Saltar ao contido

Canouro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na mitoloxía galega, o canouro é un ser imaxinario cuxa existencia está en discusión, pois pode tratarse dun ser con entidade propia ou ben ser unha manifestación do tardo. Dise que ataca ós meniños no colo do pai e que lles provoca pesadelos, insomnio e delirios. Non se sabe baixo que forma se presenta ("non se sabe o que é nin a súa orixe nin condiciós", di Murguía) pero, polos seus paralelos, pode ser un can negro ou unha man negra e peluda.

Foi Murguía quen, a finais do século XIX probablemente na Raia Seca, recolleu por primeira vez a lenda deste ser mítico. Recolleuno dun romance anónimo titulado, precisamente, O canouro, no que se describe os pesadelos dun rapaz que ve na trabe da súa habitación unha aparición fantasmal moi ruidosa e cun rabo máis longo que a propia trabe. Recolle tamén os esconxuros que bota o pai da criatura e que conseguen facer fuxir ó canouro, a base de invocar ás noitébregas, curuxas, garduñas, lagartos, cobras, sapos e outro bicherío. Supón Murguía que a lenda pode ter orixe xermánica, pois atopa semellanzas coa obra de Goethe O Rei dos Elfos.

Vicente Risco rexeita taxativamente a veracidade desta tradición e inclúeo entre os Mitos falsos ou dudosos:

"'O Canouro', sacado por Murguía dun romance máis que sospeitoso... [que] non ten xeito popular nin antigo, e foille comunicado por [un] personaxe do que coñecemos poesías e que foi soado no seu tempo polas súas facecías"
Risco, px. 309

Os lexicógrafos que recolle o Dicionario de dicionarios danlle o significado de espírito imaxinario que vive nos campos, nos bosques e nas augas.

"Espíritu del campo, de los bosques y de las aguas. Ser sobrenatural, especie de trasgo nocturno o ser maligno que tiene un manifiesto sabor demoníaco... Considérasele además espíritu maléfico, creyéndose que hiere de muerte a los niños en los mismos brazos de sus padres, y se le tiene además por un ser impalpable que molesta y acongoja durante la noche al enfermo, forjando en su imaginación insomnios angustiosos"
Eladio Rodríguez González: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, s. v. canouro

Etnógrafos como Cuba, Reigosa e Miranda, ou Vítor Vaqueiro, non atoparon máis información sobre o personaxe[1] que a achegada por Murguía e, sen negar a veracidade do mito, tampouco o validan. En todo caso, os primeiros relaciónano co tardo e coa man peluda[2] (que aperta a gorxa das persoas dormidas e afógaas), así como con entidades semellantes noutras culturas: a Pesanta en Cataluña, o Aideko vasco, o Pesadiellu asturiano ou a Manona castelá.

  1. "Nunca oímos falar del", di Cuba.
  2. Paralelismo que xa citara Taboada Chivite.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]