Saltar ao contido

Carcamán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carcamán
Personaxe de Mitoloxía galega
Creador(es) Tradición oral galega
Información
Raza Raza mitolóxica de xigantes
Ocupación Segundo as distintas versións, piratas míticos, mercadores, contrabandistas, navegantes ou só xigantes mitolóxicos sen ocupación definida.
Residencia Illa de Arousa, ou a Arousa como lugar de paso

Os carcamáns son unha raza mitolóxica de xigantes que vivían na Illa de Arousa. Segundo unha das versións, estaban dedicados á piratería. Hoxe, o termo pervive como xentilicio popular para designar ós veciños da Illa.[1] Baixo o termo de carcamán tamén se designa un barco grande e pesado e, por extensión, un home lacazán que non quere facer esforzos ou ben un home vello e achacoso.[2]

Orixes do termo

[editar | editar a fonte]

Existen diversas hipóteses para a súa orixe, ningunha delas confirmada. Entre elas, as máis coñecidas son:

A illa de Arousa no século XVII no atlas de Pedro Teixeira.

Mercadores italianos

[editar | editar a fonte]

Algúns historiadores consideran que o termo se refería orixinariamente aos comerciantes italianos que navegaban desde a Península Itálica até Flandres, recalando en Galiza durante os séculos XVII e XVIII. Estes mercadores vendían téxtiles e outras mercancías. A conexión coa Arousa podería deberse ao frecuente tránsito destes comerciantes pola zona.[3] Actualmente, carcamano é un termo depreciativo utilizado no Brasil para designar os italianos.[4]

Contrabandistas ou piratas

[editar | editar a fonte]

Outra hipótese apunta a que o termo se empregou para describir os contrabandistas arousáns, especialmente durante períodos de guerra e posguerra, cando o contrabando floreceu debido á escaseza de recursos e á débil presenza da autoridade.[3][5]

Segundo recolle o Diccionario Gallego-Castellano da Real Academia Galega de 1913 (que recolleu posteriormente Eladio Rodríguez no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano de 1958), o nome de Carcamán era unha denominación galega para os contrabandistas. Engade que, en 1826, unha partida de contrabandistas italianos fíxose forte na illa, e desde alí se dedicaban a atacar os lugares veciños. Ámbalas dúas fontes citan como referencia desta información a Murguía, sen concretar máis.[6] Relata Miguel-Anxo Murado que un ano antes, en 1825, sete buques de guerra británicos tomaron a Arousa como base comercial no contexto da guerra dos téxtiles, un conflito entre as potencias que promovían o algodón fronte ao liño.[7]

Folio do barco Carcamán de Pontedeume.

O Dicionario dos seres míticos galegos de Cuba, Reigosa e Miranda unicamente di que son unha "raza de piratas míticos da illa de Arousa". Vaqueiro relaciona estes carcamáns con piratas míticos nas Rías Baixas, e lembra que Carcamán é un microtopónimo que identifica un pequeno cabo na illa da Arousa, onde se di que están soterrados xentes desta raza; tamén hai unha enseada dos Carcamáns en Bueu.[8]

Barcos e navegantes arousáns

[editar | editar a fonte]

O termo tamén se usou para describir os habitantes da Illa de Arousa que se dedicaban á carpintaría de ribeira, a construción artesanal de barcos de madeira.[9] Os arousáns eran coñecidos pola súa habilidade na navegación e construción naval, e este uso do termo puido derivar na súa asociación coa xente da illa en tempos da resistencia contra as tropas francesas (maiormente integradas por mercenarios italianos) nas guerras napoleónicas.[5]

Aspecto lendario e mitolóxico

[editar | editar a fonte]

Nas fichas de catálogo e inventario de García Alén no Museo de Pontevedra sobre as escavacións arqueolóxicas da Arousa dos Bufos e a praia do Naso, menciona que os carcamáns son unha raza de xigantes, habitualmente ligados na mitoloxía galega á cultura castrexa.

