Saltar ao contido

Galiña dos pitos de ouro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A galiña dos pitos de ouro é unha das manifestacións dos encantos gardadores de tesouros en castros e fontes, e incluso pode ser ela mesma o propio tesouro.

Características

[editar | editar a fonte]

Parece tratarse dunha moura encantada que adopta a forma dunha galiña negra que anda peteirando entre as pedras do castro, acompañada da súa rolada de pitos, que poden ser catro (un de cada cor) ata cen,[1], aínda que adoitan ser sete. Dise tamén que por veces vai con ela unha vella fiando.

Na Ponte Ulla (Vedra) descríbena como unha galiña branca con doce pitos de ouro, e que se aparece ás doce da noite acompañada dun fantasma.

Os pitos poden converterse en ouro pero unicamente se un se contenta con atrapar un só, porque se se é ambicioso e se atrapan máis, desaparecen. Tamén se pode intentar pillar a propia galiña, e para iso hai que cubrila cun chapeau ou un pano, ou ben cuspíndoa na cabeza. En Ribela (A Estrada) dise que hai unha serpe protexendo galiña e pitos, e que cando alguén intenta pillalos aparecerá a serpe facendo moito estrondo e desaparecerán os pitos. Pero outra versión da lenda di que a galiña se transformará en serpe e só queda desencantada se algún mozo afoutado ousa bicar a serpe nos labios; se así o fai, o encanto recuperará a súa forma de muller e casará con el, proporcionándolle cuantiosas riquezas.

Cóntase da presenza desta galiña no castro de Bares (en Cabana de Bergantiños) ou no de Lañas (en Arteixo); neste segundo parece existir tamén un xigante. Tamén se recolle a lenda ó pé de mananciais, como na fonte do Espiño, en Luaña (Brión); na dos Tarríos, en Vilacova (Lousame), ou na Fonte Cega, de Quende (Abadín. En Santo André de Teixido aparece unicamente no día de San Xoán.

A relación entre a moura encantada e a galiña ponse de manifiesto nalgúns casos. Así, do mesmo xeito que as mouras preguntan ó viandante se prefiren a tenda, chea de obxectos de ouro ou prata, ou a tendeira, en Forcarei cóntase que a galiña pregunta se prefire a galiña ou os pitos. O paisano contestou que os pitos, ante o que a galiña exclamou que, ó ser rexeitada, quedará encantada para sempre.

  1. Cen eran os poliños que rodeaban á galiña do castro de San Cristovo de Donalbai, en Begonte (Lugo).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]