Verba, anuario gallego de filología. Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X, pp. 90-92.
  9. Míguez, R., González, C. e García Álvarez, O. (1996): Guía ecolóxica do litoral galego. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-973-3, p. 155.
  10. Rolán, E. (1993): Guía ecolóxica das cunchas e moluscos de Galicia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-698-X., p. 151.
  11. O nome de lebre de mar fai referencia aos tentáculos cefálicos, que lle dan un aspecto que pode recordar ao dunha lebre ou dun coello, coas súas longas orellas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • D'Ancona, U. (1972): Tratado de Zoología. 2 vols. Barcelona: Ed. Labor, pp. 744–745.
  • Grassé, P.-P.; R.-A. Poisson e O. Tuzet (1976): Zoología. 1. Invertebrados. Barcelona: Ed. Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4, pp. 410–415.
  • Remane, A., Storch, V. e Welsch, U. (1980): Zoología sistemática. Barcelona: Ed. Omega. ISBN 84-282-0608-2, pp. 145–146.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]