O termo tamén aparece mencionado en Cousas, no conto de Castelao «A cova dos carcamáns», na que din que vivía unha moura ou muller encantada. Castelao non localiza a lenda nin dá explicación ningunha do nome da cova dos carcamáns.[10][11]

Aplicacións do termo na illa de Arousa

[editar | editar a fonte]
  • O antigo cemiterio do Nicho era coñecido como "dos carcamáns".
  • A revista do CEIP Torre-Illa chámase Carcamáns e a radio escolar é Radio Carcamán.
  • Un pequeno cabo e a praia adxacente coñécese como Peirao dos Carcamáns e Praia dos Carcamáns.[12]
  • A maior peña do Celta de Vigo, con máis de mil socios, con sede na Arousa, chámase "Carcamáns" (tamén escrita Carcamäns ou Cärcamäns).[13] O seu logotipo é unha adaptación da imaxe dos paquetes de tabaco Celtas.
  • Un filme documental de 2003 do cineasta arousán Marcos Nine sobre a catástrofe do Prestige e a reacción dos arousáns á mesma titúlase Carcamáns.[14]
  • Carcamán é o nome dunha pomba arousá nada en 2019 que bateu o récord de percorrer máis quilómetros nun día.[15]
  1. Estévez, Rosa (11/5/2021). "As duascentas palabras que todo carcamán debe coñecer". La Voz de Galicia. Carcamán: apodo agarimoso para referirse á xente da Arousa 
  2. Esa acepción é recollida en dicionarios de galego como o DiGalego, e como canarismo ou americanismo en dicionarios de castelán, como o da RAE.
  3. 3,0 3,1 "Carcamáns, pobladores de A Illa de Arousa". SonMaravillas (en castelán). Consultado o 2024-12-07. 
  4. S.A, Priberam Informática. "carcamano". Dicionário Priberam da Língua Portuguesa (en portugués). Consultado o 2024-12-08. 
  5. 5,0 5,1 "O PEIRAO DOS CARCAMÁNS. O COMEZO DA LENDA". AGUAMORTA. 2013-12-12. Consultado o 2024-12-07. 
  6. "carcamán". ilg.usc.gal; Dicionario de dicionarios. Consultado o 2024-12-07. 
  7. Murado, Miguel-Anxo (2013-10-03). Outra idea de Galicia. DEBATE. ISBN 978-84-9992-367-3. 
  8. Aínda que se recolle dese xeito no Diccionario, o citado cemiterio dos carcamáns estaba no lugar aínda hoxe chamado O Nicho, que se atopa 1km ao sur da necrópole castrexa ou paleorromana de Os Bufos, mentres que o Peirao dos Carcamáns está respectivamente a 2km e 1km de ambos cemiterios.
  9. "construcción y reparación de embarcaciones de madera". web.archive.org. 2012-07-12. Archived from the original on 12 de xullo de 2012. Consultado o 2019-01-20. 
  10. "Na “cova dos carcamáns”". Cousas de Castelao. 2010-04-29. Consultado o 2024-12-07. 
  11. O mesmo relato pode aparecer baixo o titulo de A dona encantada (Obras (completas) de Castelao, coord.: Henrique Monteagudo, Galaxia 1999, tomo I, pp. 93-95).
  12. Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia > Ficha identificativa de "Peirao dos Carcamáns" A Illa de Arousa.
  13. "A tolemia celtista de Carcamäns: máis de mil peñistas na Illa de Arousa". La Voz de Galicia (en castelán). 2023-08-08. Consultado o 2024-12-07. 
  14. "O CINEMA DE MARCOS NINE - A Cuarta Parede" (en inglés). 2011-03-17. Consultado o 2024-12-07. 
  15. "«Carcamán», la paloma de A Illa que voló 970 kilómetros en solo un día". La Voz de Galicia (en castelán). 2022-10-06. Consultado o 2024-12-08. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]